As exportacións galegas continúan caíndo por quinto mes consecutivo

Tamén hai un esborralle das importacións, case un 25%.

Por E.P. | Compostela | 18/12/2023 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

Galicia exportou bens por 2.783,9 millóns de euros en outubro, 1,4% menos que hai un ano, segundo os datos de comercio exterior publicados polo Instituto Galego de Estatísticia (IGE) este luns.

Así, a comunidade galega anótase cinco meses consecutivos de baixada das exportacións (o último dato positivo é de maio). Isto provoca que no acumulado do ano, entre xaneiro e outubro, as vendas ao exterior baixen un 0,5% en comparación con 2022. Un descenso que contrasta co dato en España, onde se mantén invariable (0%) nese período.

Os produtos con maior influencia negativa en outubro foron os combustibles (-46,8%). No outro extremo, automóbiles e aeronaves son as que experimentan maior incremento. Igualmente, de xaneiro a outubro, os combustibles rexistran os peores datos de vendas ao exterior (5,6 puntos menos). As mellores cifras son para os automóbiles (5,2 puntos máis).

ESBORRALLE DAS IMPORTACIÓNS

No tocante ás importacións, Galicia computa un retroceso do 24,9% en outubro, cun total de 1.911,7 millóns. É moito máis acusado que o 6,3% de descenso no Estado.

No dez primeiros meses do ano realizáronse importacións por valor de 37.412,8 millóns en Galicia, un esborralle do 23,2%. Deste xeito, a balanza comercial é positiva en 7.561 millóns, cunha taxa de cobertura do 144%. En cambio, en España hai un déficit de 34.732 millóns nese período, onde a taxa de cobertura queda no 90,2%.

Punta Langosteira
Punta Langosteira | Fonte: Porto da Coruña

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta