Olga Sotelo fai 17 anos que superou o cancro de mama: "As mulleres que o estean pasando teñen que pensar que se supera"

A presidenta da asociación Adicam, aos seus 75 anos, lanza unha mensaxe de ánimo a todas as mulleres que sofren esta enfermidade. O cancro de mama afecta a unha de cada oito mulleres, cada vez detectándose en idades máis temperás, pero conta cunha supervivencia moi alta, por riba do 96 %.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/10/2023 | Actualizada ás 21:23

Comparte esta noticia

O cancro de mama afecta a unha de cada oito mulleres. Trátase do cancro máis estendido entre o xénero feminino e supón un 'impass' na vida de moitas mulleres que teñen que tratarse e/ou operarse, presentándose ante elas un reto tanto a nivel mental como emocional. Por sorte, e grazas aos últimos avances médicos e en investigación, cada vez a esperanza de vida é máis alta, de feito o 96,5 % das mulleres que o padecen sobreviven. Con todo, a alerta está na idade de aparición do mesmo, que antes estaba no entorno dos 50 anos e agora aparece moito antes, sobre os 40, habendo casos mesmo de mulleres máis mozas. Con motivo do Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, dende Galicia Confidencial quixemos falar cunha asociación que presta apoio a todas esas persoas que se atopan no proceso de superación e ás súas familias: Adicam.

Olga Sotelo, presidenta de Adicam e muller que superou o cancro de mama
Olga Sotelo, presidenta de Adicam e muller que superou o cancro de mama | Fonte: Arxina - Arquivo

Olga Sotelo Pastoriza, a súa presidenta, ten agora 75 anos e fai 17 que superou o cancro de mama. Recordando como foi o momento en que lle deron o diagnóstico, conta que "foi horrible, quedeime muda, en 'shock', dígoo sempre". Con ela ía acompañándoa un dos seus fillos, e o médico alertoulle a ambos que "non fagades caso do que vos digan, cada quen, aínda que non padecese cancro, vaivos dar unha opinión, pero cando queirades saber algo preguntádeme a min". Ao chegar á casa, Olga só pensaba en que "isto non me pode estar pasando a min, non é real, é un pesadelo... Ata que tes que despertarte e darte de fronte coa realidade, porque non che queda outra".

Os días posteriores a ter recibido a mala nova "son días que non pasan, que en vez de ter 24 horas semella que teñen 66 para ti, e non dan rematado, sempre co medo ao día seguinte, á proba e aos resultados da mesma que che van dar". Olga asegura que "mentres non vivas e pases por todo iso, e empeces co tratamento ou a operación, o que cada médico considere que é mellor dependendo do tipo de cancro e da paciente, non volves á realidade". No seu caso primeiro operárona e logo comezou co tratamento, pero hai veces que este proceso dáse á inversa. Ademais, Olga asegura que "hoxe non é como fai 17 anos, hai moitos avances no tratamento e mesmo hai mulleres ás que nin se lles cae o pelo".

Logo de ter superado a enfermidade, outra realidade á que se teñen que enfrontar estas mulleres é, en moitos casos, verse sen un dos seus peitos. No caso de Olga non foi de todo así, porque "a min non me sacaron toda a mama, deixáronme a metade e por iso non fixen reconstrución". Pero dentro de Adicam conta que hai oito mulleres na xunta directiva, todas diagnosticadas de cancro de mama, das que máis da metade sometéronse a ciruxía reconstrutiva. "Din que lles cambiou a vida", asegura Olga. "Sabes o que é ter unha roupa interior especial para poder vestirte? Ou verte ao espello e non gustarche a túa figura? Cun diagnóstico de cancro de mama sabes que non vas poder verte como ti queiras, e iso é moi duro", plantexa. Por sorte, coa reconstrución ou redución da outra mama "están felices, porque poden poñerse un bikini, un vestido de tirantes, e están encantadas".

Con todo, antes de chegar á fase da reconstrución, hai que enfrontarse á operación e ao feito de, posteriormente, verte sen unha mama, algo que produce un impacto mental na paciente moi grande. En Adicam contan cun grupo de tres psicólogas para prestar apoio a estas mulleres e tamén ás súas familias. "Hai xente que non admite a súa enfermidade, que non admite que lle pase isto, xente que se desmorona, que se vén abaixo, que colle depresión, e por iso tamén pedimos ás administracións que reforcen a atención mental a estas mulleres", explica Olga.

UNHA VEA SOBRESAÍNDO OU CALQUERA BULTO PODEN SER SÍNTOMA DE ALERTA

Por outra banda, a presidenta de Adicam anima a todas as mulleres a realizarse esas revisións pautadas polo sistema galego de saúde bianualmente, pois "eu descubrín que tiña cancro de mama así, na miña primeira revisión, cando me chamaron e me dixeron que algo saira mal, pois eu non tiña nin idea". Pero, en caso de que non poidan, dende a asociación contan con programas máis específicos. "Temos o programa Apálpate co que agora mesmo nos adicamos a ir polo rural galego para informar ás mulleres de como apalparse os peitos para detectar problemas, porque somos conscientes de que moita xente do rural non ten coche e resúltalle difícil achegarse ao centro de saúde, e estamos a ter un éxito impresionante, ao igual que nos cárceres e nas empresas", explica Olga.

Apálpate presta algunhas pautas para axudar ás mulleres a detectar por elas mesmas cousas que non van ben nos seus peitos, xa sexa por cancro de mama ou por outras cuestións. As mulleres que teñan a menstruación deben realizar a palpación unha semana despois de acabala e as mulleres menopaúsicas deben facela nunha data fixa cada mes. Unha vea sobresaíndo, un pezón invertido, un engrosamento ou enrrugamento da pel, o endurecemento da mama, a secreción de líquido polo pezón ou calquera bulto ou cambio de coloración pode ser síntoma de alerta para acudir ao médico de cabeceira a realizarse unha exploración máis en profundidade.

"APRENDES A VALORAR AS COUSAS QUE SI MERECEN A PENA"

Olga, como ela mesma afirma, é por natureza unha "muller positiva", "que non se pecha en si mesma nin está todo o día angustiada". "Eu pasei o meu proceso, que ninguén o librou por min, pero xa fago vida normal dende hai moitos anos, de feito teño outras dúas primas, somos de tres irmáns diferentes, e todas tivemos cancro de mama e superámolo e facemos vida normal, tengo agora unha vida de calidade, estupenda". Por iso, a todas as mulleres que agora aínda están na fase de superación mándalles ánimos, porque "teñen que pensar que a hospitalización e o tratamento son un ano perdido, pero que logo van recuperar todo, porque véxoo en min e en todas as loitadoras da asociación".

Ademais, asegura que as mulleres que pasan por un cancro de mama experimentan "un xiro de 180 grados na súa vida". "Aprendes a non darlle valor ao que non o ten e a valorar outras cousas que si merecen a pena, como estar aquí, defenderte por ti mesma, poder saír á rúa, poder pasear, poder comprar, poder desfrutar, poder ir de viaxe, poder estar coa familia...", exemplifica Olga, que asegura que "dende Adicam estamos aquí para todo o que esas mulleres necesiten". E, aos seus familiares e achegados, pídelles que as apoien moito e que "as animen a, cando se atopen un pouco ben, saír á rúa, tomarse un café, dar un paseo, falar cos coñecidos... Iso para o corpo e a mente é moi bo".

"NECESÍTASE MÁIS INVESTIGACIÓN E AMPLIAR OS PROGRAMAS DE DETECCIÓN"

Para conseguir que o cancro de mama non lastre o día a día das pacientes e que cada vez sexa mellor a súa calidade de vida, dende Adicam piden "que haxa máis investigación en sanidade, que fai moita falla, porque non é normal que as cousas vaian como van; que se nos ofreza unha atención personalizada, integral e multidisciplinar, de calidade e que dea resposta aos actuais cambios que se están producindo en toda a sociedade, abordando o cancro dende todos os seus aspectos; e afondar e ampliar os programas de detección precoz". Neste senso, Olga Sotelo móstrase agradecida de que o programa galego de saúde agora ampliase a idade de realización de probas diagnósticas ata os 74, porque "antes con 68 xa non che facían mamografías".

Agora, como pon de manifesto, "xa non só hai que pensar nas mulleres que xa o padecemos ou que o están a padecer, senón nas que veñen, porque, por desgraza, son cada vez máis". Para facelo, a única forma é confiar e apoiar a innovación na investigación, para "ser cada vez máis eficientes nas prestacións sanitarias e poder anticipar os diagnósticos, para lograr que a esperanza de vida desas pacientes sexa máis alta e garantizarlles unha calidade de vida digna con tratamentos e terapias individualizados, porque as enfermas non somos todas iguais, temos diferentes necesidades en función do tipo de cancro de mama, pois poden ser xenéticos, hereditarios, por condicións externas...". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta