Kathleen March defende a tradución como un "requisito imprescindible" para internacionalizar a literatura galega

Remarca que traducir "non consiste unicamente" en levar unha obra dunha lingua a outra, senón tamén a outros formatos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2023 | Actualizada ás 21:04

Comparte esta noticia

A catedrática emérita da Universidade de Maine e filóloga Kathleen March reivindicou o uso da tecnoloxía para traducir e internacionalizar a literatura galega. Así o fixo durante o acto do seu ingreso como membro de honra da Real Academia Galega (RAG).

Na cerimonia, que tivo lugar no Balneario de Mondariz, a nova académica leu un resumo do seu discurso de ingreso, titulado 'Máis alá do manifesto', e recitou as súas traducións ao inglés de poemas de autores galegos de diferentes tempos.

O nome do discurso fai referencia ao manifesto 'Mais alá' de Manuel Antonio, que foi o primeiro autor galego que descubriu March. Posteriormente, atopouse coas obras de Rosalía de Castro. "Foi Rosalía, co seu compromiso feminista, quen me decidiu o futuro", confesou.

No ensaio Kathleen March identificou a promoción da tradución como "un requisito imprescindible" para internacionalizar o galego, pero advertiu que non se debe cinguir exclusivamente ao libro en papel, nin limitar outros camiños.

"Os novos formatos non deben de darnos medo ou parecernos inferiores", sinalou á vez que defendeu o aproveitamento dos libros electrónicos, os audiolibros ou os códigos QR, unhas formas de traducir, que considerou, "para gañar públicos".

Así, realizou un chamamento a "deixar de pensar" a tradución como un proxecto abstracto para pasar a considerala como "a oportunidade". A continuación, remarcou que, igual que é necesario apoiar ás persoas que escriben ben en galego, "é necesario coidar" daquelas que traducen e da distribución sistemática e intelixente das obras traducidas a outros idiomas.

"IMPARABLE CARA Á INTERNACIONALIZACIÓN"

Durante o seu discurso, tamén fixo unha reflexión sobre o presente e o futuro das letras galegas. Ante isto, esgrimiu que "de case non respirar co peso dun status periférico", o campo literario galego "vai imparable" cara á internacionalización e "irá máis aló aínda".

Así mesmo, realizou unha análise da tradución como "ferramenta necesaria para gañar públicos" para a literatura galega máis aló de Galicia e para enriquecela. Nesta liña, indicou que traducir "non é só" un acto lingüístico, é tamén un acto intercultural que favorece as relacións internacionais "porque comunica os valores de cada cultura e lingua nas que xorde unha obra".

March puntualizou que traducir "non consiste unicamente" en levar unha obra dunha lingua a outra, senón que tamén é levala a outros formatos. Por iso apoiou trasladar un poema á lingua da danza ou do audiovisual, unha narración a un cadro, unha película ou un podcast.

Finalmente, remarcou que hai que "deixar de pensar" na literatura galega "como pequena, non relevante, non universal". "Ten raíces no rural e no antigo, tivo guerras e perdas e silencios, anda polas rúas das cidades. Todo o que ten e vai desenvolvendo a cultura artística galega fai que teña gañado un posto na literatura mundial", sentenciou.

Educadores e bibliotecas traballan a selección de lecturas recomendadas para os máis pequenos. FEDERACIÓN LIBRARÍAS GALICIA
Educadores e bibliotecas traballan a selección de lecturas recomendadas para os máis pequenos. FEDERACIÓN LIBRARÍAS GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta