Vídeo.- A maior fazaña da escalada mixta (rocha-xeo) en Galicia: ascenso pola parede dunha fervenza de Pena Trevinca

Os afamados escaladores Luís Penín e Xosé Manuel Otero abriron o pasado 16 de febreiro de 2023 unha nova vía de ascenso nesta montaña situada entre Galicia e León. Conta cun primeiro tramo de dificultade M9+ e un segundo tramo M7. Queres ver como o fixeron? Aquí tes o vídeo. Todo un reto!

Por Ángela Precedo | OURENSE | 15/11/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Dry-tooling, ou escalada en xeo, unha disciplina só ao alcance dos máis aventureiros, que se cre que comezou aló polos anos cincuenta. Posteriormente daría paso á escalada mixta-deportiva. Xurdiría a comezos dos anos 2000, cando os europeos se deron conta de que, polos efectos do cambio climático, ían ter que cambiar esta escalada en xeo se querían seguir escalando montañas, pois moitas xa se estaban desxeando. Así, había montañas con tramos de rocha sen xeo que había que escalar ata chegar verdadeiramente ás fervenzas de xeo. Polo que, practicamente, se formou unha disciplina diferente, que agora está comezando a chegar a Galicia. A súa dificultade, loxicamente, é máis alta que a do dry-tooling, pois hai que escalar tramos de xeo mesmo cando as condicións non son as adecuadas, polo que require un pouco máis de adaptación por parte do deportista, que debe estar nunha forma física formidable, subindo por unha parede máis que vertical. 

Luís Penín escalando polo xeo de Pena Trevinca
Luís Penín escalando polo xeo de Pena Trevinca | Fonte: YouTube

O xoves 16 de febreiro de 2023 os recoñecidos a nivel mundial escaladores galegos Luís Penín e Xosé Manuel Otero, abriron a vía de escalada mixta máis difícil de todo o noroeste peninsular, á que lle puxeron o nome de 'dry-tolos', porque había que estar tolos para realizar esta fazaña, extremadamente difícil. O seu nivel estaría no M9+ ou M10 (dos doce que hai). Onde o fixeron? Nos Pirineos? Pois non. "Aínda que moita xente non o crea, nestas montañas que forman Pena Trevinca, entre Galicia e León, danse condicións de neve e xeo espectaculares, que poden derivar na formación de fervenzas de xeo de gran dificultade", asegura Xosé Manuel Otero, que apunta a que na actualidade "haberá abertas como unhas 10 vías, contando coa que nós equipamos". Iso si, para chegar ata estas fervenzas de xeo hai que camiñar un bo cacho, cerca de dúas horas e media dende o pobo da Baña.

Tras deixar atrás as canteiras de lousa a ceo aberto que inundan toda a paisaxe nesta zona de Galicia, os escaladores vanse adentrando cara un lugar que se asemella aos Pirineos, pero que está no pé da montaña máis alta de Galicia: Pena Trevinca. Unha paisaxe modelada pola última glaciación, que rematou hai uns 18.000 anos. Case nada! Aquí comezouse a escalada ao redor dos anos 80, cando a fervenza que estes aventureiros decidiron escalar se xeaba completamente, non como agora, onde xa se deixan sentir os efectos do cambio climático, pois xease a metade da rocha da montaña, pero non por completo. De feito, por enriba dos 1.500 metros de altitude aínda sigue nacendo a herba.

Para escalar, como parece lóxico, o material indispensable é o casco, o arnés, a corda e os crampóns. Xa hai crampóns específicos para usar nesta modalidade do 'dry-tooling' e na de mixta-deportiva para lograr que se facilite un pouco esta durísima modalidade. "Esta vía que abrimos pola parte dereita da montaña comeza con escalada na rocha, avanzando logo cara o xeo nunha primeira tirada, que ten un descanso, e logo arrinca a segunda tirada xa ata o cumio", explica Luís Penín, que afirma que "o proceso de escalada xérache moita fatiga, máis da que un pensa". Ademais, hai outra dificultade engadida, que é que aínda que a fervenza se vexa compacta e impoñente, e a pesares de permanecer á sombra moito tempo, conta cunha temperatura superior aos cero graos, polo que estase fundindo a marchas forzadas e chorreando auga por todas as súas partes.

Como relatan os escaladores, "o primeiro tramo da escalada desta nova vía é bastante completo e técnico, precisando de punteos pequeniños e cos pés situados en emprazamentos técnicos, e cunha parte física ao final realmente complicada, sen moita suxeición nos pés e con moita tensión nas mans durante prolongados períodos do tempo, o que che fai chegar fatigado ao enganche co xeo, polo que se debe ir tranquilo, xestionando un pouco as forzas, porque ao chegar ao xeo hai que golpealo con forza,e se temos o antebrazo moi cansado é complicado". Estre tramo sería un M9+ de dificultade. Seguidamente, "o segundo tramo é máis curto e menos complicado, aínda que nel tamén é indispensable a forza e ter unha boa técnica, pois haberá que superar dous pequenos saíntes no xeo". Este tramo tería unha dificultade de M7 e unha lonxitude duns 20 metros.

Mira como o fixeron! Toda unha fazaña, sen lugar a dúbidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta