Galicia defenderase contra o recurso do Goberno á lei de litoral

Rueda ironiza con que esta norma sexa unha "ameaza" para a Constitución, pero "non hai ningún problema" coa amnistía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2023 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que Galicia "se defenderá" contra o recurso presentado polo Estado á lei galega de litoral ao considerar o Goberno central que é inconstitucional, aínda que para iso "hai que coñecer os argumentos da outra parte".

A preguntas da prensa tras o Consello deste mércores, Rueda insistiu nas súas palabras do pasado martes para queixarse de que non houbo "ningún intento de diálogo" do Goberno central, así como de falta de información en relación co ditame do Consello de Estado no que se basea a presentación do recurso. "Non sabemos cales son esas razóns", di, o que "é moi difícil de entender".

Asegura que recibiu o martes unha chamada da ministra portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, sobre "a campá", media hora antes da reunión de Rueda co ministro de Industria. "Agradecinlle que me chamase, e díxenlle que non lle podía agradecer nada máis", quéixase. Todo iso, ao seu xuízo, despois de meses nos que Executivo central puido iniciar " cando menos unha negociación" en relación con "unha lei tan importante para o futuro de Galicia" e que foi aprobada polo Parlamento galego "sen ningún voto en contra".

Lembra que fai máis dun ano entregoulle un informe do Consello Consultivo ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez. "Díxome que o ía a estudar, pero nunca máis soubemos nada", reproba. "Lamento moito que se queiran facer as cousas así", agrega.

COA AMNISTÍA "NON HAI NINGÚN PROBLEMA"

Rueda di que para o Goberno e PSOE "non hai ningún problema" coa amnistía e "encaixa perfectamente na Constitución", pero unha lei para xestionar a costa é "unha ameaza" á "integridade da Constitución", tal e como "están a facer outras" comunidades.

Insiste en tachar de "broma" que "o gran problema" que está "a piques de tombar a Constitución" sexa a norma galega, dado que "non pasa nada" coa amnistía. Contrapón o ocorrido na lei de litoral coa lei de vivenda, cunha Comisión Bilateral de Xunta e Estado. "O tratamento aquí foi absolutamente o contrario", reprocha. Por iso, carga contra a "falta de respecto a todos os galegos" que identifica con este recurso.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

O GOBERNO TACHA A LEI DE "LEI DE DESCONEXIÓN"

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, tachou de "lei de desconexión" a do litoral da comunidade galega e instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "non saltarse" a Constitución. O Executivo central, segundo incidiu este mércores en declaracións aos medios de comunicación Pedro Blanco, considera que a lei do litoral de Galicia "vulnera abertamente a Constitución, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e a lexislación de costas".

"Por ese motivo, o consello de ministros de onte acordou interpor recurso de inconstitucionalidade desta lei, ao invadir competencias estatais en varios ámbitos", indicou. Na súa opinión, de feito, "en certo sentido é unha lei de desconexión co estado en materia de costas, porque constitúe un auténtico desafío á Constitución e á repartición de competencias nesta materia".

Ante este "desafío", o delegado advirte que "o Goberno non pode facer outra cousa máis que cumprir coa obrigación e defender a Constitución". A este respecto, Blanco advertiu de que "non se trata de tirar balóns fóra, cara á investidura do presidente Sánchez" e subliñou que "o que ten que facer o señor Rueda é porse a traballar polos galegos e non saltarse a lei e a Constitución".

"DOBRE VARA DE MEDIR"

Ao seu xuízo, a lei é "unha proba máis da dobre vara de medir do PP", que "de palabra din defender a Constitución, garantir a igualdade dos españois e preservar a integridade do estado, pero cos feitos fan exactamente o contrario".

En todo caso, transmitiu "unha sensación de tranquilidade ás empresas do sector" ao constatar que "coa lei do estado español, das 55 solicitudes de prórroga, as 55 foron favorablemente resoltas", polo que "non existe ningún perigo nin ningunha inseguridade xurídica coa normativa que se ten a día de hoxe".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta