Detido un mozo de 19 anos que estaba borracho como autor do atropelo mortal no Pino

O mozo deuse a fuga tras atropelar a dúas persoas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2024 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

A Garda Civil localizou e detivo a un mozo de 19 anos acusado de atropelar mortalmente este luns, 1 de xaneiro, a un veciño do Pino (A Coruña) e, posteriormente, darse á fuga. Segundo informou a benemérita, trátase dun mozo de 19 anos veciño tamén do Pino e que deu positivo na proba de alcoholemia cando foi apresado. Está investigado por un delito de homicidio involuntario.

Axente da Garda Civil de Tráfico nunha imaxe de arquivo
Axente da Garda Civil de Tráfico nunha imaxe de arquivo | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo

Un home de 67 anos faleceu na mañá deste luns, 1 de xaneiro, atropelado na localidade coruñesa do Pino por un vehículo que se deu á fuga. Segundo informaron desde o CIAE 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 11,40 horas deste luns nunha pista local que une Ferreiro e Dodro, e que pasa baixo unha ponte da autovía A-54.

Un particular que presenciou os feitos chamou a emerxencias para pedir asistencia sanitaria e alertar de que un vehículo atropelara dúas persoas e continuara a marcha. Ata a zona foi mobilizado o helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago, así como unha ambulancia. Tamén foron alertados os Bombeiros de Arzúa e Santiago e a Garda Civil de Tráfico.

O home resultou falecido no punto, mentres que a muller, ferida leve, foi trasladada en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago. Na zona quedaron esparexidos algúns restos do coche que se deu á fuga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta