Héctor Castiñeira ante a volta das máscaras: "Se fixeramos un bo uso das 'autobaixas', sería unha boa medida"

O enfermeiro lucense, máis coñecido nas redes sociais como 'Enfermera saturada' fai un repaso pola actualidade sanitaria.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 10/01/2024 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Desde este mediodía, as máscaras volven ser obrigatorias nos centros de saúde e nos hospitais ante a situación epidemiolóxica actual. Esta medida adoptada por Ministerio de Sanidade, para o enfermeiro e influencer lucense, Héctor Castiñeira, máis coñecido, como Enfermera saturada, "se cadra chega algo tarde". Recoñece que estamos a piques de chegar ao pico de casos e botouse en falta que se aplicara se cadra unha semana antes do Nadal. "Había xente concienciada que xa levaba a máscara, non eran a maioría, un 20 ou 30% dos pacientes, por precaución. E xa desde que no Nadal houbo explosión de casos de gripe ou covid, diría que a metade da xente xa a levaba". Ao non ser obrigatoria ata este momento, aplicouse o sentido común entre a xente que ía aos centros sanitarios. 

Héctor Castiñeira ou Enfermera saturada'
Héctor Castiñeira ou Enfermera saturada'

Entón chegou Galicia ao pico de casos? "A gripe é unha enfermidade de criba obrigatoria, polo que hai que declarar os casos, ao ir dando os datos, imos con certo atraso. Estamos mirando que pasa esta semana, xa que a partir do luns houbo regreso ás aulas, oficinas, traballo presencial... Sospeitamos que vai influír negativamente nos casos. Pensabamos que estabamos preto de chegar ao pico, pero dependerá do que vexamos esta semana. Por outra banda, o sistema os datos non recolle as probas que fai a xente nas súas casas polo que non é totalmente preciso".

Héctor chama a tranquilidade e agarda que nuns 10 ou 15 día xa non sexa noticia a gripe e o covid pola disminución dos casos. Para iso, recomenda levar máscara en calquera sitio onde poida haber persoas de risco susceptibles de contaxio. "Todos os anos vendo os datos de falecemento por mor da gripe, incluso antes do covid, son centos e incluso miles, as persoas que perdían a vida", comenta. Fai fincapé en extremar a precaución no transporte público, onde pode ser maior o risco do contaxio cando hai un pico tan elevado de casos. 

Sobre a  ampliación do prazo de vacinación recoñece que a xente que "xa non está vacinada nestas datas, igual xa vai algo xusta para crear inmunidade cos casos que hai". Apunta a que nas estadísticas figura que a taxa máis alta de vacinación corresponde co grupo máis vulnerable e con máis consecuencias que son os maiores de 70 anos. 

BOA OPCIÓN A MEDIDA DE "AUTOBAIXA"?

O enfermeiro menciona os datos dun informe de epidemioloxía do Ministerio de Sanidade de fai uns anos que revela os motivos de baixa desde os anos 90 ata o 2014. "O segundo motivo principal de baixa nos traballadores era a gripe. Máis concretamente, que unha de cada cinco baixas laborais está motivada por esta enfermidade", comenta. Pensa que a xente que precisa un papel para o traballo acude aos centros de saúde xa conscientes do que teñen. En canto a proposta de Sanidade de "autoxustificar" as baixas de enfermidade leve dubida da responsabilidades e "do bo uso". 

Asegura que esta proposta non é "un invento de Sanidade" porque é algo que xa funciona noutros países de Europa e nos que non se está abusando. Porén di que "a dúbida está aí e haberá xente que queira quedar na casa ou coller vacacións". Pensa que o que xa mentía, vai seguir mentindo e que si se fai un bo uso da medida, sería óptima para liberar carga asistencial na atención primaria". Resume o sentir deste xeito: "Non confiamos en nós mesmos, esa é a lectura. As persoas que realmente se poñen de baixa cando o necesitan, penso que seguirán sendo responsables". 

Ademais sinala como medida precedente ás baixas por menstruación dolorosa,cando daquela dicíase iso de "xa verás, agora todas as mulleres van coller baixas e será unha medida catastrófica". E incide en que non foi así porque os datos reflexan que, desde xuño que se aprobou a medida ata outubro, "só se notificaron 400 casos en toda España e non é algo que supoña miles de perdas como din os empresarios". En conclusión, Héctor pensa en que se podería probar, confiar na cidadanía e ver se funciona. "Moitas veces os sanitarios teén moitos trámites administrativos sobre a mesa e iso permitiría liberalos dalgún xeito", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta