A 16 de novembro aínda non se coñecen oficialmente os orzamentos do Concello de Santiago

O PSdeG local afea que "non teñen" comunicación de Sanmartín para negociar os orzamentos e "non coñecen" o borrador. Aitor Bouza sinala que Pedro Sánchez se "comprometeu claramente" con Santiago ao pactar co BNG xa que "non o necesitaba" a efectos numéricos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, lamentou que "non teñen ningún tipo de comunicación" por parte da alcaldesa, Goretti Sanmartín, sobre cando se celebrará a negociación dos orzamentos locais e "non coñecen" a data, nin o borrador. Así o detallou en declaracións aos medios este xoves en Santiago e incidiu en que "é sorprendente" xa que cando o BNG estaba na oposición "criticaban" que o 1 de setembro "non estaba o borrador presentado".

"Agora estamos a 16 de novembro e non hai nada presentado", remarcou, á vez que incidiu en que iso "terá que explicalo" o goberno municipal. Respecto das negociacións, avanzou que farán unha comisión propia que estea conformada por integrantes do grupo municipal e da comisión executiva, que serán os encargados de realizar as negociacións.

"Nós, xa o dixemos, imos defender claramente os intereses da cidadanía. Non imos pór un cheque en branco, como non pode ser doutro xeito, pero o que si que imos defender é que os orzamentos que se presenten e que se queiran aprobar, representen os intereses reais, non os intereses partidistas", subliñou.

Os medios lembráronlle as palabras da alcaldesa sobre as negociacións que sinalou que "ían ser rápidas", ante o que Bouzas indicou que por parte dos socialistas "non vai haber ningún tipo de problema" e que a rapidez dependerá de "se teñen que estar o tempo que faga falta" para aprobar uns orzamentos que revertan na cidade. "Nese aspecto, pola nosa banda, traballo non vai faltar", puntualizou.

INVESTIDURA DE SÁNCHEZ

Por outra banda, a preguntas dos medios sobre a investidura de Pedro Sánchez, Bouzas celebrouna e sinalou que "fóra das cuestións e importancias numéricas" comprometeuse "claramente con Santiago" xa que "non necesitaba" alcanzar un acordo a efectos numéricos co BNG. "Alcanzou un acordo porque cre en Santiago de Compostela e cre tamén na nosa terra, en Galicia, e por iso eu creo que a día de hoxe dáse o pistoletazo de saída a que se poidan cumprir todos eses acordos", sentenciou.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, á súa chegada á tradicional ofrenda ao Apóstolo
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, á súa chegada á tradicional ofrenda ao Apóstolo | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta