Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2023 | Actualizada ás 14:34
Regular o seu uso na Administración galega e aproveitar a oportunidade que supón para o tecido empresarial. Son os dous principais obxectivos que a Xunta quere conseguir co novo anteproxecto de lei sobre o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial (IA) en Galicia.
Así o anunciou o presidente galego na rolda de prensa posterior a un Consello da Xunta que deu o visto e prace a este proxecto de lei que, segundo Rueda, é "pioneiro" no Estado. "Esta iniciativa chega no mellor momento para que os sistemas de IA sexan regulados e non afecten aos dereitos das persoas", dixo.
Por iso, a principal finalidade desta nova norma é crear un comité de expertos que asesore á Xunta, empresas, universidades e cidadanía sobre o uso ético da IA. "Trátase de impregnar de sentidiño todo o que ten que ten que ver con esta nova tecnoloxía e dotar de seguridade á cidananía e ás empresas", sinalou.
Entre os principais obxectivos que procura o Goberno galego é un "uso eficaz e ético" da IA dentro da propia Administración galega e o seu impulso no ámbito empresarial. Por is, dixo, haberá un rexistro da Intelixencia Artificial para que a propia Xunta estea informada sobre o grao de participación nesta nova tecnoloxía e como a usa na súa toma de decisións.
En canto á finalidade económica, o Goberno galego quere aproveitar a oportunidade, a pesar dos riscos que pode ter a IA, para impulsar o tecido socieconómico galego. Neste sentido, a nova lei recolle incentivos fiscais e axudas, e tamén códigos de conductas e ferramentas para aquelas empresas que usen a IA.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.