A metade dos docentes que contactaron co Defensor do Profesor o pasado curso académico presentaban ansiedade

O sindicato ANPE advirte que o uso de móbiles entre menores non é "problema exclusivo dos centros" e pide "non responsabilizar" aos docentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O sindicato educativo ANPE presentou este mércores o informe do seu servizo do Defensor do Profesor en Galicia correspondente ao curso 2022/23, do que se desprende que o 57,61 % de todas as peticións de axuda realizadas o pasado ano académico foi por problemas psicolóxicos. En total, o Defensor do Paciente recibiu o curso pasado 92 contactos por parte de docentes. Por quinto ano consecutivo, a demanda de axuda psicolóxica superou aos restantes. As peticións de tipo administrativo foron o 36,96 %, cando antes eran a ampla maioría; e as de tipo xurídico foron o 5,43 %.

Este servizo de atención a docentes foi posto en marcha por ANPE (principal sindicato educativo a nivel estatal) no ano 2006 e, desde entón, recibíronse en Galicia máis de 2.500 solicitudes. Os datos do informe, presentados en rolda de prensa polo presidente de ANPE en Galicia, Julio Díaz, e o responsable do Defensor do Profesor, Julio Trashorras, non recollen os da provincia de Ourense, porque ten o seu propio servizo aparte, nin tampouco as chamadas de profesores galegos que exercen noutras comunidades.

A gran maioría das chamadas (60,87 %) recibidas o curso pasado correspóndense con docentes de Educación Secundaria, porque se trata dun nivel obrigatorio no que se concentran alumnos nunha "etapa complicada" que, ademais, en moitos casos "non queren estar aí". Tamén destacaron os sindicalistas que case a metade (47,83 %) das persoas que contactaron co Defensor do Profesor presentaban ansiedade. En canto aos motivos da chamada por problemas co alumnado, o 35,29 % debeuse a faltas de respecto e outro 27,15 % con dificultades para impartir clase.

Por mor de todo iso, o Defensor do Profesor realizou diversas actuacións, tales como ofrecer asesoramento (60,87 %), información legal (43,48 %), asesoría xurídica (35,87 %) ou apoio (31,52 %). A pesar de que a cifra de 92 chamadas nun curso "non é moi elevada" en comparación a outras comunidades (aínda que non se inclúen datos de Ourense), ambos os responsables de ANPE fixeron unha chamada a "non despistarse" porque aínda hai casos de gravidade no ámbito urbano. Neste sentido, Julio Díaz lembrou o caso das cartas anónimas con ameazas que sufriron tres profesoras do CEIP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados. En casos similares, ANPE recomenda acudir á Garda Civil, como foi o caso.

"INDEFENSIÓN" DOS PROFESORES

As principais conclusións que reflicte o informe, a partir destes datos, é que se produce "indefensión" do corpo docente, que cada vez está "menos valorado" por parte da sociedade e cuxas decisións son habitualmente "cuestionadas". ANPE denuncia que as solucións a estes problemas atópanse con trabas burocráticas e que, en diversas ocasións, os conflitos empeoran o estado anímico dos traballadores, a calidade do ensino e, mesmo, provocan baixas médicas. Así mesmo, a preguntas dos xornalistas, os representantes de ANPE recoñeceron que nos últimos anos os que "máis aumentaron" foron os problemas cos pais, xa que cos alumnos "sempre se manifestaron".

O MÓBIL, UN PROBLEMA QUE "NON É EXCLUSIVO" DO COLEXIO

A rolda de prensa deste mércores tamén serviu para abordar o debate sobre se ampliar ou non o emprego dos teléfonos móbiles nos centros educativos. Galicia está entre as tres comunidades que prohiben o seu uso en horas lectivas, pero hai uns días o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, abriuse a unha posible flexibilización, aínda que polo momento non hai ningunha proposta oficial enriba da mesa.

Desde ANPE, o seu presidente en Galicia considera que o móbil pode ter "un uso pedagóxico", igual que os computadores, e que "non se pode obviar" que os alumnos conviven con estes dispositivos, con Internet e coas redes sociais. Julio Díaz recalcou que os 'smartphone' alteran tamén a propia vida familiar e insistiu que a solución non pasa unicamente polo colexio. "Pedimos que non nos poden responsabilizar nin unha vez máis aos docentes do manexo destes dispositivos. Por moito que os prohibamos no ámbito escolar, debe haber un control parental", recalcou.

A problemática que xeran os móbiles e o uso da tecnoloxía entre os menores veñen de "unha dinámica" que agora é "moi difícil de cambiar", posto que xa non é raro que un 'smartphone' sexa un agasallo de primeira comuñón. "A educación dos alumnos non é exclusiva do colexio. As familias non poden inhibirse das súas responsabilidades", reiterou o presidente de ANPE Galicia.

XORNADA PARTIDA OU CONTINUA?

Os representantes do sindicato tamén falaron do debate aberto noutras comunidades autónomas sobre a volta á xornada partida (mañá e tarde) nos centros escolares. Díaz advertiu que, polo momento, só hai "estudos de parte" sobre a idoneidade dunha ou outra xornada. "Estudos serios non hai ningún, porque se houbese teriamos que aplicalo", engadiu. ANPE considera que volver ao modelo partido só é "beneficioso socialmente", por cuestións de conciliación e non educativas, e sinalou que os colexios non son "aparcadoiros de nenos".

O presidente do sindicato ANPE Galicia, Julio Díaz, e o responsable do Defensor do Profesor, Julio Trashorras
O presidente do sindicato ANPE Galicia, Julio Díaz, e o responsable do Defensor do Profesor, Julio Trashorras | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta