Galicientífica- Beatriz Pelaz: "Agárdase moito dos investigadores e moitas veces esíxese máis do que se dá"

É docente e destaca como investigadora no grupo Bionano Tools, que busca de nanomedicinas eficientes, entre outros proxectos de relevancia.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 29/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nesta nova entrega presentamos á ‘Galicientífica’, Beatriz Pelaz, unha química que traballa en desenvolver nanomedicinas máis eficientes. Pola súa traxectoria foi recoñecida no 2022 co premio da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) como mellor investigadora moza de España. Desde o 2017 forma parte do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) onde é docente e ten o seu grupo de investigación BionanoTools, xunto ao profesor Pablo del Pino. Traballan con diferentes metas, o cáncer é unha delas: “Na actualidade traballamos nun proxecto europeo (REAP) para detectar células de cáncer de mama”. Tamén colaboran noutros como SWIMMOT para o desenvolvemento de marcadores solubles en modelos de diabetes ou PLATMED que busca un tratamento máis eficiente e seguro para o ictus isquémico.

Beatriz Pelaz no CIQUS
Beatriz Pelaz no CIQUS

Preguntámoslle que quere dicir iso de “nanomedicinas máis eficientes?" “Pois que sexan capaces de realizar a súa función, por exemplo, eliminar unha célula canceríxena empregando unha dose moi baixa e sen efectos secundarios”. Soa ben, pero como? “A nosa estratexia é producir materiais que podamos controlar como nanomáquinas ou nanorobots, capaces de activarse cando reciben un estímulo”, apunta e recoñece que lle interesa moito a “química relacionada co funcionamento da vida” porque lle resulta “fascinante entender que ocorre nunha célula” e que cos seus materias é posible “ver esas interaccións”. 

MULLERES E CIENCIA

Queremos coñecer a situación da muller dentro da ciencia e concretamente dentro do ámbito de investigación de Beatriz, que asegura que “a medida que as mulleres ascenden en responsabilidade, van abandonando” e que se debe ao momento no que chegan á idade de formar unha familia porque “a conciliación é verdadeiramente complicada”. Dito isto, ela nunca tivo a sensación de que se lle escoitase menos por ser muller e sempre estivo máis rodeada de mulleres  pero eles “seguen a carreira á longo prazo” e “evidentemente os números están aí”. 

Beatriz ten dous nenos pequenos e recoñece que a súa vida cambiou coa maternidade. “Tanto ser nai e investigadora son dous traballos a tempo completo é compaxinar ambos é difícil”, comenta e engade que non gozou da baixa de maternidade como tal e que fan falta máis apoios porque “en ciencia hai moitas cousas que non te esperan”. Neste ámbito, cóntanos: “Procúrase a excelencia e que non haxa endogamia polo que require un traballo a tempo completo, con viaxes, divulgación, seguimento a toda a xente coa que traballas, sacar resultados…Pero os teus nenos tamén precisan ese tempo para o seu coidado”. 

 

DIVULGACIÓN E CIENCIA

 

A nosa ‘Galicientífica’ ten claro que para que a ciencia chegue a todo o mundo hai que “falar o mesmo idioma e poñerse nos zapatos dos outros” e que se un non é quen de explicalo dunha maneira que se entenda, non hai nada que facer. 'Como cres que ve a xente aos científicos?' Preguntámoslle e dinos rindo “como ratas de laboratorio, ou frikis, que non saímos do laboratorio”. Esta é a imaxe que ela cre que se ten e apunta que hai moita xente á que se lle menciona “ciencia” ou calquera termo técnico e xa din “quita, quita”. Tamén critica esa propaganda negativa dos químicos, incluso na alimentación “libre de químicos” e di que “ao final o sal tamén é un químico”. 

 

Considera que as redes sociais son un bo medio para divulgar o que se fai nos laboratorios ao mundo. “Creo que é importante que se saiba o que facemos para que a sociedade sexa consciente dos esforzos da investigación, que busca contribuír de maneira positiva a mellorar a vida da xente”. Valoramos o que fan os científicos? “Nos buscamos solucionar un problema que lle incumbe a todo o mundo”. 

AS CONDICIÓNS LABORAIS DA INVESTIGACIÓN

Beatriz recoñece e considera que o CIQUS é un centro de referencia internacional “onde cría que podería medrar porque ten investigadores de alto prestixio”. Decidiu quedarse na carreira científica académica polo seu afán de atopar respostas nun laboratorio porque asegura que “coa investigación, non te vas facer rico”. A empresa privada resulta unha vía máis atractiva no que a economía se refire. “A xente chega a fin de mes, polo menos en Santiago, e pódese vivir razoablemente ben con soldos de investigación”, sentenza e engade que esta situación debe cambiar con financiamento, que non é suficiente, e que “os investigadores relacionados coa Sanidade teñen mellores condicións económicas que os científicos que estamos vinculados ás universidades”. 

En relación a isto apunta que se “agarda moito dos investigadores, e moitas veces esíxese máis do que se dá”, pero tendo isto en conta anima aos que veñen detrás porque pensa que hai poucos traballos “menos rutineiros que o traballo dun investigador, que che permite explorar cousas novas e identificar novos retos” e que “os límites polos ti”. 

FRACASO DO SISTEMA, NON DOS INVESTIGADORES

Pensou a nosa Galicientífica nalgún momento en deixar a investigación? A súa resposta é clara e di que nunca pensou en facelo. Con todo, recoñece que a carreira científica “é moi competitiva” e que para ela “o sistema é con frecuencia o que fracasa, non os investigadores”. Cóntanos que o futuro está ligado ao financiamento do Ministerio, das comunidades autónomas… e que “houbo épocas malas á hora de conseguir á estabilización”. 

Por outra banda, a nivel máis experimental, Pelaz explica que o método científico consiste no famoso ensaio-erro e que parte do seu día a día é facer experimentos que non funcionan como agardaban. “Obter resultados non esperados, en ocasiones é o inicio de algo moito máis interesante que o inicialmente proposto”, asegura e conclúe que “a ciencia non é inmediata, a paciencia é importante”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta