Por Galicia Confidencial | Ares | 24/10/2023 | Actualizada ás 14:38
Centos de sardiñas apareceron mortas na area ou flotando no mar na praia de Ares. Avistadas por un veciño que deu a voz de alarma, membros da Policía Local acudiron ao lugar para confirmar este suceso.
Os axentes desprazáronse á zona, desde onde alertaron ao 112 para dar parte ao Seprona e á Policía Autonómica. A Policía Local tamén revisou outras zonas de Ares pero os peixes mortos atopáronse no na praia do centro urbán.
Fontes consultadas apuntan que a razón desta situación pode na rotura da rede dun pesqueiro ou a descartes dun barco que superara o límite de capturas Tamén etallaron que este incidente podería ser debido a un barco que estaría a pescar en augas do interior da ría, acción que non está permitida, e que co temporal non lograría recoller todas as súas capturas. Ademais, as mesmas fontes detallaron que este episodio non se debeu a un problema de contaminación, xa que no areal tan só apareceron sardiñas, e non outras especies.
Desde a Consellería do Mar tense aberta unha investigación para esclarecer este incidente. Así, estiman que "todo apunta a que a orixe da sardiña veña dalgún barco", e que por iso se "está investigando", ademais de non contar cunha "estimación da cantidade de sardiña que apareceu, xa que é moi probable que algunha xa a levou a marea e outra aínda poida aparecer".
Ademais, indican que se achegaron numerosas persoas ao areal para recoller algúns exemplares, polo que desde a Xunta apúntase que "o peixe se atopaba en perfectas condicións, polo que se descarta a pesca ilegal con dinamita ou calquera enfermidade que les puidese afectar", incidindo, por último, que "ao chegar á praia, a competencia para a súa recollida é da entidade municipal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.