Por Galicia Confidencial | Ourense | 29/10/2023 | Actualizada ás 10:00
Xantar 2023 chega con moitas novidades co obxectivo de atraer un maior número de visitas. A primeira delas é que a entrada será, por primeira vez, de balde.
Tamén será gratuíta, ata completar aforo, a participación en calquera das máis de 100 actividades que ofrece o programa desta edición e que inclúen talleres de cociña en directo da mans de chefs galegos, portugueses, costarriqueños ou colombianos, entre outros países; catas comentadas de produtos como veu, queixo, mel ou conservas, ou a presentación con degustación dunha quincena de festas gastronómicas de Galicia.
OUTRAS NOVIDADES
Xantar 2023 contará con catro restaurantes no formato habitual e os que se ofrece un menú pechado elaborado a base de produtos autóctonos de calidade do destino do que procede o responsable do restaurante. A novidade será que ademais disto, o salón ofrecerá unha gran “Zona de Tapas” con comedor central no que as visitas poderán elixir entre distintos tipos de comida (desde unha ración de polbo ata un taco mexicano) axustando a elección ao seu apetito e orzamento.
A organización do evento busca este ano que, ademais de que Xantar sexa un punto de encontro ou “quedada” para despois da xornada laboral, se converta nun espazo de lecer para tomar algo, cear e gozar da música coa organización de tres concertos de bandas galegas dirixidas a un público de mediana idade.
Os concertos terán lugar das 21.00 ás 23.00 h. o xoves 2 (Tonichi e Pacheco); venres 3 (Gin Toni`s) e sábado 4 de novembro (Dr. Slump). O horario de feira será o habitual, de 11.30 da mañá ata a 1.00 h. da madrugada, agás o domingo 5 de novembro no que a feira pechará ás 18.30 h.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.