As mulleres de 70 a 74 anos xa están a recibir citas para participar no cribado de cancro de mama ampliado

Desde os inicios, hai máis de 30 anos, estes cribados permitiron detectar xa case 11.500 casos de cancro de mama.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2023 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) completou a ampliación do programa de cribado para a detección de cancro de mama entre mulleres de 70 a 74 anos, polo que as unidades de exploración de todas as áreas sanitarias xa están a citar a pacientes deste rango de idade. Así o confirmou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa participación na mañá deste martes na inauguración dunha xornada, celebrada na sede do Sergas en San Lázaro, sobre os avances na detección precoz desta enfermidade oncolóxica que organiza a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Ante decenas de profesionais presentes no auditorio deste edificio administrativo, o conselleiro lembrou que a ampliación das idades deste cribado, acordado a finais do ano pasado na Unión Europea, xa está a chegar ás unidades de mama, que realizan "un esforzo importante" nun asunto "prioritario" para Galicia. De feito, esta medida supón "un incremento tanto nos recursos humanos como nos materiais dedicados ao programa", xa que implica un 25 por cento de aumento nas participantes do cribado, 100.000 pacientes máis. Así, puxéronse en marcha tres novas unidades de exploración na Coruña, Santiago e Vigo, respectivamente.

García Comesaña lembrou que o programa de detección precoz do cancro de mama naceu no Sergas hai máis de 30 anos e atópase xa "plenamente consolidado". Entre 1992 e 2022, xestionáronse case catro millóns de citas, ás que "ao redor do 80 por cento" asistiron. No seu repaso pola historia do programa, o conselleiro destacou que, desde 2013, o programa alcanza taxas de participación cada vez máis altas, o que levou a que, durante o ano pasado, 4.240 mulleres puidesen ser derivadas para realizar unha valoración clínica adicional.

Desde os inicios, estes cribados permitiron detectar xa case 11.500 casos de cancro de mama, do que se serviu o titular de Sanidade para insistir en que a detección temperá desta enfermidade permite pór tratamentos que sexan menos agresivos. Na súa intervención na xornada, á que tamén asistiu a subdirectora de Programas de Fomentos de Estilos de Vida Saudables da Consellería, Silvia Suárez, García Comesaña aproveitou para agradecer "o inmenso labor do persoal que traballa cada día para mellorar a loxística e o funcionamento deste programa de detección precoz".

Tamén destacou ante os profesionais presentes a iniciativa 'Xenoma Galicia', un proxecto "pioneiro" anunciado a finais de outubro polo que o Sergas recompilará o ADN de 400.000 galegos (100.000 serán convidados a participar cunha mostra de sangue) para identificar variables xenéticas de alto risco e gañar en prevención ante enfermidades.

Proba de detección de cancro de mama
Proba de detección de cancro de mama | Fonte: GC - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta