Galicia comeza a vacinar aos bebés contra o virus respiratorio sincitial, causante do 80 % dos ingresos hospitalarios

Trátase dunha infección que causa ata un milleiro de hospitalizacións ao ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Sanidade iniciou este luns a campaña de inmunización pediátrica contra o virus respiratorio sincitial (VRS), que supón entre o 80 e o 85 por cento dos ingresos en bebés, segundo datos achegados con motivo das primeiras vacinacións en recentemente nados tras a chegada de 15.500 doses á comunidade autónoma.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao Hospital Materno Infantil da Coruña, na que estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde, xunto a outros profesionais sanitarios, entre eles o xefe da Unidade de Pediatría do Materno, Jerónimo Pardo.

O conselleiro sinalou, en declaracións aos xornalistas, que o obxectivo é evitar os ingresos destes bebés e as consultas relacionadas con esta patoloxía. Por iso, comezarase a vacinar, entre as 24 e 48 horas desde o seu nacemento, aos nenos recentemente nados e chamarase tamén aos que o fixeron nos últimos seis meses para que acudan a vacinarse ao hospital. No caso de que a algúns pais non lles chegue a comunicación, "haberá a autocita", precisou.

CITAS

En concreto, de acordo coa información achegada por Sanidade, a campaña comezará cos nenos e nenas que nazan en hospitais galegos, ademais de citar aos nenos prematuros, nacidos desde o 1 de outubro, así como aos que teñan patoloxía de alto risco, menores de 24 meses. Todo para abordar a prevención dunha infección que causa ata un milleiro de hospitalizacións en Galicia.

Respecto da vacinación contra o VRS (un virus estacional frecuente e moi contaxioso que infecta a lactantes nos dous primeiros anos de vida e que é unha das primeiras causas de bronquiolitis e pneumonía), o titular de Sanidade asegurou que se suma a outros pasos dados xa como a vacinación contra o papiloma humano nos nenos ou a campaña do meningococo.

Comesaña situou estas vacinacións no obxectivo de traballar na prevención e, neste sentido, agradeceu a colaboración dos colexios de médicos galegos por "apoiar" estes procesos con iniciativas como a información que facilitan. Mentres, sobre a vacinación contra o VRS, o responsable da Unidade de Pediatría do Materno recalcou que os efectos secundarios son "moi poucos" máis aló de casos como algunha pequena inflamación local ou décimas de febre, "pero nunha porcentaxe moi pequena".

VACINACIÓN GRIPE E COVID

Por outra banda, neste acto, o conselleiro de Sanidade lembrou que hoxe empeza tamén a vacinación contra a gripe e o covid en maiores que están en residencias sociosanitarias e persoas de centros de diversidade funcional. Será, inicialmente, con 30.000 galegos aos que logo se irán sumando a poboación maior de 80 anos, con vacinación en centros de saúde, para logo seguir coa franxa de 60 a 79 anos. En canto a esta vacinación, incidiu en que tamén estará dispoñible para "inmunodeprimidos", ademais de acudirse ao domicilio dos que non se poidan mover.

Chegan a Galicia as primeiras 10.900 dose do anticorpo monoclonal do virus sincitial respiratorio
Chegan a Galicia as primeiras 10.900 dose do anticorpo monoclonal do virus sincitial respiratorio | Fonte: XUNTA DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta