Por Xurxo Salgado | A Coruña | 08/11/2023 | Actualizada ás 22:00
O Consello de Contas de Galicia ten aberto un concurso público para a adquisición de tres berlinas de alta gama por un valor de 226.163,52 euros, IVE incluído. Os conselleiro maior e os conselleiros usan Audis xa desde a época de Manuel Fraga e co novo concurso público pretendese a adquisición de tres vehículos en modalidade de renting durante 48 meses tras esgotarse o renting dos veículos actuais.
Segundo o expediente aberto para a contratación destes veículos, para o seu cálculo tivéronse en conta os prezos medios de mercado, a razón de 1.298,00€ de custo unitario mensual por vehículo, máis IVE, tendo en conta que no custe unitario están incluídos os gastos xerais (13%) e o beneficio industrial (6%). Curiosamente, o Consello de Contas é o organismo encargado de fiscalizar as contas das entidades públicas de Galicia.
As características mínimas que deben reunir estes veículos son motorización de combustión: Diesel ou gasolina, vehículo eléctrico hibrido suave (MHEV) con etiqueta ECO, unha potencia mínima de 200 CV, anchura mínima de 1800 mm e lonxitude mínima de 4930 mm, capacidade mínima do maleteiro de 500 litros, 4 airbags, control de tracción e estabilidade e dirección asistida eléctrica. Tamén teñen que contar con cámara de visión traseira, retrovisores exteriores axustables automaticamente, antideslumbrantes e plegables eléctricos, faros dianteiros LED e faros antinéboa, climatizador bi zona, navegador incorporado, regulador e limitador de velocidade, avisador de presión de pneumáticos, radio, CD, porto USB ou similar, e cargador móviles e kit de emerxencia: Balizas V-16 xeolocalizadas, chalecos visibilidade, e caixa primeiros auxilios.
Segundo fontes deste organismo consultadas por GC estas berlinas serán para o Conselleiro Maior, Juan Carlos Aladro --proposto polo PPdeG-- e os conselleiros Tomas Pérez Vidal --propuesto PP-- e Anxo Calvo Silvosa --proposto polo BNG--. Actualmente, os conselleiros do Consello de Contas utilizan Audis A6 en renting.
A POLÉMICA DOS AUDIS
O ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciou unha guerra contra os "audis de Touriño e Quintana" durante os meses previos ás eleccións de 2009, cando era líder da oposición. Unha campaña que entrou moi ben en determinados medios de comunicación, especialmente, en La Voz de Galicia.
De feito, e tras a polémica, o Consello de Contas aprobaba ese ano, e antes das eleccións galegas, por unanimidade, someter a fiscalización selectiva as obras e subministracións de mobiliario para a Xunta, e a compra de vehículos durante os 16 anos da administración de Manuel Fraga e o catro anos de goberno de Emilio Pérez Touriño.
Posteriormente, e tras facerse co Goberno galego, xubilou os coches de alta gama herdados dos gobernos do seu mentor, Manuel Fraga, e do bipartito de PSdeG e BNG. Uns días despois de ser nomeado presidente anunciaba a adquisición de 11 vehículos Citroën para el e os seus conselleiros. Pero tiveron que pasar seis anos e medio para desfacerse dos últimos veículos de alta gama que estaban nos garaxes de San Caetano cheos de pó.
Feijoo herdara 32 Audis dos gobernos de Touriño e Quintana, que, á súa vez, recibira dos de Fraga 29 en legado. En setembro do 2009, tres blindados foron permutados por 12 utilitarios valorados en 353.000 euros. Ao mes seguinte, colocou só dous A8 e un A6 por apenas 28.870 euros. E, xa en maio do 2010, incluíu outros 18 como contrapartida nun renting. Ademais, seis deles, estaban en servizo do Consello de Contas e do Consello Consultivo en virtude dun convenio de cesión en vigor desde xaneiro do 2005.
RUEDA E O NOVO PARQUE MÓBIL
Foi, precisamente a Vicepresidencia da Xunta, por aquel entón en mans do actual presidente, Alfonso Rueda, a encargada de iniciar o procedemento de compra para renovar parcialmente o parque móbil da Administración galega en 2015. Fíxose recorrendo á fórmula do leasing e incorporando 76 turismos de varias clases e para diversos usos, así como 12 todoterreos en exclusiva para axentes da Policía Autonómica. En total destinaronse 1.555.034 euros ademais de deixarlle ao contratista 129 coches vellos. De feito, tras esa operación, a Xunta presimuiu de que o parque móbil é un 10 % inferior ao do 2009 e os gastos de mantemento caeron un 18%, "aforrando 500.000 euros".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.