O Supremo anula a sentenza contra un mozo de Vimianzo acusado de saltarse o confinamento

O TS deixa sen efecto o fallo do Xulgado de Corcubión tras a decisión do Constitucional contra o Estado de Alarma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2023 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

A Sala Segunda do Tribunal Supremo declarou nula a sentenza ditada fai máis de tres anos contra un mozo de Vimianzo acusado de vulnerar as restricións de mobilidade aprobadas tras a declaración do Estado de Alarma motivado pola crise da Covid-19.

Os feitos tiveran lugar, de acordo ao recolleito no escrito de acusación, entre os días 22 e 26 de marzo de 2020, cando o imputado, entón de 19 anos, fora interceptado "ata en sete ocasiones" por axentes da Garda Civil vulnerando "de maneira inxustificada" as limitacións ao seu dereito á liberdade de movemento "mediante saídas do seu domicilio".

Nun xuízo rápido celebrado o 1 de abril de 2020, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Corcubión resolveu condenar ao mozo a unha pena de oito meses de multa cunha cota diaria de seis euros por un delito de desobediencia grave a axentes da autoridade.

A defensa do mozo resolveu entón presentar un recurso extraordinario de revisión contra a devandita sentenza. Fíxoo amparándose nun fallo do Tribunal Constitucional do 14 de xullo de 2021 que estimaba parcialmente o recurso de inconstitucionalidade interposto contra o Real Decreto que declaraba o Estado de Alarma. A declaración parcial de inconstitucionalidade do devandito Estado de Alarma deixaba sen efecto varias disposicións do decreto relacionadas coa limitación do movemento, motivo principal esgrimido polo Supremo na súa sentenza para estimar o recurso presentado pola defensa do novo e ditar "unha nova sentenza en sentido absolutorio".

"O acusado achábase no lexítimo exercicio dos seus dereitos fundamentais cando os axentes, en cumprimento do establecido no Real Decreto, ordenáronlle que cesase no goce destes", recolle, respecto dos feitos imputados, a sentenza do Supremo, que absolve ao novo vimiancés de toda responsabilidade.

Fachada do Tribunal Supremo, a 31 de maio de 2023, en Madrid
Fachada do Tribunal Supremo, a 31 de maio de 2023, en Madrid | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta