"Se pillan á señora María con ovellas sen identificar, vana tratar como a Sito Miñanco", di o xerente dunha empresa de control

Manuel Calvo, xerente da empresa Spartana Control Services S.L. e propietario dunha agrotenda asegura que, "hoxe en día, para ter unha soa galiña ou un pucho tes que ter, a nivel Xunta de Galicia, case a mesma burocracia, no que respecta a servizos veterinarios oficiais e permisos, que para ter 1.500 vacas".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/12/2023 | Actualizada ás 23:42

Comparte esta noticia

Como vai existir o rural se non se lle deixan de poñer portas ao campo, que adoita dicirse? Como as aldeas van subsistir como se facía antes, con produción da propia casa, se para ter unha soa vaca ou unha galiña hai que ter toda unha ristra de papeleo? Como se pode ter animais se a nova lei de benestar animal ameaza a cada paso con multas? E como estar tranquilo nunha explotación gandeira se os inspectores tratan de pillarche por calquera mínima cousa? A realidade que se vive na actualidade no campo galego é moi dura. A poboación que queda nas aldeas, envellecida, non é quen de adaptarse a tanta normativa como hai na actualidade, nin conta cos coñecementos tecnolóxicos necesarios como para poder dar de alta aos seus animais a través da oficina virtual da Xunta. Pola súa banda, os mozos, xa nin queren saber dun tema que non semella causar máis que problemas. Así, é imposible.

Manuel Calvo
Manuel Calvo | Fonte: Campo Galego - Arquivo

"Din que o rural desaparece? O que eu non sei é como non desapareceu xa nin como segue en pé", plantéxase Manuel Calvo, xerente da empresa Spartana Control Services S.L. e propietario dunha agrotenda na que, día a día, observa o temor da xente a multas e requirimentos por parte das administracións. "Hoxe en día, para ter unha soa galiña ou un pucho tes que ter, a nivel Xunta de Galicia, case a mesma burocracia, no que respecta a servizos veterinarios oficiais e permisos, que para ter 1.500 vacas", asegura, engadindo que, "de feito, semella que cantos menos animais tes moito máis rigurosos son nas inspeccións". Este home, que tamén imparte formación nas contornas rurais, sempre lles di aos seus alumnos: "É imposible que antes da siesta non haxa establecidas dúas ou tres normas novas, porque está todo normativizado, temos unha cantidade de normas inxente".

Así, pon un exemplo que foi atendido pola súa propia empresa. Sen dar nomes concretos, fálanos da señora María por poñerlle un nome en abstracto. Esta señora tiña unhas ovellas, poucas, na casa, e "tal expediente lle fixo o veterinario oficial que semellaba que a señora estaba a xerar un problema de saúde pública por ter esas ovellas". Miráronlle os cerramentos. Miráronlle as comedeiras, que tiñan barrotes de madeira que non podían ter. "Vamos a ver, é unha corte vella, son cinco ovellas, e teñen unha comedeira típica dos pesebres antigos, como no que naceu o neno Xesús", chancea Manolo. Por outra banda, tamén se lle queixaron da forma de darlle auga aos animais. A señora María tiña un capacho no pesebre, limpábao todos os días e, ao chegar a noite, antes de meter ás ovellas no cortello, enchíallo de auga fresca. "Dixéronlle que de ningún xeito, que non podía facer iso con auga corrente", apunta este experto. A cousa chegou ata o punto de que "lle dixeron que non tiña luz na corte, e que iso non podía ser, porque se tiña que ir inspeccionar ás ovellas pola noite tiña que ter unhas boas condicións para poder facelo". "Toleárona da cabeza", afirma Manolo.

"SEMELLA QUE AS OVELLAS DE MARÍA PODEN MATAR TODAS AS VACAS DA ZONA"

Por outra banda, aínda que só teñas catro ovellas ou dúas galiñas, estás obrigado a dar de alta a explotación, ter a documentación de cada animal ao día e os seus seguros sanitarios. Hoxe en día, todo esto faise a través da oficina virtual da Xunta, pero, como evidencia Manolo, "a maioría da xente que está no rural xa ten unha certa idade, coa limitación que isto supón para acceder a este recurso". Mesmo para poder vender un animal teñen que solicitar a través da oficina virtual unha guía sanitaria, a través dunha aplicación e cun código. "Pero a señora María non ten ordenador, e non o entenden", asegura, indignado: "Como pode ser tan complicado para a señora María ter unha ovella na súa finca para que lla limpe? Se aínda por enriba está a facer un servizo á comunidade, evitando que un incendio forestal poida chegar á beira das casas porque a ovella mantén os pradairos limpos". "Amárgana perdidamente", lamenta este experto.

Vacas
Vacas | Fonte: E.P. - Arquivo

Ante esta situación, cal é a solución pola que opta a señora María ou calquera outra persoa? "Pois hai dous camiños, e ambos son malos para a administración: ou vende as dichosas ovellas, ou di que llas roubaron e quítalles os identificadores, quedando con elas pero de forma ilegal", explica Manolo. Evidentemente, calquera das dúas cousas non está exenta de risco, pois, "se a collen nunha operación destas, téndoas de forma ilegal, prácticamente a van tratar coma se fose Sito Miñanco", así de 'heavy' é a cousa. Por que? "Porque din que as ovellas sen documentación poden ser un risco a nivel sanitario, para a saúde pública, e ti pénsalo como alguén que estudou sobre o tema e é verdade que as ovellas poden ser vector de transmisión dalgunha enfermidade para os rumiantes, como a lingua azul, se non están correctamente saneadas, pero tal e como cho din e tal e como llo comunican semella que a señora María pode matar a todas as vacas de Mazaricos ela soa, e iso tampouco é verdade". "Ata ese nivel o están a levar", conclúe Manolo.

"SE QUERES MERCAR UN PITO, TÉÑENCHO QUE TRAER EN TRANSPORTE Á CASA"

Así as cousas, como evidencia Manolo, "hoxe en día é imposible vir mercar a unha tenda agrícola dúas galiñas sen ter unha explotación agrícola dada de alta, e xa non digo dúas galiñas, nin sequera un pito do día podes mercar". "Despois asustámonos de que o rural non funciona, como vai funcionar?", pregúntase, respostando que iso é como "se a bicicleta ten dúas rodas e teslle un pau en cada unha, son cousas tan kafkianas como esa". E é que para mercar unha simple galiña "a señora María ten que ter un permiso de tenencia, pois no ticket que eu lle dou na tenda ten que ir o meu número de rexistro e o seu de cliente rexistrado tamén". Con todo, aínda que iso se faga deste xeito, se a señora María leva o pito no coche ata a súa casa, a dez metros de distancia, xa está a transgredir a lei. Por que? "Porque non ten un vehículo coa documentación ao día para poder transportar animais vivos nin realizou o curso de benestar animal para o transporte", asegura Manolo.

"Fíxate a que nivel chegamos", lamenta este dono dunha tenda agraria, que explica que, así as cousas, "ti se queres comprar un pito debes, segundo a lei, ir ou chamar á agrotenda da túa zona, eles teñen que ter un vehículo habilitado ou pagar a un transportista do servizo público que teña número de rexistro e que conte cun curso de manipulación e benestar animal no transporte, e que sexa el quen cho leva ata a casa". Ao comunicarllo á tenda, esta ponse en contacto coa Xunta a través da oficina virtual, pide unha guía veterinaria na que avisa de que vai vender un pito ou unha galiña e o vai a transportar ata a casa de Fulanito o día tal e á hora tal, para chegar a esa casa á hora cal. "Ese é o ridículo que estamos chegando a facer, e todo por un simple pito", afirma Manolo, que reivindica que "as cousas non poden seguir funcionando así". 

"SE TES SEGUROS DE ANIMAIS SUBVENCIONADOS, OLLO CON FACENDA"

Outra problemática engadida está no tema dos seguros animais. Son obrigatorios porque cando estes morren debe vir un servizo de retirada. Pero a cousa non é menos preocupante. Manolo exemplifica que "se tes a túa avoa con ovellas ao seu nome e contrata un seguro para que o camión verde poida vir por elas cando morran, ese seguro pode custarlle se o paga íntegro uns 5 euros por ovella, pero como é un seguro que está subvencionado pola comunidade económica europea máis ou menos ao 60 %, custaríalle uns 2,30 ou 2,20 euros por ovella". O problema? "Dentro de cinco anos á túa avoa vaille a chegar unha carta certificada de Facenda que lle vai dicir que non está a declarar os ingresos todos que ten, porque ao percibir unha subvención pública, xa está obrigada a realizar a declaración da renda, e, de non facelo, pódelle acarrear unha multa de entre 800 e 1.000 euros, dependendo do inspector que lle toque", indica o experto.

Ademais, a expansión dos núcleos urbanos e periurbanos está a xerar a morte de moitas explotacións. E é que a convivencia entre granxas e veciños non é sinxela. Manolo conta o caso dunha granxa de porcos con licenza dende o ano 1941. "Puxéronlle unha promoción de chalés detrás, e agora quéixanse de que lles cheira a porco, cando esa xente comprou os chalés sobre plano, é dicir, foi cincuenta veces a ver como avanzaban os chalés mentres llos facían e é agora cando se dan de conta de que cheira a porco na zona", asegura. A solución? "Ao gandeiro estano a churruscar a inspeccións, a ver por onde o 'pillan', dicíndolle que se non pode ter leña na zona, que non pode plantar legumes na horta onde está a granxa...". 

"MOITOS FUNCIONARIOS TEÑEN EXCESIVO RECEO CON XENTE CON DÚAS VACAS"

Manolo concede que "as normativas, nun inicio, creáronse pensando nas grandes explotacións e, por riba, moitas delas están redactadas por xente cunha formación dubidosa para facelas, algo que pasa en todos os ámbitos". Pero, a maiores, despois "tes moitísimas veces aos funcionarios encargados de velar polo cumprimento desas leis que as aplican cun receo excesivamente alto a persoas como a señora María, que ten dúas ovellas e tres galiñas, e non ás grandes explotacións". Cando, segundo afirma este experto, "como inspectores veterinarios, deberían saber tamén interpretar as leis e adecualas a cada caso en particular, que para iso se licenciaron". Mentres que a realidade é que coa cantidade de sancións que lle poñen a persoas como a señora María é para dicir: "Hostia, María, vante levar presa". 

A isto súmase a falta de empatía coas persoas maiores á hora de comunicar as cousas. En vez de facelo por chamada, explicándolles os requerimentos, fano por carta. "Fai nada chámaronme dun aldea na que uns veciños recibiran unha carta que lles ameazaba con multas de ata 600.000 euros se non desbrozaban as fincas", e "cando eu cheguei alí estaban todos atacados dos nervios por unha finca, xa pensaban que lles ían quitar a casa e que ían a perdelo todo". "Tan complicado é que en casos de xente octoxenaria se lles chame dende a Oficina Agraria Comarcal en vez de mardarlles unha carta asustándoos?", plantéxase Manolo. Facendo as cousas así de mal, "como se vai recuperar o rural, hoxe en día nin o plantexas".

"COMO O CAN DO VECIÑO CHE PREÑE A CADELA XA ERES CRIADORA ILEGAL"

E é que na actualidade a todas estas problemáticas veu a sumarse outra: a nova lei de benestar animal. "Como se lle ocurra ao can do veciño saltar a tapia e violarche á cadela, tes un problema de tres pares de collóns, porque xa te convirtes en criadora ilegal, o que supón que che poden meter unha multa de ata 6.000 euros por cadelo que naza", argumenta este experto. E comenta que asistiu a un caso no que "un inspector ameazaba a un gandeiro que tiña os seus cans de raza mastín polo monte, pois eran os encargados de gardar as ovellas, e díxolle que aínda que a lei de benestar animal exclúe aos cans usados na gandaría, el apreciaba un claro indicio de abandono, o que podería supoñerlle unha multa de 6.000 euros, antecedentes penais e, ao mellor, prohibirlle ter animais nunca máis, o cal suporía a súa ruína". Así de grave é a situación.

Ovellas
Ovellas | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta