Enfermeiros protestan fronte a varios hospitais galegos: "A administración fai o que lle dá a gana, non nos respecta"

A portavoz do colectivo A Por Todas, Patricia Fraga, acusou á sanidade galega de "funcionar como unha ETT" (empresa de traballo temporal) ao realizar contratos de días para "non poder coller" nin vacacións, nin días de libre disposición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2023 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Centos de enfermeiros saíron este xoves a protestar ante as portas de varios hospitais de Galicia para demandar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) non só mellores condicións laborais, senón tamén máis prazas de emprego público para cubrir as xubilacións. En Santiago, ao redor dun centenar de sanitarios manifestáronse na contorna do Clínico, secundando así esta convocatoria o colectivo A Por Todas que tamén se produciu ante hospitais de Monforte, Lugo, Pontevedra (o Provincial), Ferrol (Arquitecto Marcide) e A Coruña (Chuac).

Na capital galega, os participantes na protesta exhibiron diversas pancartas e a principal delas versaba 'Sen persoal non hai sanidade'. Nesta concentración tamén se podían ver carteis e bandeiras do sindicato CIG e da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. A portavoz do colectivo A Por Todas no hospital compostelán, Patricia Fraga, denunciou en declaracións a Europa Press que "principalmente desde a covid" os enfermeiros sofren "máis precariedade laboral", a pesar dos novos acordos alcanzados polo Sergas cos sindicatos.

"Realmente, a administración fai o que lle dá a gana. Non está a respectar os permisos e cada vez hai máis problemas para cubrilos porque se están quedando sen enfermeiras nas listas porque as condicións de traballo son tan malas que acaban marchándose a outras comunidades autónomas, á privada ou, mesmo, a outros países", advertiu Fraga.

A responsable de A Por Todas no CHUS tamén reclamou convocatorias de emprego público máis amplas, tendo en conta que a xeración do 'baby boom' está a xubilarse. Segundo as súas palabras, as prazas que oferta o Sergas "non son suficientes". Ademais, Fraga acusou á sanidade galega de "funcionar como unha ETT" (empresa de traballo temporal) ao realizar contratos de días para "non poder coller" nin vacacións, nin días de libre disposición. E todo iso mentres a administración "non senta a negociar nin a facer unha folla de ruta de organizar o traballo de Enfermaría", engadiu.

Protesta de enfermeiros na porta do Hospital Clínico de Santiago, convocada polo colectivo A Por Todas
Protesta de enfermeiros na porta do Hospital Clínico de Santiago, convocada polo colectivo A Por Todas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta