Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/01/2024 | Actualizada ás 22:00
A crise da marea branca de microplásticos volveu lembrar, e moito, o acontecido hai 21 anos co Prestige. Non tanto pola dimensión da catástrofe --xa que nada ten que ver o impacto das toneladas de fuel que chegaron ás costas galegas coa dos granulados-- senón pola xestión que se fixo das mesmas.
Semella que nin Xunta nin Goberno central aprenderon nada do acontecido entón, coa única salvedade que en 2002, os gobernos da Xunta e de Madrid eran do Partido Popular e evitaban, a toda costa, criticarse, aínda que, ao final, tamén houbo enfrontamentos internos e ata dimisións pola xestión da catástrofe.
Como entón, tamén nesta crise se reaccionou tarde e mal. E tamén como entón as actuacións dos primeiros días eran cruciais para evitar un desastre maior. Da crise da marea branca xa temos abordado os principais problemas dos primeiros días. Lembremos, agora, o acontecido coa crise do Prestige para atopar semellanzas.
OS INICIOS DO PRESTIGE
Son as 19.00 horas do 13 de novembro de 2002. Pasaran pouco máis de catro horas do primeiro SOS do Prestige e a Xunta e o Goberno central xa estaban ao tanto da magnitude da traxedia. O Ministerio de Fomento remite un primeiro e escueto comunicado aos medios alertando de que xa salvaron a 24 dos tripulantes do buque pero evita informar correctamente de todo o que estaba acontecendo.
Era o inicio da maior manipulación informativa sobre unha catástrofe ecolóxica que viviu o Estado español. Neses primeiros días a magnitude do destastre fai que o diretor xeral da mariña Mercante, José Luis López-Sors, se teña que trasladar de inmediato a Galicia para comprobar sobre o terreno a situación e coordinar as operacións de rescate do buque. A consigna que ten é "mandar el barco al quinto pino".
NON HAI MANCHA?
Así, e tras o salvamento dos tripulantes, agás de Mangouras, do seu segundo e do xefe de máquinas, Fomento volve a anunciar a mesma noite do accidente a súa intención de presentar unha protesta e reclamación ante as autoridades de Bahamas, Letonia, Reino Unido e Grecia polo grave sinistro. Pero segue sen dar conta da inmensa mancha de chapapote que se aproxima ás costas galegas. Algo moi semellante ao feito nos primeiros días da crise dos granulados, ao insistir que todo acontecera en augas portuguesas e sen informar apropiadamente da marea branca que estaba en numerosas praias galegas.
O 14 de novembro, o Goberno central xa tomara a decisión de alonxar o buque. "Continúan las operaciones para alejar al Prestige de las costas gallegas", informa Fomento ás 10.00 horas da mañá dese día. Nese momento, o buque atópase a seis millas do Cabo Touriñán. "Si las condiciones meteorológicas se mantienen, el buque continuará su marcha sin tocar la costa de Galicia", din desde o ministerio.
APARECE A MANCHA DE 200 METROS DE ANCHO E 20 MILLAS DE LONGO
Son as 14.00 horas dese 14 de novembro, un día despois do accidente. Fomento informa, por primeira vez, da existencia dunha mancha de fuel-oil, pero só lle adica dous parágrafos nun comunicado de dúas follas. "Las inspecciones realizadas muestran una mancha de unos 200 metros de ancho por unas 20 millas de largo". E que hai para loitar contra este gran verquido?; só "7.000 metros de barrera y 12 skimers". O ministerio insiste en informar dos medios que están traballando xa na zona e do "avance de las operaciones de remolcado del buque hacia mar adentro"
Dúas horas despois, novo comunicado deste departamento. "Salvamento Marítimo ha controlado la deriva del petrolero Prestige". Da mancha, prácticamente non se di nada: "el aspecto de la mancha de hidrocarburos es de color claro y se encuentra rota por zonas", apunta ao sinalar que "se han concetrado en la zona equipos de lucha contra la contaminacjión desde diferentes puntos de España" y "se ha desplazado al personal técnico adecuado".
Ás 19.15 horas, o gran logro de Fomento é que "el Prestige se encuentra ya a 25 millas de la costa gallega" e quince minutos despois, outro novo comunicado informa de que "el buque navega con su propia máquina y con el auxilio de remolcadores, alejándose de nuestra costa".
Son as 20.40 horas, e cando a mancha está fronte ao litoral de Muxía, á vista da poboación, Fomento decide remitir unha nova nota informando de que "la mancha de fuel-oil ocasionada por el Prestige permanece a 5 millas de la costa" e, engade, "el petrolero no pierde fuel tras haber corregido su escora".
Dous días despois, o chapapote na costa
Hai que agardar 17 horas para que Fomento remita un novo e único comunicado de prensa ese día. Son as 14.00 horas do 15 de novembro de 2002. Os galegos comezaban a ser conscientes do gran desastre natural que supuña aquel accidente. O chapapote xa tocara terra e as imaxes comezaban a dar a volta ao mundo. "El Ministerio de Fomento continúa coordinando la solución del riesgo ambiental generado por el Prestige". É un comunicado de 5 follas no que o Goberno central insiste nos "8.000 metros de barrera e 14 skinmers", prácticamente, os mesmos medios que o día anterior. Son só seis parágrafos dun folio. Os catro restantes son para resumir o acontecido e informar de que se tomaron as medidas legais oportunas.
A partir de entón a falta de información, como na vaga de lumes, provocou a indignación e a reacción cidadá. Milleiros de galegos saíron ao mar para tentar salvar o seu sustento. Con embarcacións persoais, cos seus trasmallos de pesca, coas súas máns... co que fora, comezaron a apañar o chapapote. Tamén nacía un sentimento que aínda chega aos nosos días, un sentimento que sempre sae nos peores momentos que vivíu este país; o da solidariedade. Un movemento que logo collería forma en torno ao "Nunca Máis". Un "Nunca Máis" que volveu renacer estes días por outra catástrofe, que aínda que moito menor, puido ser xestionada de xeito ben diferente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.