Notificados dous novos casos de gripe aviaria en aves silvestres en Xove e Bueu

O virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves encontradas enfermas ou mortas e avisar aos servizos pertinentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2024 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves silvestres afectadas por influencia aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete.

Segundo trasladou o departamento autonómico, trátase dunha gaivota patiamarela detectada en Xove e dun mascato localizado en Bueu, ambos os achados mortos. Foron trasladados aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Vicepresidencia Segunda e Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda situados en O Veral e en Carballedo.

As aves foron muestreadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Estes casos notificados en Galicia xa no ano 2024, corresponden a animais detectados en 2023.

Ademais, a Xunta sinalou que ao tratarse de aves silvestres, a notificación destes focos non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á gripe aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional para o comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios de Galicia.

A Consellería lembrou que, actualmente, a valoración de risco de aparición de gripe aviaria a nivel do Estado "continúa sendo favorable", ao non estarse aínda no período de maior afluencia na chegada de aves migratorias silvestres (posibles portadoras do virus).

MEDIDAS DE PREVENCIÓN

Por iso, en Galicia mantéñense unicamente certas medidas de prevención sanitaria no sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á zona de Especial Risco: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa.

Con todo, a administración advertiu de que é necesario manter as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas (comerciais e particulares), dada a importancia do sector en Galicia, e especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres. En caso de sospeita dalgún contaxio, as explotacións deben comunicalo aos servizos veterinarios oficiais da Xunta.

O virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves encontradas enfermas ou mortas e avisar aos servizos pertinentes.

Gaivota patiamarela nun tellado
Gaivota patiamarela nun tellado | Fonte: medioambiente.gijon.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta