"Por primeira vez a Intelixencia Artificial rivaliza co ser humano nunha característica da especie: a intelixencia"

"Cando veu a brecha dixital moitos profesores negáronse a entrar nela e colleulles o touro, de maneira que o que non fixo esa transición hoxe en día o está a pasar mal; coa intelixencia artificial sucederá algo moi semellante", asegura o catedrático da UDC Francisco Javier Bellas Bouza.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A intelixencia artificial pode ser unha ferramenta fundamental no ámbito educativo. Polo de agora, o único que se falou dela sempre foi malo. Coa irrupción de Chat GPT dicíase que os alumnos poderían copiar os seus traballos, que este modelo llo faría todo e que así non verían a necesidade de aprender por eles mesmos. Tanto foi así que, antes do verán, Italia convertiuse no primeiro país en prohibir este tipo de ferramentas nas aulas, aínda que non lle foi moi ben, pois o seu control resulta complexo. Sexa como fose o certo é que a intelixencia artificial non é máis que unha ferramenta, moi útil, e que será boa ou mala en función de como a usen os humanos. Todo o que aporte coñecemento extra e facilite a vida da persoas, 'a priori', é bo, polo que está na man dos Gobernos e dos centros educativos e o seu profesorado comprender o seu funcionamento para sacarlle todo o rendemento posible.

Intelixencia artificial en educación
Intelixencia artificial en educación | Fonte: Commons

Un informe de Unicef do ano 2021 referíase á intelixencia artificial como "sistemas computacionais que poden, dado un conxunto de obxectivos humanos, facer prediccións, recomendacións, ou tomar decisións que inflúan en entornos reais ou virtuais", engandindo que "semellan funcionar autónomamente e poden adaptar o seu comportamento aprendendo sobre o contexto". Esta definición, como conta Francisco Javier Bellas Bouza, catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxía da Información da Universidade da Coruña (UDC), "pon ao ser humano no centro do proceso, pois é o humano o que fixa os obxectivos da intelixencia artificial". Polo tanto, a intelixencia artificial só é unha ferramenta, non é nin boa nin mala, todo depende do uso que lle queiramos dar e pode "facilitar un montón de tarefas complexas, repetitivas e perigosas, como robots nas minas que poden automatizarse para que non teña que haber mineiros ou os diagnósticos basados en cruzar milleiros de bases médicas de todos os casos tratados por médicos no mundo para salvar vidas".

Partindo desa base, explica que a intelixencia artificial (IA) de hoxe en día é "un campo multidisciplinar", pois "empezou no ámbito da matemática, pasou á computación e hoxe xa non se entende sen coñecementos de outros como poden ser a psicoloxía, a bioloxía, a sanidade e moitos máis". Ademais, trata de simular a intelixencia humana, "o que non quere dicir que sexa humano, aínda que na actualidade se tenda a lle asignar cualidades humanas para poder simplificar a mensaxe". E o que se busca dela, como apunta o experto é, por unha parte, que "teña moito coñecemento", é dicir, "que sexa capaz de manexar cantidades inxentes de datos, o cal xa fai, podendo procesar moitos máis datos que nós"; e, por outra parte, "que poida facer cálculos avanzados con eses datos", o que "tamén fai", sendo esta "outra sinal da súa intelixencia".

Pero na actualidade preténdese ir un paso máis aló e conseguir que teña "capacidade de razonamento, adaptación e aprendizaxe avanzado", que son outras das características propias do ser humano. Todas estas características son necesarias se o que se pretende é que no futuro (ou no presente) a intelixencia artificial poida resolver problemas de xeito autónomo. "A ollos do gran público isto xa o fan moitos programas de ordenador, porque o seu 'smartphone' resolve problemas de maneira autónoma, pero resolve un só problema, cando da intelixencia artificial se espera que resolva problemas moito máis complexos, problemas que habitualmente son resoltos por humanos, nos que a toma de decisións pode facerse de maneira autónoma", explica o doutor Bellas, que destaca que, "por primeira vez, un sistema de intelixencia artificial fai cousas que ata o de agora só faciamos nós, os humanos, e a intelixencia artificial xa está rivalizando co ser humano no que ten que ver coa súa principal característica como especie: a intelixencia".

"A TOMA DE DECISIÓNS NON PODERÁ ESTAR NAS MANS DA IA, SENÓN DO HUMANO"

Intelixencia artificial en educación
Intelixencia artificial en educación | Fonte: Commons

O feito de que isto sexa así pode traer consigo unha serie de consecuencias, algunhas non desexables, polo que se está a desenvolver un marco ético e legal para o asunto. En Europa xa hai leis de intelixencia artificial que establecen unha serie de riscos, situándoos nunha especie de escalas, que van desde o risco mínimo ata o máis alto ou inaceptable. No futuro, como explica o catedrático da UDC, "os desarrolladores deberán someterse a certificacións para demostrar que o seu sistema cumpre a normativa, pois do contrario non o poderán desenvolver de xeito legal". En España encárgase disto a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA) e na cidade da Coruña estará a Axencia Nacional para a Supervisión da Intelixencia Artificial máis cedo que tarde. Polo tanto, "a intelixencia artificial que se nos vén estará centrada dende o punto de vista ético no humano, e iso significa que, en última instancia, a toma de decisións non poderá estar ao 100 % nas mans de sistemas de IA, a non ser que nós como humanos decidamos que si, pero asumindo que a responsabilidade da decisión final sempre será nosa". 

E para poder comprender isto é importante comezar a introducir todos estes conceptos dende o comezo da vida e da aprendizaxe e, polo tanto, dende a educación. Xa estamos nesta era de cambio na que o que non se adapte ao que vén, quedarase atrás. "A educación é a clave de case todo o avance do ser humano, e agora é o momento de tratar a introdución da intelixencia artificial na educación dende dous puntos de vista: dende o dos alumnos, coa existencia dun montón de ferramentas basadas en IA que os poden axudar no plano educativo con recomendación personalizada de temas, elaboración de exercicios e moitos outros aspectos; e dende o dos profesores, con outros sistemas que, por exemplos, lles axuden a realizar unha avaliación automática. Isto sería educar con intelixencia artificial.

EDUCACIÓN EN INTELIXENCIA ARTIFICIAL: CHAT GPT COMO EXEMPLO

Pero hai outra cara: a educación en intelixencia artificial. "Esta segunda rama non é tan antiga como a primeira, sobre a que se leva traballando 40 anos aínda que dende a saída de Chat GPT ao mercado todo se acelerase, esta é moi recente, de fai menos de 10 anos, e xurdiu precisamente a raíz do impacto social que tiveron estas tecnoloxías, nunca antes visto, que puxo na palestra a importancia de aprender sobre intelixencia artificial", expón Bellas. O experto recorda que, "aínda que pareza que leva con nós toda a vida, Chat GPT vai cumprir un ano o mes que vén, un ano dende que todo explotou". Esta ferramenta imita a un conversador humano e é quen de analizar unha gran cantidade de datos. Ademais, é quen de predicir cal é a seguinte palabra dunha secuencia de conversación, adiantándose á mesma e tendo así en conta o contexto da pregunta na súa resposta.

Bellas exemplifica o seu uso: "Púxenme no papel dun alumno e pedinlle que me dese unha explicación sinxela sobre o significado do cadro das Meninas de Velázquez, e fíxoo; pero, cando a alguén lle mostras o texto que xerou ao respecto, diche que iso sacouno directamente dunha páxina web de Internet, e que con buscar en Google directamente obterías o mesmo resultado; e non é verdade, porque Ghat GPT xera contido 'orixinal', xa que aprendeu en base a múltiples fontes de datos, combinando moitos textos que aprendeu e, aínda que tampouco é unha creación 100 % orixinal da intelixencia artificial, tampouco é a mesma resposta que se obtería buscando nunha páxina web". Ademais, como o sistema garda o contexto da pregunta, o alumno pode seguir preguntando sen necesidade de volver a escribir o anterior. Bellas díxolle: "Poderiasme dar unha resposta máis detallada?" e "xa ma fixo incluíndo a resposta anterior". "É como conversar cunha persoa", asevera o investigador.

Outros usos que como alumno poderían dárselle a Chat GPT serían a preparación de exames ou a aprendizaxe de idiomas. "Un alumno que esté preparando un exame de circuítos eléctricos en Secundaria pode pedirlle a Chat GPT que lle prepare un cuestionario con cinco preguntas para o exame que lle axuden a practicar, e despois incluso refinar máis a pregunta; e un que esté aprendendo un idioma, funciona moito mellor co inglés, pode pedirlle que lle corrixa frases e que lle explique por que non están ben", exemplifica Bellas, que conclúe, polo tanto, que "dende o punto de vista do alumno Chat GPT pódese usar para copiar traballos, claro, pero tamén para moitas outras cousas moi interesantes, así que, unha vez máis, todo depende do uso que o humano lle queira dar á intelixencia artificial". 

E, dado que os alumnos con toda seguridade van facer uso desta ferramenta pola súa capacidade para adaptarse ás novas tecnoloxías, máis vale que os profesores o coñezan. "A solución sinxela sería prohibir o seu uso, algo que xa se fixo en Italia antes do verán e só durou un mes, porque se demostrou que había mil maneiras de saltarse a normativa e non tivo o resultado agardado, pero igual o correcto sería limitar o seu uso para evitar que se produzan plaxios e, de feito, hai un montón de 'software' que detecta plaxios", asegura o catedrático da UDC.

A AULA COMO LUGAR PARA FALAR COS ALUMNOS E FOMENTAR A CREATIVIDADE

Coa entrada da intelixencia artificial no ensino "a aula podería deixarse como un lugar para debatir, presentar traballos ou falar co alumnado, deixando a parte expositiva para fóra da mesma, preparando o traballo doutra maneira". As clases cambiarían de formato. O cal parece lóxico tendo en conta, como destaca Bellas, que "avanzamos cara valorar outras cousas máis alá da capacidade de reter información do alumno, como por exemplo as catro famosas competencias do século XXI: o pensamento crítico, a creatividade, a comunicación e a colaboración; coas que todo o alumno que abandone a educación para introducirse no mundo laboral debería contar".

Chat GPT non é máis que un exemplo de intelixencia artificial xerativa, pero en realidade forma parte dun campo moito máis amplo, pois hai intelixencias artificiais de todo tipo, capaces de crear contido novo, imaxes, música, vídeos... E todas se fundamentan no uso da aprendizaxe profunda e no manexo de grandes volumes de datos. Outro exemplo, gratuíto, sería o Llama 2, de Meta. Outras aplicaciones que terían un uso interesante na docencia segundo o doutor Bellas serían Synthesia, Heygen e Midjourney, entre moitas outras. 

OUTRAS APLICACIÓNS PARA O ALUMNADO: SYNTHESIA, HEYGEN E MIDJOURNEY

En Synthesia ti podes escribir un texto e o avatar vaino a dicir, ao comezo dunha forma moi robótica, pero "podo refinarlle os criterios de pronunciación e pedirlle que non fale tan despacio ou que cambie un pouco o acento", de xeito que "hai avatares que mesmo falan e se expresan mellor que o propio humano". En Heygen ti podes grabar un vídeo falando nun idioma e a intelixencia artificial tradúcecho a outro. Como? "A intelixencia artificial colle o vídeo co seu audio, extrae del o audio do que estou a dicir, xera un vídeo novo e fai unha tradución ao novo idioma, quizáis non de todo ben, pero bastante ben", explica Bellas, que apunta a que isto "máis alá da educación, mesmo se podería empregar para dar discursos en Congresos noutros idiomas sen necesidade dos cascos de tradución simultánea". E Midjourney xera imaxes cos criterios que lle pidas. Por exemplo, pódeslle pedir que faga un cadro do interior dun tren ao estilo de Picasso e vai crear un cadro totalmente novo, inexistente, moi do estilo dos que debuxaba o pintor. "Que útil pode ser isto para materia como a Plástica", di Bellas.

Por outra banda, tamén será interesante o desenvolvemento da aprendizaxe personalizada coa intelixencia artificial, pois "os estudantes do mañá poderán ter á súa disposición unha ferramenta, un ordenador, que lles axude a progresar en certa materia que se lles atragante, propoñéndolle exercicios adaptados ao nivel do alumno". Deste xeito, o catedrático da UDC cre que "conseguiremos que o alumno non se aburra, porque todos sabemos que os exercicios que se propoñen actualmente nas aulas son algo coñazo, pero se a intelixencia artificial os adapta ao nivel do alumno logramos que o que máis vai avanzando conte con exercicios máis complexos mentres que o que menos avanza conte con exercicio máis sinxelos". O obxectivo, á fin e ao cabo, é o mesmo: "Que todos os alumnos cheguen ao mesmo nivel, pero para iso pode facerse por diferentes procesos, e nesa parte a intelixencia artificial axuda tanto ao profesor como ao estudante". Pero para que isto saia ben hai que modelar ao estudante, é dicir, proporcionarlle á IA a maior cantidade de datos posible sobre el.

KHANMIGO: ASISTENTE PARA O ALUMNO QUE LLE AXUDA SEN DARLLE A RESPOSTA

Agora ben, esa entrada inminente da intelixencia artificial no ámbito educativo pode traer consigo un importante risco: deixar a admisión dunha persoa, a superación de curso, nas mans da máquina. "A intelixencia artificial nunca pode determinar iso nin influír nas decisións do profesor, un sistema de IA non pode tomar a decisión de que cun 7 entras e cun 5 non, por exemplo, esa decisión tena que tomar o profesor en base a unha serie de criterios que, moitas veces, poden ser subxectivos, pois non todos os alumnos son iguais", afirma Bellas, que é consciente de que "obviamente a persoa que toma a decisión pode decidir en base ao que a IA lle propoña, pero ese xa é o seu problema, e tamén a súa responsabilidade". E, por outra banda, tampouco debería deixarse ás intelixencias artificiais que deseñen as probas que evaluarán os coñecementos dunha persoa, "debe ser o profesor o que faga os exames".

Pero, se todo o problema e a reticencia para introducir a intelixencia artificial nas aulas está na preocupación porque os estudiantes copien os traballos, a solución é fácil e xa existe. Chámase Khanmigo. "Khan Academy e Open Ai (creadora de Chat GPT) uníronse para crear fai cousa de un ano Khanmigo, unha especie de Chat GPT pero empregado en educación, e que actúa como unha especie de asistente que, mentres o alumno está estudando calquera materia, lle axuda de maneira proactiva", explica o experto, apuntando que "o sistema non che recomenda nada, nin che evalúa, pero se lle preguntas algo, diche a resposta de tal maneira que non estea masticada, para que ti aprendas". Por exemplo, se se está facendo unha operación matemática e o resultado é erróneo, Khanmigo plantearache algo así como: 'Non cres que o estas facendo mal porque tes mal posto o denominador?'. "Evita darche a resposta, pero axúdache", afirma Bellas. Esta IA xa está a ser usada nos Estados Unidos.

Chegados a este punto, Bellas plantexa unha cuestión que xa se está debatindo: "Cal e o rol que terá o profesor se todos os alumnos teñen nas aulas un Khanmigo? Dende logo se lle preguntamos aos alumnos, na súa maioría, preferirían aprender cun Khanmigo que cun profesor". Pero, "quen é o responsable último da educación? O profesor?". "Son cuestións que hai que resolver, pero, dende logo, a liña pasa por usar a intelixencia artificial para pensar contigo, non para pensar por ti", conclúe o experto. 

"TODO O MUNDO DEBERÍA RECIBIR UNHAS NOCIÓNS BÁSICAS DE IA PARA A VIDA"

Por outra banda, e sumado a isto, atoparíase a aprendizaxe en IA, sobre a cal, afirma Bellas, "xa hai moitos avances feitos a nivel lexislativo por parte de organismos como a Comisión Europea e a Unisco, aplicados a universidades". Pero aínda se están empezando a definir os seus fundamentos para poder lograr cousas como un máster en intelixencia artificial. "A IA clásica que se estudaba ata o de agora nas carreiras universitarias de informática centrábase en resolver procesos de razoamento lóxico, que logo se aplicasen a un problema real ou non xa era cousa aparte; agora dáse unha aprendizaxe totalmente diferente: un sistema actual basado en IA está situado nun entorno, interactúa nel e incorpora cousas como a sensibilización ou a incertidume nos datos relacionadas cun sistema que ten o seu reflexo na realidade, é dicir, xa non se trata de resolver problemas complexos que non teñen enfoque real".

Así, tras darlle voltas ao asunto, o catedrático da USC conclúe que os plans de estudo sobre intelixencia artificial fóra das carreiras universitarias deben centrarse na percepción e actuación, na representación e o razoamento, na aprendizaxe automática, na intelixencia artificial colectiva e no seu impacto social. "Todo o mundo debería saber algo disto para saber o que é a intelixencia artificial", asegura, xa que "se eu comprendo este concepto de IA como un sistema que recibe información, actúa no entorno e realiza procesos internos, razona e se adapta, poderei comprender todos esos sistemas que xa están a funcionar ou que existen pero non o fan por temas lexislativos". Con todo, Bellas é consciente de que, sen exemplos prácticos, isto non é fácil de explicar a un alumno de segundo que nivel educativo: "Vale máis levarlles ao supermercado autónomo de Amazon para que vexan como funciona que explicarllo de palabra".

En conclusión, o investigador cre que "se debería facer unha educación tamén para a intelixencia artificial, é dicir, preparatoria para a súa chegada, e que toda a poboación, comezando polas etapas educativas regradas e a universidade, recibise formación nuns fundamentos básicos sobre o seu impacto, os aspectos humanos da mesma, os aspectos técnicos básicos e as bases, en definitiva, que se necesitan para empregala a nivel usuarios". Unha vez creadas esas bases, "poderemos usar calquera ferramenta de IA e entenderémola, sendo logo decisión nosa se especializarnos máis no tema ou non". E é que a intelixencia artificial afectará a toda a poboación e o primeiro paso para que esta coñeza que é pasa por formar aos profesores. "Cando veu a brecha dixital moitos profesores negáronse a entrar nela e colleulles o touro, de maneira que o que non fixo esa transición hoxe en día o está a pasar mal; coa intelixencia artificial sucederá algo moi semellante", conclúe. A Xunta xa conta na actualidade na súa oferta con dúas materias para a introdución á IA, unha en cuarto da ESO e outra en primeiro de Bacharelato, "pero non hai profesores interesado en dalas".

Intelixencia artificial en educación
Intelixencia artificial en educación | Fonte: Commons
Intelixencia artificial en educación
Intelixencia artificial en educación | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta