Presentan contra o Sergas un contencioso-administrativo por non publicar todos os datos das listas de espera

A Asociacón de Pacientes e Usuarios do CHUS avanzaba en abril que iría aos tribunais por "vulneración de dereitos fundamentais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2023 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) presentou un recurso ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo para que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) publique toda a información sobre as listas de espera, estruturais e non estruturais, entre outros datos, correspondentes aos peches de 2021 e 2022.

Este colectivo, do que Fernando Abraldes é o seu presidente, xa avanzaba o pasado mes de abril que acudiría aos tribunais por "vulneración de dereitos fundamentais", concretamentre contra o artigo 29 da Constitución, que recolle o dereito de petición; e así o fixo cun escrito presentado con data de 21 de setembro.

Este caso remóntase a hai ano e medio. En marzo de 2022, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS solicitou á Consellería datos sobre as listas de espera a 31 de decembro de 2021 en base ao recolleito no Anexo IV do Real Decreto 605/2003 sobre o tratamento homoxéneo de información no Sistema Nacional de Saúde.

A mencionada normativa contempla unha serie de cifras que os gobernos autonómicos deben elaborar e remitir cada semestre ao Ministerio de Sanidade, e son datos máis amplos que os que habitualmente se publican. Por exemplo, inclúen as listas de espera non estruturais, é dicir, as daqueles pacientes que están pendentes de ser atendidos pero non por causas atribuíbles á organización dos recursos dispoñibles, senón porque non se lles pode programar unha operación ou ben porque son derivados a outro centro do propio Sergas ou á sanidade concertada.

Ante esa solicitude, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade respondeu o 6 de xuño de 2022 remitíndose ás ligazóns públicas recolleitos na web do Sergas sobre a materia, pero que non recollen toda a información do Real Decreto 605/2003, tal e como pedía a asociación de pacientes.

Posteriormente, o colectivo acudiu á Comisión de Transparencia de Galicia. No novo procedemento, o Sergas volveu contestar que a información solicitada era pública na súa web e que os datos a maiores que pide a asociación "requiriría a confección dun traballo 'ad hoc' e suporía tanto unha laboriosidade na extracción" como "unha complexidade técnica na súa análise posterior".

Con todo, a Valedora do Pobo, presidenta da Comisión de Transparencia, resolveu o asunto o 4 de outubro de 2022 que "non se xustifica de maneira clara" que haxa que facer esa reelaboración e instou á Xunta a que, no prazo de 10 días hábiles responda á petición de información. Días máis tarde, o 15 de novembro, a Consellería de Sanidade remitiu á Asociación de Pacientes do CHUS un informe de 84 folios que recolle a mesma información.

Neste contexto, este colectivo presentou o 7 de xuño de 2023 un novo escrito ante a Secretaría Xeral Técnica de Sanidade para solicitar os datos. Con todo, quedou desestimado por silencio administrativo --por falta de contestación no prazo de tres meses-- e o 21 de setembro a Asociación de Pacientes presentou o recurso ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo a través do proceso especial para vulneración de dereitos fundamentais.

En concreto, esta organización pide todos os datos de listas de espera para unha consulta externa, para unha proba diagnóstica e para unha operación "referidos ao segundo semestre do 2021 e ano 2022" ou, na súa falta, aqueles "pendentes de elaboración no momento en que os datos se fornezan a esta parte solicitantes". En todo caso, deben estar desagregados por áreas sanitarias.

ÚLTIMOS DATOS DE LISTAS DE ESPERA

Os últimos datos dispoñibles de listas de espera do Sergas figuran na súa páxina web, así como na do Ministerio de Sanidade, e correspóndense a 31 de decembro de 2022.

De acordo con este informe, que recolle só as listas estruturais, o Sergas mellora os valores de metade de ano e sitúase como terceiro sistema sanitario con menor demora --75,4 días-- ao rexistrar 46.161 pacientes pendentes dunha operación. No entanto, aínda son peores que as do balance de 2019, antes de irromper a pandemia da covid-19.

Por áreas sanitarias, a peche de 2022 a de Santiago-Barbanza era a que contaba coa espera máis alta para unha cirurxía, cunha media de 88,6 días, seguida da Coruña-Cee con 83,9. Na de Vigo, a demora para unha operación sitúase en 74,2 días, sen contar o Hospital Povisa --conta cun concerto co Sergas--, no que os pacientes esperan 64,7 días.

O catro áreas restantes están por baixo dos 70 días de espera: Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (69,6), Ferrol (65,3), Pontevedra-O Salnés (61,6) e Lugo-A Mariña-Monforte (58,1).

Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde  (Sergas) / Europa Press  / Europa Press
Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas) / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta