Por Ángela Precedo | LUGO | 29/11/2023 | Actualizada ás 22:00
Os incendios que cada ano asolan Galicia destrúen a nosa paisaxe, o noso patrimonio natural e animal e rematan con ecosistemas cun valor inmaterial incalculable. Todos os veráns (este foi unha das poucas excepcións), grandes incendios sacuden a nosa comunidade. Ante eles, centos de bombeiros e outros profesionais loitan fronte a fronte contra as chamas, xogándose en moitos casos a vida, e poñendo en risco a súa integridade física para tratar de frear os avances do lume. Sen embargo, tamén son humanos, e teñen sobre as súas costas toda unha serie de condicionantes que poden facer que haxa problemas nesta loita. O caso do incendio que o pasado mes de marzo calcinou 1.600 hectáreas no municipio lucense de Baleira, e que chegou a poñer en serio risco a varios núcleos de poboación, é un exemplo de que aínda quedan moitas cousas por aprender nesta loita contra o lume, e de que nunca se debe subestimar a un incendio.
Ramón Ignacio Sánchez Álvarez, xefe do distrito forestal VII-Fosagrada-Os Ancares, así o contou este mércores no II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, celebrado no marco da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), en Silleda. En concreto, asegura que "foron moitas cousas as que xogaron na nosa contra aquel día 28 de marzo de 2023", no que se deron unhas condicións climáticas excepcionais para a época do ano, unha época na que os medios de extinción están dispoñibles a medio gas, pois considérase tempo de baixo risco. Por aquel entón a influencia dun anticiclón seguido da chegada dunha borrasca e da humidade contida na vexetación deron como resultado un nivel de risco baixo, calculado, como despois se viu, con certos erros. Ademais, as instrucións á hora de abordar o lume non foron de todo as idóneas e, dentro dos efectivos de loita, había xente sen experiencia en tratar con grandes incendios. Todos estes e moitos outros motivos fixeron que a cousa se desmadrase.
Comezando pola situación climatolóxica, Sánchez recorda que "o día 28 tiñamos sobre Galicia a influencia dun anticiclón co seu centro no suroeste de Francia, pero estábase achegando unha borrasca polo Atlántico, que foi a que despois condicionaría a evolución do incendio". Así, a medida que esta se achegaba, "os ventos ían comezando a xirar no sentido contrario ás agullas do reloxo e, ao pasar ao norte do incendio, nun momento dado, eses ventos cambiaron ao sur, o que aumentou a humidade relativa da zona, facendo que os combustibles que había nela estivesen máis dispoñibles para arder". Ademais, a pesares de que podía pensarse que levaba días sen chover para poder propiciar a situación, o certo é que nada máis lonxe da realidade, pois "caeran de media ao longo do mes 170 litros por metro cadrado máis do normal, o cal é unha cantidade de auga moi importante, por enriba da media de Baleira". E, concretamente, os días 23, 24 e 25 de marzo, os previos ao incendio, caera moita máis auga. De xeito que, "non podemos dicir que a situación se derivase da sequía ambiental".
Polo que respecta á evolución da temperatura e, especialmente, da humidade, para os días 28 e 29, nos que se produxo o incendio, asegura que as cousas tamén foron excepcionais. "A medida que vai entrando a noite o normal é que a humidade vaia subindo, en especial no mes de marzo, para chegar a acadar o seu valor máximo a mediados da noite", explica Sánchez. Aquel día foi totalmente distinto: "Comezou en valores baixos de humidade e, a medida que foi avanzando a noite, en vez de subir, seguiu baixando, chegando a estar mesmo por debaixo do 30 %, e manténdose así todo o día seguinte, e, ás cinco da tarde, cando arrincou o lume, estabamos en valores do 35 %". O mesmo sucedeu coa temperatura, que estaba en torno aos 20 graos no momento de prender.
PROBLEMA: FORTES VENTOS, CON RACHAS DE ATA 100 QUILÓMETROS POR HORA
A isto sumouse o comportamento violento do vento, sobre todo no que respectaba ás súas rachas máximas. "A medida que se achegaba a borrasca, os ventos ían aumentando, e no momento do incendio o vento sopraba a entre 15 e 20 quilómetros por hora, pero con rachas que chegaban a entre 40 e 50 quilómetros por hora, o cal era o máis significativo", asegura este xefe de distrito, que conta que, "o día 29, houbo dous momentos nos que case chegamos a ter controlado o lume, sobre as tres ou catro da madrugada xa estaba case todo o cordón feito, agás uns 15 metros, pero nese momento non fomos quen de rematalo, porque se trataba dunha zona complicada, de rochas, e decidimos deixar o traballo para o día seguinte, tamén porque estabamos nunha época considerada de baixo risco, na que a maior parte do persoal remataba ás cinco da madrugada de traballar, e non demos liquidado por completo o lume". Iso propiciou que se expandise o incendio outras 100 hectáreas a maiores. "Ás catro da tarde do día seguinte logramos volvelo a controlar, en torno ás 150 hectáreas, pero chegaron ventos moi fortes, de 60 quilómetros por hora, con rachas de ata 100 quilómetros por hora, que fixeron que a cousa se descontrolase e, entre as catro e as sete da tarde, arderon 1.200 hectáreas das 1.600 totais", recorda. Unha auténtica catástrofe.
Por sorte, "a humidade relativa volveu aumentar ao caer a noite, ata valores do 90 %", o que lles deu aos bombeiros "a oportunidade de volver controlar o lume e extinguilo". A cousa chegara a desmadrarse tanto que houbo que declarar o nivel dous de alerta, pola proximidade do lume ás casas, o que provocou que se chegase a evacuar algún pobo e houbo que meter en varias aldeas motobombas e efectivos para defendelas. Isto fixo, como recoñece Sánchez, "que desatendésemos un pouco o lume principal", porque a todo non chegaban cos efectivos que había. Foi precisamente nese momento de desatención cando, ás sete da tarde do día 29, os ventos de compoñente sur fixeron baixar a humidade en 20 puntos porcentuais, e, "ao ser tan baixa, afectou directamente sobre a humidade dos combustibles tardíos, aqueles que adoitan prender non no mesmo momento do lume, senón ata dúas ou tres horas despois". E é que a humidade que teña a vexetación tamén é fundamental para determinar o avance das chamas. Naquel momento, Sánchez asegura que "estabamos nun ambiente no que había certa sequía", pois "cando se produxo o incendio estivo precedido de días soleados, con bastante evaporación de humidade na vexetación".
UN DÍA DESPOIS DO DE BALEIRA, COMEZOU A GRAVE CRISE DE LUME EN ASTURIAS
Neste senso, o xefe de distrito forestal Fonsagrada-Os Ancares indica que "aínda que na parte occidental de Galicia había naquel momento do ano un ambiente húmido, na parte oriental o ambiente era seco, e seguindo polo norte, en Asturias e Cantabria, era moi seco ou extremadamente seco". De feito, un día despois do incendio de Baleira arrincou a grave crise de incendios en Asturias, mesmo en zonas onde non adoitaba arder. E é que tamén entraba en xogo outra variable: o estado fenolóxico das plantas. Para comprender a gravidade do día en cuestión, Sánchez realiza unha comparación sobre o estado das plantas nun día de situación crítica en Galicia, como foi o 23 de xullo de 2022, cando arderon 11.000 hectáreas no Courel e no Barco de Valdeorras, e o estado que tiñan o 28 de marzo. "O 23 de xullo o contido de humidade das plantas é moito maior que o 20 de marzo, pero non en toda a vexetación, na zona de frondosas, por exemplo, non é así", afirma.
"Desde o punto fenolóxico das plantas este lume ocorreu nun momento moi malo para as plantas, no que 1.200 das 1.600 hectáreas que arderon foron arboladas e, delas, entre 500 e 600 foron de especies caducifolias, é dicir, de bosque atlántico, con especies como bidueiros, arces e castiñeiros moi próximos, cerca da zona do bosque autóctono da Marronda", recorda Sánchez, que exemplifica a contraposición que isto supón con respecto a outras zonas como a conca do río Navia, onde "a vexetación é máis mediterránea, con madroños e loureiros". Como apunta este experto forestal, "a vexetación atlántica asóciase que pode deter ou frear os incendios, puidendo parar nela as chamas pola súa humidade, pero no caso de Baleira non foi así, porque aínda que non arderon as frondosas en si, que quedaron pouco afectadas, si o fixo todo o sotobosque e a follarasca, o combustible fino xa morto nese momento". "Ese combustible estivera exposto ao vento e á humidade relativa tan baixa que houbera en días anteriores", afirma.
ERRO: "CONFIAMOS EN QUE O LUME NON AVANZARÍA DE NOITE E RETIRÁMONOS"
Cal foi a evolución do incendio? O lume de Baleira como tal arrincou ás 17:00 horas do día 28 de marzo de 2023 na parroquia de Cubillero. "O lume comeza por unha queima sen comunicación que rapidamente se dirixe cara o pastizal de Cabreira", recorda este axente. Ao chegar á zona, os efectivos de extinción priorizaron a extinción da parte oeste, porque "queriamos evitar que o lume se encañonase cara o río Eo, chegando á zona de Cortevella". Unha vez apagada a parte oeste, ás 23:00 horas do día 28, só quedaba lume activo nunha zona, "e confiamos en que o lume non avanzaría durante a noite e en que o poderiamos extinguir ao día seguinte". Con todo, "ao día seguinte, debido ao que sucedeu como humidade relativa, o lume adquiriu un comportamento tan explosivo que non fumos capaces de facerlle fronte". Sobre as 7:00 horas do día 29 o lume logrou escapar por unha zona de rochas que formaban unha parede de dous ou tres metros, parede que os efectivos de extinción non agardaban que puidese superar. Novamente tomáronse medidas que lograron controlar o lume e pechar case o perímetro do mesmo ás 16:00 horas dese día 29.
Foi entón cando, lamentablemente, cambiou a dirección do vento e "o lume comezou a reproducirse novamente en todas as zonas que tiñamos xa apagadas", tanto na parte oeste como no sur, cara onde quería avanzar o lume. "Esa era a situación que queriamos evitar no primeiro día, e agora xa a tiñamos enriba: o lume chegara ao cañón do río Eo, e aproveitando unha pequena parcela de eucaliptos puido dar o salto, así que xa tiñamos o lume encañonado nos dous lados do río", lamenta Sánchez. Foi entón cando xa non había un foco, senón varios, o que fixo que aparecen novos lumes que colleron certa intensidade e comezaron a expandir pavesas que provocaron que entre as 15:30 e as 19:00 horas da tarde ardesen da orde de 1.200 hectáreas. "É cando o lume avanzou máis rápido", recorda. Ademais, "desde as 11:30 non tiñamos medios aéreos traballando no incendio porque tiveran que retirarse debido aos fortes ventos", explica.
"HABÍA QUE PROTEXER A CASAS QUE TIÑAN EUCALIPTOS A MENOS DE 5 METROS"
Sobre as 17:30 horas foi necesario declarar a situación dúas de alerta e desaloxar o núcleo poboacional de Cortevella, porque "eramos conscientes de que xa non iamos ser quen de controlar o lume, porque tiñamos lume salpicado, multitude de focos secundarios e moitos non sabiamos sequera onde estaban, pois non se atopan próximos os uns aos outros". "Este comportamento mantívose ata ben entrada a tarde", asegura Sánchez, que indica que "foi entón cando deixou de haber focos secundarios". Por que? "Foi cando entrou o aire húmido da borrasca e humidade ascendeu ata o 90 %, así que as pavesas xa non se mantiñan tanto tempo voando nin tiñan a capacidade de xerar novos incendios", apunta. Así as cousas, procedeuse a protexer ás casas próximas aos lumes, que "tiñan eucaliptos a menos de cinco metros das edificacións, algo que se prohibe na lei de incendios, que obrigaría a eses eucaliptos a retirarse uns 50 metros".
Pero a realidade era que "todo Fórneas estaba rodeado de eucaliptos", lamenta Sánchez, que recorda como polo pobo "había pavesas de varios centímetros que voaban cunha potencialidade bastante alta para formar focos secundarios, polo que procedemos a desaloxar, porque cando arde unha casa normalmente faino a raíz desas pavesas, que entran por ventás e prenden en cortinas, periódicos...". A partir do momento en que se desaloxou á poboación e entrou a borrasca, foi cando xa se puido atacar con todo o incendio, e ás 6:00 horas do día 30 de marzo quedara xa case controlado, para a súa posterior extinción.
ERRO: "O BULLDÓZER NON ENTENDEU AS INDICACIÓNS E FIXO O CONTRARIO"
Polo que respecta ás tarefas de extinción, o primeiro medio en chegar á zona foi o helicóptero. Logo chegou unha brigada, que logo se reforzou con outra. "Nesa época do ano a brigada traballaba cun plante desdobrado, é dicir, un día traballaba a metade do persoal e o outro día a outra metade, e algo semellante pasaba co persoal do helicóptero", explica Sánchez. Así as cousas, o helicóptero deixou ás brigadas no pastizal e comezou a traballar no flanco dereito do incendio. Había xa catro brigadas, tres motobombas, dous helicópteros e o equipo batracio, que é unha brigada máis grande que tamén despraza xunto a ela o tractor cisterna con capacidade para 100.000 litros. Fíxose unha primeira sectorización, que foise pormenorizando e cambiando a medida que foi crecendo o número de efectivos dispoñibles. "Cando se fixo a sectorización máis complicada establecéronse varios sectores, catro, con varios quilómetros de lonxitude". Ás 18:45 horas do día 28 os medios aéreos retiráranse e conseguiran apagar a zona máis preocupante, deixando o lume anclado para o día seguinte, porque sabían que ía haber ventos fortes. A partir de aí, todo o que se podía ir apagando mediante cortalumes fíxose así, e había zonas nas que mesmo non podían entrar as motobombas.
Ás 23:30 horas do día 28, o lume avanzaba cara unha zona de matorral moi densa, moi complicada para facerlle fronte, pero "tiñamos tres camións e a cisterna con 100.000 litros, moita auga, para tratar de baixar a intensidade da chama". Así, con moito esforzo, lográrono levar ata unha zona de rochas, que se consideraba que tería menos perigo para ser atravesada. "Ao igual vendo o que pasou ao día seguinte, igual teriamos que ter tomado outra determinación", lamenta Sánchez, que, con todo, confesa que "era peligroso baixar pola noite por aquela zona". Ao día seguinte a cousa foi moi mal, o lume avanzou de xeito descontrolado durante moitas horas, o que derivou na queima desas 1.200 hectáreas máis. Sobre as 10:00 horas do día 29 chegara á zona o bulldózer para sumarse aos traballos. E a cousa non foi mellor: "Démoslle unhas instruccións, pero non houbo boa transmisión da información e rematou traballando na dirección contraria á que nos interesaba, fixo un corte que realmente non era moi importante, cando tiña que facelo ao longo doutra pista, para anticipar a queima". Así, cado foi momento de rectificar, deulle tempo ao bulldózer a facer o corte, pero non a queimalo, así que o lume ao chegar á zona pasa o corte feito polo bulldózer, pasa a primeira pista, a segunda e tamén o cortalumes que está por enriba.
"HOUBO LUGARES QUE NON LIMPARON A BIOMASA E TIVEMOS QUE LIMPALA NÓS"
Cando consegue estabilizarse o lume é cando cambia o vento, ás 16:00 horas. A realidade ás 18:00 horas dese día 29 era que "tiñamos multitude de focos secundarios en toda esa zona e non podiamos facer nada, o lume estaba fóra de toda capacidade de extinción". Así que se procedeu a minimizar os damos: "Logramos salvar unha zona de repoboación de frondosas facendo unha queima e realizamos unha especie de triaxe, indo a todas as aldeas próximas que nos informaban de perigo e preparando os pobos para o impacto do lume". Neste senso, Sánchez lamenta que "houbo lugares que, como non fixeron eles mesmos a xestión da biomasa no seu momento, tivemos que facela nós de forma precipitada". Outra operación estaba mentres tanto a realizarse na parte sur, apoiando ao bulldózer, e co equipo batracio. No momento no que se deixan os focos secundarios realízase unha queima de ensanche, de algo máis de tres quilómetros de cortalumes. Sobre as 6:00 horas do día 30 chegou á zona a UME, á que se lle pideu apagar unha zona con contido de auga e baixar a outra xa apagada para saneala ata o río.
PETICIÓN: "MENOS BRIGADAS PERO MÁIS POTENTES" E "XENTE CON EXPERIENCIA"
Visto agora o sucedido con perspectiva, Sánchez recoñece que houbo cousas que non se fixeron ben, en gran medida pola falta de medios, pois o lume "ocorreu en época de baixo risco, cando a maior parte dos técnicos non estaban de garda, os bombeiros forestais acababan de traballar ás catro da madrugada e pola noite houbo momentos nos que non houbo motobomba ningunha traballando no incendio". Ademais, asegura que "os índices de risco daquel día non foron suficientes para predecir o que se nos veu enriba, porque non recolleron ben a situación de perigo real", segundo a súa opinión, "porque os índices que se empregan están baseados no índice canadiense, e xa hai propostas para reformulalos, máis tendo en conta que en Canadá durante o inverno hai extensas zonas cubertas de neve, por iso adoita fallar para predecir incendios durante o inverno".
Por outra banda, pide máis persoal ou reformulacións do actual. "Ao longo do día, ao traballar con horarios de baixo risco, a dispoñibilidade de persoal era moi distinta dependendo da hora na que te atopases", explica. Neste senso, Sánchez tamén demanda mellorar o apoio interprovincial ante os grandes incendios, pois "non acaba de funcionar ese apoio a longa distincia, pois xente cun turno de sete horas que se despraza cunha motobomba de Vilagarcía a apoiar un incendio en Baleira xa emprega as sete horas só no desprazamento". E é que na actualidade, prima a idea de "traballar con máis brigadas de menos xente, un concepto que xurdiu a raíz de tempos nos que había que facer fronte a 10.000 incendios anuais, e agora estamos en medias de 3.000, este ano nin aos 1.000 chegaremos, e podemos ter menos brigadas pero máis potentes". Pois, as quendas partidas fan que a metade dos días o xefe de brigada non esté coordinando á brigada que atende ao lume. Así mesmo, reivindica que para grandes lumes "débese mandar a xente con experiencia previa, non como pasou no caso de Baleira, onde un dos axentes que chegou nun primeiro momento ao lume acababa de entrar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.