Paro de 24 horas dos traballadores de Einsa Print nas Pontes contra o ERE para despedir a 154 traballadores

Os operarios manifestáronse este venres por Pontedeume, onde a empresa ten outro centro produtivo.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 17/11/2023 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

A práctica totalidade dos 227 operarios que compoñen o persoal de traballadores da empresa Einsa Print, situada nas Pontes, está secundado este venres un paro de 24 horas, tal e como tiñan acordado en asemblea para rexeitar o ERE para despedir a 154 empregados.

Os traballadores da empresa de artes gráficas asentada no polígono de Penapurreira mostran desta forma o seu rexeitamento ao expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo formulado pola empresa e, ademais, reclaman un plan de viabilidade que garanta a continuidade de todos os empregos e da actividade produtiva.

O paro iniciouse ás 22.00 horas deste xoves e estenderase ata o sábado, concentrándose ás portas da factoría e levando a protesta, de 12.00 a 14.00 horas, ata a localidade de Pontedeume, onde protagonizaron unha manifestación polas rúas desta localidade, na que a empresa ten outro centro produtivo, neste caso loxístico e tamén de soporte informático.

O calendario de mobilizacións aprobado en asemblea tamén contempla unha nova xornada de folga o mércores, 22 de novembro, mesmo día no que terá lugar unha nova reunión do período de consultas e, con tal motivo, está previsto que o persoal se desprace en autobús ata Santiago de Compostela, para concentrarse ás 11.00 horas diante do Consello Galego de Relacións Laborais.

PROPOSTAS

O presidente do comité de empresa, Daniel Pena (CIG), asegurou que nunha reunión mantida este xoves coa patronal, a empresa presentou un plan de recolocación que mellora o que a marca a lexislación sobre os ERE, "pero mantén inamovibles o número de persoas afectadas e nin sequera mellora as contías das indemnizacións, máis aló dos 20 días por ano traballado que estipula a lei".

Así, critica que "o único plan de viabilidade de Einsa é despedir aos 154 traballadores nas Pontes" e lembra que a empresa "recibiu millonarias axudas públicas ao longo destes anos". Por último, detallou que os avogados da empresa sinalaron que se van a manter todas as máquinas, pero só haberá persoal para atender unhas poucas, obrigando a ter a maior polivalencia posible para ir cambiando de posto en función do traballo que haxa.

"Non vemos que sexa viable nin para afrontar a actual carga de traballo nin para conseguir novos contratos", reclamando por iso ás administracións para que "fagan todas as xestións necesarias para evitar esta nova desfeita laboral nas Pontes, nunha empresa ademais que foi a insignia dos plans de reindustrialización tras o peche da mina" de Endesa.

Concentración dos traballadores de Einsa Print en maio
Concentración dos traballadores de Einsa Print en maio | Fonte: Arquivo

A CIG PIDE SECUNDAR A CONVOCATORIA DO PARO TOTAL NAS PONTES

Ademais, o sindicato CIG convocou para o vindeiro luns, 20 de novembro, ás 20.00 horas, no local de O Lareira, unha asemblea informativa para abordar a situación laboral, social e económica das Pontes, e explicar os motivos que os levaron á convocatoria dunha folga xeral de catro horas tres días máis tarde, o 23, así como unha manifestación que partirá ás 12.00 horas da Praza do Carmen. Estes actos enmárcanse nas accións que a CIG está a organizar para que este paro parcial sexa secundado polos traballadores das empresas privadas e administracións públicas.

Segundo CIG, "As Pontes está hoxe nunha situación límite", xa que o peche da central térmica significa a perda de 45 postos de traballo de Endesa e "a incerteza para o futuro máis inmediato a uns 90 traballadores das empresas auxiliares". A isto, indican, hai que sumarlle o concurso-liquidación da empresa de transporte por estrada Irmáns Gabeiras e o ERE presentando en Einsa Print, ademais de "algunha empresa, cun volume importante de empregos, que xa leva un ano en ERTE".

ANUNCIOS

Desde o sindicato nacionalista apúntase que "a pesar do 'bombardeo' publicitario nos medios de comunicación sobre anuncios de empresas que se van a instalar nas Pontes, a realidade é que se chega a este momento crítico sen ter proxectos concretos en marcha que permitan falar dunha verdadeira transición xusta, só hai promesas".

"Estamos ante o sistema clásico das reconversións, xa que no presente execútase a destrución de emprego e paro, e para o futuro o anuncio dun 'paraíso' industrial que non chega ou, cando se concrete nalgún proxecto, as persoas afectadas hoxe, xa non estarán aquí", apunta a CIG.

Por outra banda, aseguran que "o trato de Endesa cara ás Pontes é de auténtico desprezo, despois de ducias de anos logrando millonarios beneficios". Por último, este sindicato detallou que "antes de anunciar a convocatoria da folga" solicitaron "a participación doutros sindicatos, sen obter ata o momento unha resposta positiva", e que, a pesar diso, "a responsabilidade da CIG é mobilizarse para esixir solucións de futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta