A Xunta di que "acata por imposición" o uso de máscaras en hospitais

"Non estamos en contra do uso da máscara. O que si nos parecía era que a obrigatoriedade era unha medida excesiva", di o conselleiro de Sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2024 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volveu a pedir ao Goberno central "proporcionalidade" na obrigatoriedade do uso das máscaras, que Galicia, asegurou, acata "por imposición".

En declaracións aos medios antes de participar na presentación da plataforma Sanidade Mediaverso, o conselleiro tachou a situación de "absurda", xa que Galicia fomentou o uso das máscaras a partir do 28 de decembro, "prescisamente no que era o peor momento". "Dixemos que non tiña sentido tomar esta medida agora. Por suposto, non estamos en contra do uso da máscara. O que si nos parecía era que a obrigatoriedade era unha medida excesiva, non proporcionada e desde logo, temporalmente, non era o momento adecuado", defendeu.

Nesta liña, censurou que o Ministerio de Sanidade, "a pesar de que ningún conselleiro avalou esa obrigatoriedade", decidiu tomar a medida "de forma unilateral". Apunta tamén que no documento achegado non quedan claras as indicacións. "Non sabemos con que valor unha comunidade que estea en valores moi altos se baixa un pouco pódese quitar, e unha que estea en valores moi baixos se sobe un pouco non se pode quitar. Non ten sentido", insistiu.

Así, recoñeceu que desde o Goberno autonómico publicaron a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) para a entrada en vigor da medida, "como non podía ser doutra maneira", pero avanzou que insistirán na "proporcionalidade" das medidas.

USO DE MÁSCARAS

O Diario Oficial de Galicia recolle na súa publicación deste venres as medidas específicas relacionadas co uso das máscaras. Concretamente, a súa obrigatoriedade en centros sanitarios asistenciais (hospitais e atención primaria), así como nas consultas de ámbito privado.

Así mesmo, recóllense excepcións á obrigación do uso da máscara, que aplican para menores de seis anos, persoas con algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo seu uso ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara ou presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta