Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/11/2023 | Actualizada ás 15:58
O portavoz do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, compareceu este martes en rolda de prensa para valorar os orzamentos provinciais para o próximo exercicio que, ao seu xuízo, "supoñen unha regresión a fai vinte anos". O portavoz nacionalista lamentou que co novo goberno provincial están a darse "moitos pasos atrás de cangrexo, para a alta velocidade" coa desaparición de programas que antes xestionaba o BNG na Deputación de Pontevedra como os plans 'Ágora' de mobilidade, o 'Revitaliza' de compostaxe, as políticas de memoria histórica ou a recuperación do "plan de acción caciquil".
"Francamente, estou moi sorprendido", admitiu o exvicepresidente da diputacion, que sinalou que nas contas da administración provincial pontevedresa para o ano 2024 "practicamente eliminan todo o de Memoria Histórica e todo o de recuperación do Patrimonio Histórico". Unha circunstancia que lle parece unha "curiosidade", xa que se produce despois do primeiro ano no que cargos do Partido Popular participan nos actos do 17 de agosto en homenaxe a Alexandre Bóveda polo Día da Galiza Mártir.
Neste capítulo, o orzamento da deputación para o próximo exercicio elimina un 78,6 % do financiamento en materia de Memoria Histórica que pasa de contar con 700.000 euros a ter 150.000 euros. "Porque hai persoal e demais, porque practicamente queda a cero", comentou Mosquera. Ademais, tamén censurou que "desaparece de maneira radical" o 'Plan Ágora', unha rede de acción institucional da que forman parte os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes e que ten como obxectivo pór en valor o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía e fomentar formas alternativas de mobilidade sustentable.
"Elimínanlle o 90 % do financiamento", remarcou César Mosquera, que lamentou a desaparición dos convenios cos concellos ou as subvencións para facer obras ou plans de mobilidade acollidas á Ágora. Tamén "desaparece", segundo denunciou o exvicepresidente da Deputación, o plan provincial 'Revitaliza' para a compostaxe da materia orgánica e para axudar aos concellos a cumprir co novo marco lexislativo sobre os residuos. Así, pasa de ter consignados 890.000 euros no anterior orzamento a contar con 135.000 euros "unha redución do 84 %".
"Poderán dicir que o substitúen por un plan de compra de material para os concellos, pero iso é unha cousa distinta", puntualizou o portavoz do BNG. Mosquera engadiu que tamén se eliminan os convenios cos municipios para a urbanización e mellora das estradas provinciais, xa que "de tres millóns que había o ano pasado pasa a 400.000 euros", o que supón unha redución do 87 %.
"A cambio recupérase algo que xa Louzán eliminara que é o que se chamaba Plan de Acción Comunitaria e que sempre lle chamamos Plan de Acción Caciquil", manifestou o portavoz do Bloque en referencia ás "subvencións a asociacións normalmente militantes do PP para actuacións de competencia municipal". Este plan non tiña consignación algunha desde o ano 2013 pois xa o eliminou o Partido Popular cando Rafael Louzán presidía a Deputación de Pontevedra e agora "recupérase con forza con dous millóns de euros", criticou o portavoz do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.