A produción industrial galega cae case un 6 % en agosto e xa encadea tres meses de descensos

Non entanto, de media do que vai de ano, entre xaneiro e agosto, hai un crecemento do 2,5 % na produción industrial galega, o que contrasta coa baixada do 0,6 % a nivel estatal, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A produción industrial galega caeu un 5,8 % en agosto en comparación co mesmo mes de 2022, un descenso máis acusado do 3,6 % da media española, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves. Deste xeito, Galicia encadea tres meses consecutivos de retrocesos interanuais (xuño, xullo e agosto), xa que o último dato positivo foi en maio. Este 5,8 de diminución interanual é o peor dato negativo desde xullo de 2022.

Non entanto, de media do que vai de ano, entre xaneiro e agosto, hai un crecemento do 2,5 % na produción industrial galega, o que contrasta coa baixada do 0,6 % a nivel estatal. Só dúas autonomías rexistran datos positivos no mes de agosto, Canarias (+ 4 %) e Madrid (+ 1,5 %), nun mes de caídas xeneralizadas. O maior esborralle sófreo Navarra (- 15,9 %). Por destino económico dos bens producidos na comunidade, os bens de consumo descenden un 8,9 %, os de bens de equipo un 4 % e os intermedios un 2 %. A enerxía decreceu un 6,2  %.

DATOS ESTATAIS

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) baixou un 3,6 % interanual o pasado mes de agosto en España, taxa 1,5 puntos inferior á de xullo e o seu maior retroceso desde abril, cando se esborrallou un 4,2 %, segundo informou este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Coa caída de agosto, a produción industrial encadea tres meses de taxas interanuais negativas despois dos retrocesos do 1,7 % e do 2,1 % rexistrados en xuño e xullo, respectivamente. A produción dos bens de consumo non duradeiro foi a que máis baixou no oitavo mes do ano, cun descenso interanual do 9,8 %, seguida da industria enerxética (- 6,2 %); os bens intermedios (- 4,6 %); os bens de equipo (- 2,4 %) e os bens de consumo non duradeiro (- 0,4 %).

Por ramas de actividade, as que máis recortaron a súa produción en taxa interanual foron a confección de pezas de vestir (- 24,1 %); a industria da madeira e a cortiza (- 17,4 %) e a industria do coiro e do calzado (- 15,7 %). Os maiores ascensos, por contra, déronse na fabricación de produtos farmacéuticos (+ 25,1 %) e na fabricación doutro material de transporte (+ 20,2 %).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial baixou un 3,4 % en agosto en comparación co mesmo mes de 2022, taxa 1,2 puntos inferior á de xullo. En termos mensuais (agosto sobre xullo) e dentro da serie corrixida, a produción industrial caeu no oitavo mes do ano un 0,8 %, en contraste co avance mensual do 0,1 % experimentado en xullo e o aumento do 0,5 % rexistrado en agosto de 2022.

Operarios de Stellantis
Operarios de Stellantis | Fonte: Marta Vázquez Rodríguez - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta