Termatalia pecha a súa edición celebrada en Uruguai

500 participantes de 20 países déronse cida nesas terras latinoamericanas nun encontro sobre termalismo que durou tres días e rematou este 6 de outubro. O ministro de Turismo deste país, Tabaré Vise, explicaba durante a recepción realizada en Termas de Guaviyú, en Paysandú, que “estamos entusiasmados por ter a oportunidade de mostrar ao Mundo o marabilloso Destino Termas uruguaio”.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 08/10/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Termatalia Uruguai pechou tres días de intensa actividade no 21º Encontro Internacional sobre Turismo Termal, Saúde e Benestar cualificado ademais como “un dos mellores da historia de Termatalia en América”, polo seu director, Rogelio Martínez. 

Termatalia Uruguai. Foto: Prensa Expourense.
Termatalia Uruguai. Foto: Prensa Expourense.

O ministro de Turismo deste país, Tabaré Vise, explicaba durante a recepción realizada en Termas de Guaviyú, en Paysandú, que “estamos entusiasmados por ter a oportunidade de mostrar ao Mundo o marabilloso Destino Termas uruguaio”.

Pola súa banda, o director de Turismo de Paysandú, José Manuel Galvá, referiu que "os nosos empresarios tiveron a oportunidade de aprender e compartir cos mellores expertos do sector que ademais puideron coñecer o destino in situ”

Este evento serviulle a Uruguai para aprender do modelo europeo no que se refire a utilizar as augas termais desde a perspectiva da saúde e non soamente do lecer e tamén para posicionarse como gran destino termal a nivel mundial.

TERMATALIA URUGUAI EN DATOS

Termatalia Uruguai, evento estritamente profesional superou os 500 rexistrados no IV Congreso Internacional sobre Auga e Saúde no que participaron como relatores 40 expertos. O congreso complementábase cunha área expositiva na que participaron destinos termais de España, Uruguai, Arxentina, Chile, México, Brasil e Alemaña. Entre as actividades celebradas nesta última xornada destacou o seminario sobre augas minerais e introdución á cata de augas impartido pola catadora galega Mercedes González e a CEO de PA Laboratorio de Brasil, Joseani Octaviani. Nesta cata participaron augas minerais galegas, brasileiras e uruguaias. O evento supuxo tamén un estreitamento das relacións entre Uruguai e España e en especial Galicia. Residen neste país na actualidade 70.000 persoas con raíces españolas, 40.000 das cales son galegas.

A próxima edición celebrarase en Ourense como é habitual. En 2025, volverá alternar a súa sede e viaxar a outro país, probablemente de América Latina. Durante esta edición, a dirección de Termatalia recolleu xa o interese de varios destinos termais de países como Chile, Brasil, Colombia ou Arxentina en posicionarse para acoller a próxima edición. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta