Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2023 | Actualizada ás 15:00
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reprochou ao líder do PP compostelán, Borja Verea, que se sitúe "na confrontación" e en "ditarlle ao presidente da Xunta as súas respostas".
Nunha mensaxe nas súas redes sociais, a rexedora cualificou de "chocante" que o portavoz dos populares "non estea para defender os intereses de Santiago" e "se adique a cuestionar ata o que Manuel Fraga xa admitiu, situando a achega á capitalidade en máis de cinco millóns de euros daquel tempo".
Así se manifestou Goretti Sanmartín despois de que este venres Verea acusase á nacionalista de converter o consistorio en "unha arma de ataque constante contra a Xunta" ao "pór en risco proxectos craves" para a cidade coa súa actitude de "confrontación e de unilateralidade". Con todo, Sanmartín apunta que "afortunadamente, o diálogo e a colaboración sempre foron o principal nas relacións entre o Concello e a Xunta".
"Esa é a nosa vontade e o noso obxectivo. Seguro que o presidente da Xunta tamén quererá estar á altura e non se deixará guiar por outros intereses. Santiago necesita e merece acordos", conclúe Sanmartín.
PSOE
Pola súa banda, o PSOE de Santiago pediu á alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, que priorice no seu encontro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, temas como o aparcadoiro do Hospital Clínico, o problema da vivenda e a implantación da taxa turística.
Ademais, os socialistas composteláns reclámanlle á alcaldesa que acuda a este encontro, que se celebrará o luns, con "espírito colaborativo". "É fundamental, como capital de Galicia que somos, que o Concello e a Xunta traballen da man con lealdade institucional e cordialidade, evitando unha confrontación que nada achega para a cidade", sinalou o edil Sindo Guinarte.
Así mesmo, o PSOE compostelán móstrase "moi crítico" co que considera "un excesivo bombo mediático" desta reunión e ironiza entre as "expectativas que a alcaldesa se esforza en crear deste encontro" e o resultado do mesmo. Confía en que o presidente e a alcaldesa "saiban ter altura de miras e deixar de lado intereses particulares", despois de que nos días previos, engadiu, "se sucederan declaracións pouco construtivas" entre ambas as administracións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.