Os veciños dun piso en Santiago onde apareceu o cadáver dunha muller de 36 anos, presentaran queixas ao IGVS

Os veciños presentaran queixas ao Instituto Galego de Vivenda e Solo ante a situación que se rexistraba desde o pasado verán. O cadáver foi localizado no número 9 do barrio de Fontiñas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2023 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

O cadáver dunha muller de 36 anos foi localizado pola Policía Nacional na tarde noite deste mércores nun piso do número 9 do barrio de Fontiñas, en Santiago, relacionado co consumo de drogas. 

Coche Policia Nacional
Coche Policia Nacional | Fonte: POLICÍA NACIONAL

A falecida, J.V.L., foi achada despois de que a Policía Local recibise un aviso ás 20,21 horas deste mércores, segundo informan a Europa Press fontes municipais. O caso está en mans da Policía Nacional e á espera de resultado da autopsia, segundo apuntan as mesmas fontes.

OS VECIÑOS XA ALERTARAN

Veciños do piso relacionado co consumo de drogas situado no barrio compostelán de Fontiñas, onde este mércores foi localizado o cadáver dunha muller de 36 anos, avisaran ao instituto de vivenda da Xunta da situación que se rexistraba desde o pasado verán, con continua "trasfega" de drogodependentes.

Ante o malestar por danos no edificio, a comunidade de veciños dos dous bloques, o 9 e o 11 da rúa Berlín, que dá acceso ao barrio de Fontiñas, en Santiago, enviou un escrito ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), tendo en conta que o inquilino que tiña alugado o piso recibira unha axuda da Xunta para o aluguer.

En concreto, o inquilino a nome do que estaba o contrato foi beneficiario do 'Bono de alugueiro social' que xestiona o IGVS, pero segundo fontes da Xunta consultadas por Europa Press "xa non percibe esta prestación na actualidade". E é que os veciños apuntaban ao uso que este home facía da vivenda para reclamar ao instituto galego de vivenda que lle retirase dita axuda.

"Hai que lembrar que todas as solicitudes do devandito Bono veñen acompañadas dun informe dos servizos sociais do concello correspondente, requisito imprescindible para tramitar esta axuda", apuntan as fontes do Goberno galego consultadas. En declaracións a Europa Press, un responsable da Agencia Inmobiliaria Del Río, que presentou o escrito en nome da comunidade, sinala que o IGVS respondeu que "non era da súa competencia".

"Non ten competencias nin, por tanto, capacidade para actuar ante supostos conflitos relacionados co tráfico de estupefacientes, unha cuestión de seguridade cidadá", segundo indican as fontes do Executivo autonómico consultadas, que agregan que "a vivenda na que presuntamente se realizaban este tipo de actividades é privada e a Xunta tampouco ten capacidade para intervir".

Pola súa banda, o propietario da vivenda denunciara a situación á policía. Axentes acudiron ao lugar este mércores, pasadas as 20,00 horas, ante unha chamada alertando do cheiro que saía da vivenda. Foron mobilizadas varias patrullas de Policía Nacional, Local e bombeiros, que foron os que entraron no inmoble, onde se achou á muller falecida.

"ALGO VISTO"

Varios veciños consultados por Europa Press sinalan que facía varias semanas que non había movemento nin ruído neste piso, que era un terceiro do número 9. Unha delas afirma que se mandou ese escrito ao IGVS e que "era algo visto" que o conflito terminaría desta maneira. "Tiñan sempre as xanelas pechadas e a vida que facían era nocturna", indica.

Outro home, este residente do número 11, indica que a comunidade contratou a un garda de seguridade, que estivo ao redor dun mes neste edificio. Un mozo que vive no número 9 constata que, pola ausencia de ruído, que afectaba sobre todo os fins de semana, os veciños pensaban "que se marcharon". Relata, ademais, que houbo movementos para tratar de buscar unha solución entre o propietario, comunidade de veciños e asociación de veciños de Fontiñas.

A XUNTA

Segundo as fontes da Xunta, "esta vivenda non figura en ningún rexistro do IGVS, tal e como se lles trasladou por escrito tanto á comunidade de veciños como ao propietario do 3º A en senllos escritos remitidos o pasado mes de setembro".

"A vivenda na que ocorreron os feitos non pertence á Xunta senón a un propietario particular que a tiña alugada, sen que mediase tampouco ningún tipo de intervención do Goberno galego á hora de formalizar ese contrato", engaden. En todo caso, agregan que "o inquilino a nome do que estaba o contrato foi beneficiario do Bono de alugueiro social que xestiona o IGVS pero xa non percibe esta prestación na actualidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta