Mari Carmen Caldeiro, pedagoga: "Un coitelo non é bo nin é malo, depende como o uses; cos móbiles nos nenos pasa o mesmo"

"Moitos papás din que teñen programas de control parental instalados nos dispositivos dos seus fillos, pero non saben que hai outros programas que os rapaces coñecen e que son capaces de vulnerar ese control parental", conta Caldeiro, que asegura que, así as cousas, "o que fai falta é máis dedicación e tempo, dentro dunha sociedade tan apurada".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Móbiles si ou móbiles non? Segundo un estudo realizado polo Instituto Nacional de Estadística (INE), o 85 % dos nenos de entre 12 e 14 anos xa ten móbil. Ante este dato, foron moitas as voces que saltaron á palestra para tratar de regular o uso de móbiles nos colexios. E é que aínda que na actualidade Galicia é unha das tres únicas comunidades (xunto á Comunidade de Madrid e a Castela-A Mancha) que non permiten o uso de móbiles nos centros educativos como mecanismo de comunicación durante os períodos lectivos, os nenos seguen facendo uso del no recreo e mesmo nas clases, ocultándollo aos propios profesores. Vai ser certo eso que din de que canto máis che prohíben unha cousa máis queres facela. Habería que prohibilo por completo? A ministra de Educación, Pilar Alegría, falou fai pouco do tema, e apostou pola educación dos rapaces fronte á prohibición do uso dos móbiles. Na súa opinión, a solución non pasa "só por prohibir", pois "sería como poñerlle portas ao campo".

Bebé usando o teléfono móbil
Bebé usando o teléfono móbil | Fonte: Arquivo

Dende Galicia Confidencial preguntamos á pedagoga Mari Carmen Caldeiro, profesora na Universidade de Santiago de Compostela (USC), sobre o tema. "Os móbiles son perxudiciais sempre e cando non se usen con sentido", asegura a experta, que confesa que "regular o seu uso é unha tarefa moi complexa que está dando moitos problemas", ao igual que os que pode dar o seu propio uso, pois "pode xerar problemas moi gordos". Na propia facultade de Formación do Profesorado na que ela imparte clase, celebráronse fai nada unhas xornadas de formación coa colaboración da Garda Civil "para que os rapaces que van ser futuros mestres sexan conscientes dos perigos que os móbiles acarrean: dende suicidios ata ciberacoso e demais". Así as cousas, Caldeiro duda: "Non sabería se prohibilo ou non, é como se me preguntan se se deben prohibir os coitelos, se usamos o coitelo para cortar comida e axeitadamente é un bo recurso, se o usamos para ir pola rúa e atacar aos demais é un arma perigosa, e eu vexo o móbil tamén coma unha arma, que pode usarse ben ou mal".

Por iso, aposta pola educación. "Dende a familia, a escola e a sociedade en xeral é necesario regular os seus tempos de uso, non só do móbil, das pantallas en xeral, que é algo que aínda que se ve maioritariamente entre nenos e adolescentes, tamén afecta a moitos adultos", asegura a pedagoga, que cita entre os seus problemas "os físicos, os psicolóxicos, os de abuso e os de dependencia despois de facer un mal uso do móbil". Con todo, o móbil fai anos que existe e semella que é agora cando a xente se está a dar conta. Chegamos tarde? "Eu creo que si", amósase convencida a profesora Caldeiro, que afirma que "a Asociación Española de Pediatría e a Asociación Francesa de Pediatría xa falaban do uso problemático das pantallas hai moito tempo, asegurando que antes dos tres anos non se debía usar o móbil; e Unicef hai moito tempo publicou unha guía que falaba sobre a planificación de uso que debemos facer cando se lle regala un móbil a un rapaz, para supervisalo, poñerlle normas...". "É como que era algo que xa estaba aí, pero de súpeto agora comezamos a ser conscientes, como se estivese 'de moda', e como se antes a cousa non fose con nós", afirma. E aínda que cheguemos tarde, confía en que "nunca é tarde, porque o importante é darse de conta".

En concreto, Caldeiro aposta pola regra do tres, seis, nove, doce, que tamén lla explica aos seus alumnos. En que consiste? Pois foi implantada pola Asociación Francesa de Pediatría e fala de que "antes dos 3 anos os nenos non deben usar pantallas; entre os 3 e os 6, moi poucas e reguladas, non só polas adiccións que estas poden crear, senón tamén polo seu físico, porque un neno de 3 anos que está pendente do móbil non o está do seu entorno, e ás veces lévalo no carriño con soporte porque aos papás nos facilita a vida que vai tranquilo, sen darnos conta de que a tranquilidade dun momento pode ser o berrinche do seguinte cando tratemos de quitarlle o móbil; aos 9 anos podémoslle deixar o móbil un pouco máis e algo menos regulado; e, a partir dos 12, xa deixarllo totalmente, pero cun control sobre o mesmo, mirando onde andan, interesándonos polos contidos que os rapaces van ver, pola calidade dos datos aos que teñen acceso nas redes sociais, e coido que hai cousas moi boas que se poden aproveitar e outras coas que oxalá teñamos o sentido crítico para darnos de conta de que non son boas". "Isto é un exercicio de formación, porque se somos conscientes de que o móbil para certas cousas non se debe usar, faremos del un bo uso", asevera a experta.

"SE LLE DAMOS O MÓBIL DENDE BEBÉS, LOGO NON BOTEMOS AS MANS Á CABEZA"

E é que hoxe en día ao ir a calquera restaurante ou mesmo camiñando pola rúa é habitual atoparse con pequenos que son paseados por seus pais nos carriños que levan o móbil nas mans e amósanse moi concentrados nel, case sen darse conta de calquera outra cousa. "É a típica 'nanny dixital', outro termo que xa foi acuñado por algúns especialistas", asegura a profesora Caldeiro, que engade que os pais "como sabemos que lles vai gustar, porque aínda que cando son pequenos non entenden moito o que ben gústanlle os colores, a música e demais, pois ao final cedemos a deixarlles o móbil para que se calmen, e entramos así nun bucle". Despois, cando os nenos van crecendo con ese costume, "botámonos as mans á cabeza porque desenvolven certa dependencia, cando en parte fomos nós mesmos como pais os que fomos alimentando esa bóla de neve que cada ano se foi facendo máis grande". 

Cando son pequeniños, semella que o móbil é unha ferramenta inofensiva para eles, pero non é así. Esta pedagoga apunta que "os nenos, sobre todo os máis pequenos, e hai moitos estudos que así o demostran, traballan por imitación, e cando van a Infantil non van a desenvolver ningunha competencia, como si farán en Primaria ou Secundaria, pintan porque vén ao do lado facelo, mellor ou peor; e eu penso que coas pantallas ocorre o mesmo". Deste xeito, indica que "se os deixamos coas pantallas ao seu libre alvedrío, tendo en conta que están a funcionar por imitación, ao final van rematar por reproducir condutas, incluso expresións que vén nos vídeos de móbil, e falo por experiencia propia, porque son mamá dunha nena nesas idades, e sei que se empapan de todo o que vén e todo lles queda aí no fondo da súa madurez e da súa formación incipiente".

"VIVIMOS NUNHA SOCIEDADE NA QUE AS FAMILIAS NON TEÑEN TEMPO"

Outra cousa que adoita suceder na actualidade é que o móbil se convirte no regalo estrela de calquera celebración: dende un cumpleanos ata unha comunión ou un regalo de Nadal. E falamos de rapaces moi pequenos, duns 8 ou 9 anos, algúns mesmo de menos. Tendo isto en conta "eu creo que son dispositivos sobre os que todas as familias deberían recibir recomendacións de uso", reivindica a profesora Caldeiro. Non se pode dicir que o feito de regalarlle un móbil a un neno pequeno sexa bo ou malo: "É como se me dis: se lle compro unha moto de cross a un neno pequeno, é bo ou é malo? Eu só creo que non é o axeitado para esas idades". Con todo, a experta considera tamén que "intentar prohibilo ou limitalo absolutamente pode ser contraproducente". De feito, asegura que o móbil, dende o ámbito pedagóxico ou formativo, mesmo "pode ser un bo recurso", pero "hai que ter presentes moitas cousas no seu uso e iso é moi dificil hoxe en día".

Nesta liña lamenta que "hoxe en día vivimos nunha sociedade na que as familias, polo xeral, non teñen tempo, e na que, ademais, carecen de formación ao respecto das novas tecnoloxías". E é que, como evidencia esta experta, "moitos papás teñen rapaces en idade adolescente e son eles os que ensinan aos propios pais, entón claro, iso do mentor invertido pódese convertir nunha arma". "Moitos papás din que teñen programas de control parental instalados nos dispositivos dos seus fillos, pero non saben que hai outros programas que os rapaces coñecen e que son capaces de vulnerar ese control parental", conta Caldeiro, que asegura que, así as cousas, "o que fai falta é máis dedicación e tempo, dentro dunha sociedade tan apurada". Pois é evidente que por moito que se esforcen os pais, os nenos e os adolescentes actuais, que xa naceron cunha pantalla entre as mans, na sociedade tecnolóxica e dixitalizada, sempre van ir un paso por diante, por natureza.

PROBLEMAS: BULLYING E ACOSO, PERO TAMÉN SEDENTARISMO E OBESIDADE

Agora mesmo, ademais, na maioría dos colexios galegos os nenos xa estudan cun sistema, chamado E-dixgal, que vén a ser un ordenador no que teñen a lección, os exercicios e os exames en formato dixital. Moitos pais amósanse preocupados, pois aseguraban a Galicia Confidencial que non podían dicirlles aos seus fillos que non estivesen co móbil se realmente na clase se pasaban cinco horas diarias diante das pantallas e na casa outras tantas para estudar e facer deberes. Sobre isto, a profesora Caldeiro cre que "é unha ferramenta educativa, pero o seu problema radica en cando empeza a ter outro usos, ben sexan lúdicos ou como 'nanny dixital', aí é cando se pode convertir nunha arma moi perniciosa", e engade que "hoxe os pais pode que non teñan o tempo e a formación precisa para saber se os seus nenos están usando o ordenador para unha tarefa académica ou se o están usando para outro tipo de cuestións".

E ese engano non é nada novo, só cambiou de forma. A experta evidencia que "antes tamén houbo un tempo no que se facían 'chuletas' para copiar nos exames", é dicir, "sempre houbo maneiras de enganar", pero "o que si é certo é que canto máis avanza a tecnoloxía máis doado teñen os menores volverse en contra dos seus compañeiros ou das súas familias ou, no lado oposto, converterse en vítimas de situacións que, por circunstancias, o rapaz non se dá conta de que está a sufrir 'bullying' e remata por suicidarse ou facerse dano". A estes problemas tan graves súmase o da obesidade, pois "se están dentro da casa metidos, tirados no sofá xogando, fronta ao saír a xogar á rúa de antes co balón, poden coñecer a xente (haberá que ver se con identidades reais ou falsas) por internet, pero tamén poden desenvolver sedentarismo ou obesidade". A pedagoga mesmo apunta a estudos que falan de que "os rapaces deixan de comer por estar pendentes do móbil e das pantallas". 

"NON SE PODE USAR O MÓBIL ÁS 24H, IGUAL QUE NON SE USA A BATIDORA AS 24H"

Entón, como pode falar un pai que vexa que o seu fillo comeza a xerar dependencia do móbil sobre este tema co rapaz? Caldeiro ten claro que "hai que supervisar e poñer normas e límites, normas conxuntas como a que valorou a Sociedade Francesa de Pediatría, acordando cos rapaces que esas ferramentas non se poden usar as 24 horas do días, ao igual que tampouco eu uso a batidora as 24 horas do día, senón só para unhas tarefas concretas". Ademais, "na medida do posible sempre hai que supervisar e poñer límites, e estimular un pouco o sentido crítico dos rapaces, porque deben saber que non todo o que aparece nas imaxes e certo, ou o que aparece na música, con letras dalgunhas cancións que dan moito que pensar, estimulando así o seu sentido da responsabilidade que eu creo que todos temos, como sociedade, un pouco atenuado", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta