A sangría da Galicia baleirada: os pequenos concellos de Ourense perden de media 26 habitantes por ano

Os tres concellos que máis habitantes perderon entre os anos 2012 e 2018 foron Calvos de Randín, Avión e Padrenda, con perdas de 385, 294 e 630 veciños, respectivamente.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 29/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O problema da Galicia (e da España) baleirada non é algo novo, é algo que se vén arrastrando dende fai anos. Cada vez máis xente se muda ás cidades e aos concellos da súa contorna na procura de traballo ou para ter os servizos máis á man. Así, pouco a pouco, os pequenos pobos e aldeas do rural van quedando deshabitados. Polo de agora sobreviven da man daqueles veciños, na súa maioría, maiores de 65 anos, que levan toda a vida vivindo no campo e que non pretenden mudar agora, pero pouco a pouco os máis anciáns van faltando e, ano tras ano, estes pequenos núcleos de poboación vén como se reducen os seus poucos habitantes sen que chegue xente nova e sen que nazan nenos. Dende o Galicia Confidencial, baseándonos nos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) e no mapa elaborado por Esri (Environmental System Research Institute), contámosvos cales son os concellos galegos galegos que máis poboación perderon nos últimos anos. Spoiler: o 90 % atópase na provincia de Ourense.

Pico da Aguioncha e montañas de Paradela, en Calvos de Randín
Pico da Aguioncha e montañas de Paradela, en Calvos de Randín | Fonte: Stop Eólicos Xurés Celanova - Arquivo

OS TRES CONCELLOS QUE MÁIS DECRECERON: CALVOS DE RANDÍN, AVIÓN E PADRENDA, CON PERDAS DE 385, 294 E 630 VECIÑOS EN 12 ANOS

Nesta provincia, en primeira posición atopámonos con Calvos de Randín, un marabilloso lugar no que están os restos medievais da Aldea da Pena, o Castelo da Piconha ou o Calvario de Vilariño, que entre 2012 e 2018 pasou de 1.064 habitantes a 779 (-36,59 %), é dicir, perdeu en seis anos 36 de cada cen veciños. A día de hoxe conta con 679 habitantes, o que supón que dende 2018 ata 2024 perdeu outros 100 habitantes. En doce anos Calvos de Randín case pasou a ter a metade de veciños, perdendo un total de 385 moradores.

En segunda posición estaría Avión, un concello recoñecido polos numerosos ricos que o habitan e por fervenzas como a da Feixa ou hórreos como os de Beresmo ou San Vicenzo, pero que entre 2012 e 2018 caeu dos 2.048 habitantes aos 1.806 (-33,33 %), é dicir, perdeu en seis anos algo máis de 33 de cada cen veciños. Na actualidade xa caeu ata os 1.754 habitantes, ou sexa que entre 2018 e 2024 perdeu outros 52 veciños. En doce anos Avión perdeu un total de 294 veciños. 

E en terceiro lugar temos Padrenda, coñecido polos seus miradores como o da Quinta, o do Alto do Lodairo ou a capela da Portela, que caeu entre 2012 e 2018 dos 2.244 habitantes aos 1.759 (-27,57 %), o que supón que en seis anos dixo adeus a máis de 27 de cada cen veciños. Actualmente conta con 1.614 habitantes, polo que entre 2018 e 2024 perdeu outros 145 veciños. En doce anos, o total de habitantes que se despediron do concello de Padrenda foron 630 veciños, nada menos.

OUTROS 20 CONCELLOS OURENSÁNS CON PERDAS DE ENTRE x E x VECIÑOS EN 12 ANOS

O listado continúa con outros 20 concellos ourensáns onde a sangría demográfica foi moi acusada. Así, en Castrelo de Miño pasouse entre 2012 e 2018 de 1.754 veciños a 1.380 (-27,10 %) e entre 2018 e 2024 de 1.380 a 1.337, o que supón unha perda total de 417 habitantes en doce anos. En Chandrexa de Queixa pasouse entre 2012 e 2018 de 586 habitantes a 466 (-25,75 %), aínda que entre 2018 e 2024 logrou remontar de 466 a 493 veciños, o que supón 27 máis, pese a que o total perdido en doce anos foi de 93 veciños. 

En Lobios os habitantes caeron entre 2012 e 2018 de 2.175 a 1.732 (-25,58 %), aínda que, sorprendentemente, entre 2018 e 2014 lograron pasar de 1.732 a 1.786 veciños, gañando 51 novos moradores, pero perdendo en cómputo global en doce anos 389 veciños. Na Mezquita pasouse entre 2012 e 2018 de 1.304 habitantes a 1.039 (-25,51 %) e entre 2018 e 2024 de 1.039 a 1.007, polo que en doce anos a perda total para este concello foi de 297 veciños. No caso da Teixeira, caeu o número de habitantes entre 2012 e 2018 de 415 a 332 (-25 %), aínda que entre 2018 e 2024 remontou de 332 a 342 veciños, ou sexa, gañou 10, o que non foi suficiente para evitar que en doce anos a perda total de poboación fose de 73 veciños. 

Xa con perdas inferiores ao 25 % pero superiores aínda ao 20 % temos na provincia de Ourense ao municipio de San Xoán de Río, que baixou entre 2012 e 2018 dos 685 veciños aos 549 (-24,77 %) e entre 2018 e 2024 pasou de 549 a 518, polo que en doce anos perdeu un total de 167 habitantes. En Boborás pasaron entre 2012 e 2018 de 2.862 habitantes a 2.299 (-24,49 %) e entre 2018 e 2024 de 2.299 a 2.232, perdendo un total de 630 habitantes en doce anos. No caso de Beariz baixaron entre 2012 e 2018 dende os 1.205 habitantes ata os 973 (-23,84 %) e entre 2018 e 2024 caeron dende os 973 ata os 946 veciños, o que supón unha baixada de 259 veciños en doce anos.

En Montederramo pasaron entre 2012 e 2018 de 894 a 722 habitantes (-23,82 %) e entre 2018 e 2024 de 722 a 688 veciños, perdendo un total de 206 veciños en doce anos. En Beade houbo entre 2012 e 2018 unha baixada dende os 500 ata os 404 habitantes (-23,76 %) e entre 2018 e 2024 dende os 404 ata os 364, polo que en doce anos perderon a 136 veciños. En Verea entre 2012 e 2018 baixaron de 1.150 habitantes a 933 (-23,26 %), aínda que entre 2018 e 2024 remontaron dende os 933 ata os 964 veciños, gañando 31, o que non evita que en doce anos se perderan no concello 186 veciños.

En Bande entre 2012 e 2018 pasouse de 1.958 habitantes a 1.591 (-23,07 %) e entre 2018 e 2024 de 1.591 a 1.482, o que equivale a unha perda de 476 veciños en doce anos. Seguindo por Larouco, este pasou entre os anos 2012 e 2018 de 557 veciños a 455 (-22,42 %) e entre 2018 e 2024 de 455 a 444, o que supón que perdeu un total de 113 veciños en doce anos. En Rairiz de Veiga entre 2012 e 2018 baixaron de 1.568 habitantes a 1.282 (-22,31 %) e entre 2018 e 2024 de 1.282 a 1.220, polo que perderon 348 veciños en doce anos.

En Gomesende caeron os veciños entre 2012 e 2018 de 914 a 750 (-21,87 %) e entre 2018 e 2024 de 750 a 667, o que supón unha perda de 247 veciños en doce anos. En Castro Caldelas pasaron entre 2012 e 2018 de 1.486 habitantes a 1.224 (-21,41 %) e entre 2018 e 2024 de 1.224 a 1.222, polo que en doce anos perderon 264 veciños. E en Porqueira baixaron entre 2012 e 2018 de 1.005 a 830 habitantes (-21,08 %), aínda que entre 2018 e 2024 lograron subir de 830 a 841 veciños, o que supón once máis, pero non evita a perda de 164 veciños en doce anos.

En Melón entre 2012 e 2018 pasaron de 1.479 habitantes a 1.227 (-20,54 %) e entre 2018 e 2024 de 1.227 a 1.123, o que supón que en doce anos perderon un total de 356 veciños. Nos Blanco, entre 2012 e 2018 caeron de 974 veciños a 809 (-20,40 %) e entre 2018 e 2024 pasaron de 809 a 716, é dicir, perderon 258 veciños en doce anos. E en Xunqueira de Espadañedo pasaron entre 2012 e 2018 de 892 veciños a 741 (-20,38 %) e entre 2018 e 2024 de 741 a 689, o que supón unha perda total de 285 veciños en doce anos.

EN LUGO: NAVIA DE SUARNA E SAMOS PERDERON 349 E 346 VECIÑOS EN 12 ANOS

No caso da provincia de Lugo, hai dous municipios que perderon unha grande cantidade de habitantes entre 2012 e 2018 e que ata 2024 non lograron recuperarse. Trátase do concello de Navia de Suarna, que entre 2012 e 2018 pasou de 1.337 habitantes a 1.103 (-21,21 %) e entre 2018 e 2024 caeu dende os 1.103 aos 988. En doce anos perdeu 349 veciños. E tamén caeu en poboación o concello de Samos, que entre 2012 e 2018 pasou de ter 1.556 habitantes a 1.293 (-20,34 %) e entre 2018 e 2024 de 1.293 a 1.210, polo que en doce anos perdeu un total de 346 veciños.

EN PONTEVEDRA: COVELO, ARBO E A LAMA TIVERON PERDAS DE 505, 544 E 398 VECIÑOS EN 12 ANOS

E xa pasando á provincia de Pontevedra, atópanse tres municipios por enriba do 20 % de poboación perdida en seis anos, entre o 2012 e o 2018, e que non se deu recuperado ata a actualidade. Covelo pasou entre os anos 2012 e 2018 de ter 2.931 habitantes a 2.417 (-21,27 %), aínda que entre 2018 e 2024 subiu dende os 2.417 aos 2.426 habitantes, é dicir, nove máis, o que non foi suficiente para evitar a perda total de 505 veciños en doce anos. Arbo pasou entre os anos 2012 e 2018 de 3.191 habitantes a 2.637 (-21,01 %), aínda que entre 2018 e 2024 gañaron 10 veciños, pasando de 2.637 a 2.647, de xeito que a perda total en doce anos queda en 544 veciños. E na Lama caeron entre 2012 e 2018 dos 2.918 habitantes aos 2.430 (-20,08 %), aínda que entre 2018 e 2024 subiron dos 2.430 aos 2.520, ou sexa, gañaron 90 veciños, pero o total perdido en doce anos foi de 398 veciños.

NA CORUÑA: NINGÚN CONCELLO TIVO ENTRE O 2012 E O 2018 PERDAS SUPERIORES AO 20 % DOS VECIÑOS

No caso da provincia da Coruña non hai ningún concello que perdera máis dun 20 % da súa poboación en seis anos, entre o 2012 e o 2018, pois o máis próximo a esa cifra, e o que máis se baleirou nese período, foi o municipio de Tordoia, que pasou entre 2012 e 2018 de 3.924 habitantes a 3.361 (-16,75 %) e dende 2018 ata este 2024 de 3.361 a 3.168, o que supón que en doce anos perdeu un total de 756 habitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta