Santiago coroará este sábado ao novo rei ou raíña do rap improvisado en lingua galega

A 'Liga CeibaRimas 2023' celebrará a súa terceira edición na Facultade de Ciencias da Comunicación, con concertos de artistas invitados da talla de Willow e Bratzantifa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 06/10/2023 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

Nun tempo no que as rimas están de moda e o rap é un dos estilos musicais máis escoitados polos mozos e mozas de todo o mundo, Ceiba Rimas, a competición de rap improvisado en lingua galega, aterra en Santiago esta fin de semana. Entre artistas emerxentes e moitos concertos, sairá un gañador ou gañadora que porá a súa firma no panorama musical urbano en galego. 

Cartel da edición 2023 de CeibaRimas
Cartel da edición 2023 de CeibaRimas | Fonte: Remitida

A 'Liga CeibaRimas 2023' vai xa pola súa terceira edición. A primeira, no 2020, acolleu a oito rapeiros e rapeiras que, por mor da aparición da covid, tiveron que improvisar dende as súas casas de xeito online. A segunda, no 2022, puido reunir a 16 participantes na primeira edición presencial que deixou a todos os asistentes con moi bo sabor de boca. E, este ano, son 27 as persoas inscritas para saír a improvisar este sábado á palestra, ante a tenta mirada do público.

Semella que a proposta lanzada dende a organización de CeibaRimas anos atrás, empregar a lingua galega para rapear, comeza a dar os seus froitos. Así, nun ano no que por fin o galego chegou como lingua oficial de libre emprego no Congreso dos Deputados, este tipo de iniciativas contribúen a darlle aínda maior pulo entre os mozos e mozas. 

O evento terá lugar na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e, para que o desfrute sexa aínda maior, contará con servizo de bar (comida e bebida a disposición de todos os asistentes) e con opción de trasladalo ao interior do edificio en caso de choiva (que non semella que vaia ser o caso).

A primeira parte do evento será a fase clasificatoria, que comezará ás 16.30 horas, onde entre todos os participantes se elexirán ás 16 persoas que pasarán á seguinte rolda. Ás 18.00 horas serán os primeiros concertos do día no 'Espazo de artistas emerxentes'. Lidia L. Chao, Aprendiz, VerterGz e AtrapGz son os convidados, artistas que crean música urbana en galego, chegados de todas as partes de Galicia para presentar os seus traballos.

Ás 18.30 comezarán por fin as batallas. As 16 persoas seleccionadas na fase clasificatoria iranse enfrontando en batallas eliminatorias de rap improvisado en galego, indo dende oitavos, cuartos, semis e ata a final (unha verdadeira Champions League), onde se coroará á persoa gañadora da 'Liga CeibaRimas 2023'. No medio das batallas terá lugar un concerto de curta duración a cargo de Willow e despois de anunciar ao gañador, as Bratzantifa serán as encargadas de porche o boche de ouro a este evento.

Cabe destacar que CeibaRimas nace co obxectivo de fomentar o uso do galego entre a mocidade empregando o rap improvisado. Búscase crear un espazo creativo e imaxinativo no que a xente se atreva a rapear na nosa lingua, a rebatir a palabra do rival, a improvisar con estímulos impostos... Para isto cóntase con xente tanto do rap, coma da música e da cultura galega en xeral.

O xurado deste ano estará composto por High Paw, Marina de BratzAntifa, Álvaro Alvite de Fo Records, María Lado de Aldaolado e Nervo de Rebeliom do Inframundo, e nos platos estará Señora DJ.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta