A liberdade de pensar (1 de 3)

Cando o 2014 esmorecía, falaba cun amigo da necesidade de pensar e debater unha perspectiva de futuro sobre a encrucillada nacional e internacional do sindicalismo. Alén dos sentimentos polos meus vivires no colectivo obreiro, manteño unha leve vinculación á CIG no plano material contribuíndo cunha cota como traballador que percibe unha pensión de xubilado (fago esta precisión para non agocharme tras dalgunha bandeira de conveniencia). Rematamos a conversa cunha suxestión por parte miña: facer un encontro aberto no ámbito comarcal de Ferrolterra, sobre estas cuestións.

Por Fermín Paz | As Pontes | 01/07/2015

Comparte esta noticia
Fose polo que for, non tiven resposta, mais continuei a darlle voltas ao asunto e pensei que -máis cedo que tarde- os cambios tamén terán que chegar ás estruturas sindicais e á acción sindical que desenvolven. Por iso, non está de máis lembrar a Rosa Luxemburgo cando  dixo: "a liberdade só para os que apoian o goberno; só para os membros dun partido (por numeroso que este sexa) non é liberdade en absoluto. A liberdade é sempre e exclusivamente liberdade para quen pensa de xeito diferente".
 
Os sindicatos non poden ficar fora da mudanza; esta é unha urxencia para á clase traballadora. A crise é política, social e institucional. Por iso afecta tamén o ámbito sindical e este precisa dunha revisión profunda antes de se instalar nun continuísmo suicida. Non é doado, mais si é necesario para poder explicar á clase traballadora os retos que hoxe temos. Cada organización debe considerar o que facer ou será superada polos acontecementos.
 
En pura lóxica, as estruturas sindicais que forman parte do aparello institucional  serán mais resistentes a perder os privilexios do poder en todas as súas manifestacións. En analoxía co bipartidismo, no Estado Español temos un bisindicalismo hexemónico nas relacións laborais. Aínda que algúns pretendan negalo cunha formulación simplista, cunha falacia, “os resultados das eleccións sindicais mostran a confianza dos traballador@s nos sindicatos”. Tal afirmación non deixa de ser unha xustificación, do mesmo calado, á estratexia que mantivo o bipartidismo durante tanto tempo para negar a necesidade dun cambio real.
 
A miña formulación para o devandito encontro foi a seguinte: “a loita obreira : de onde vimos, a onde vamos”. Por  unha banda, a xeración máis vella de militantes deberían facer  un pequeno percorrido polos asuntos que tiveran que enfrontar na ditadura e máis adiante coa liberdade sindical, nunha revisión histórica que puxese de manifesto os posibles erros e acertos. Pola outra,  @s traballador@ e sindicalistas de hoxe  e de sempre, deberían pensar e debater  dun xeito aberto sobre os problemas centrais  da clase obreira e sobre as necesidades estruturais de organización cunha perspectiva do medio-longo prazo.
 
O onte no meu maxín está cheo dunha mistura de lembranzas que van das  referencias históricas en que me fun formando ás condicións de vida e de traballo no contexto dos  finais da década dos 60 e os inicios da do 70, á situación política daquel tempo, á loita contra o sindicato vertical para construír unha alternativa democrática, á coherencia esixida entre os formulacións na fábrica e a vida militante, aos debates  sobre  unha única Central Sindical e a concreción das diferentes expresións do pluralismo sindical, á legalización dos sindicatos de masas construídos  polas vangardas,  á ilusión colectiva como motor do cambio, unhas  organizacións  novas e democráticas, ao desenvolvemento e as ensinanzas das loitas, ás crises internas, á institucionalización sindical e o pacto social. Pese ás dificultades que cada tempo ten, tratábase de atopar solucións teorico-prácticas aos problemas que ían xurdindo na dinámica histórica. Seguro que outr@s compañeir@s poderían facer achegas importantes tanto no terreo dos feitos obxectivos como das valoracións que cada quen teña sobre deles. 
 
Nalgún artigo aquí publicado xa teño feito algunha referencia critica (no contexto do Estado Español) ao presente, marcado polas reformas interminables en materia laboral,  que supuxeron -con moi poucas excepcións- un continuo retroceso nas relacións laborais. Contodo, cando fixen a suxestión quería ir mais aló da conxuntura do presente. Sei das dificultades que os traballadores e as organizacións sindicais  teñen na actualidade para atopar e dar respostas  e que, no mellor dos casos, son parciais porque  non se combate a causa ou chega a negarse na práctica o conflicto entre clases sociais ou mesmo a  súa morte.
 
No mundo contemporáneo estamos diante dunha nova orde económica mundial. A globalización son moitas cousas; ademais dunha “revolución” tecnolóxica  non debemos esquecer os novos paradigmas da realidade laboral e social que está sendo caracterizada polo desemprego, a instabilidade contractual e a flexibilización das condicións  socioeconómicas, entre outras. A hexemonía  capitalista fundaméntase na ideoloxía dun mercado resolutivo dalgún dos seus problemas. É unha “cultura” cun programa de acción que xa están aplicando,  ben contando co colaboracionismo dalgunha representación obreira, ben rebordando as febles defensas políticas e sindicais.
 
A clase obreira precisa saber deste programa, da súa xustificación analítica e das consecuencias, antes de poder exercer  o seu  antagonismo. Se non sabemos o que facer, como facelo e con quen, o futuro pinta mal para o sindicalismo e para @s traballadores.
 
 O “A onde vamos” centra toda miña preocupación. Diso falarei na segunda parte deste artigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.