Nenos do IES Porto do Son colaboran na recollida de plásticos na praia de Cabeiro

A ONG catalá Plastic Free Wave organizou unha limpeza de praias en colaboración con este colexio. Elia Planas, voluntaria da asociación, falou con Galicia Confidencial durante esta recollida de microplásticos e asegurou que, "ao final, canta máis precisión, mellor, e con nenos creo que nos irá ben, porque teñen mans máis pequeniñas".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/01/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A marea de voluntarios chega de todos os lugares de España. Aos galegos véñense sumando estes días madrileños, castelanoleoneses, valencianos e moitos outros que queren botar unha man nun desastre que tamén sinten que lles afecta, pois son consumidores do noso marisco e moitos vacacionan nas nosas praias ou coñecen a nosa terra de estudos, traballo e viaxes. Mais hoxe na praia de Cabeiro, no concello do Porto do Son, unha estampa enchía os corazóns dos que paseaban pola zona: case medio cento de nenos afanábanse en recoller os pélets (microplásticos ou granulados) da area, con moito coidado de non pisar na liña das mareas para non soterralos e con ferramentas rudimentarias que se facían enormes nas súas manciñas. Tratábase dun grupo de estudantes de Secundaria do IES Porto do Son, que supervisado polos seus profesores e por unha ONG catalá especializada na limpeza de plásticos das praias, chegada de Barcelona, quixo sumarse ás labores de limpeza.

Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro | Fonte: GC

"Mirade, estes son os pélets, como vedes son moi pequeniños e tedes que ter moito coidado de non pisalos", explicáballes unha das voluntarias da organización, Elia Planas, que sostiña na súa man un destes plastiquiños a modo de exemplo. Tamén lles ía ensinando o material: cubos, tamices, bolsas de desfeito e mesmo pequenas palas. E, por suposto, repartíalles guantes. Os rapaces atopábanse moi sorprendidos do pequenos que eran os microplásticos, pois aseguraban que "nas fotos víanse máis grandes e máis xuntos". E é que neste areal as primeiras mareas do día deixaron os pélets moi dispersos, o que dificultaba as tarefas de recollida. Os grupos repartíronse ao longo de toda a praia e mentres uns collían entre as mans a area que máis cantidade de boliñas tiña, os outros afanábanse en tamizala para separar os pélets da area. "Recordade que o que é orgánico non se pode desbotar", advertía a profesora, que trataba de que as cousas se fixesen correctamente: "As algas deixámolas".

Elia explicounos a Galicia Confidencial que "somos unha ONG, Plastic Free Wave, e estivemos estes días limpando as praias de Lariño e Area Maior e organizamos varias actividades de voluntariado e tamén con escolas". "Como somos unha asociación que nos adicamos a isto da recollida de plásticos en Cataluña, viñemos aquí a axudar e ao final decidimos a praia de Cabeiro por proximidade á escola", cóntanos. Ao final, coa axuda e a boa disposición do profesorado, "son uns 40 nenos", o que "nos axudará moitísimo". E é que como ela mesma recoñece, os nenos ao ter mans pequenas poden ser unha grande axuda: "Ao final, canta máis precisión mellor e con nenos creo que nos irá ben, porque teñen mans máis pequeniñas". En Porto do Son é onde organizaron a primeira limpeza en colaboración con estudantes, pero a súa idea é "poder axudar e sumar a outros colexios á iniciativa" antes de voltar a Cataluña. 

Ademais, unha das súas compañeiras na asociación cóntanos que o martes cando chegaron o tempo era moi malo, o que "facía moi díficil recoller os pélets". De feito, "tiñamos un tromel (un tamiz xiratorio como os que se empregaron durante a crise dos pélets de Sri Lanka) e a area ao estar mollada pola chuvia estaba tan prensada, cos pélets incrustados, que non nos serviu, non puidemos facer nada", conta. Por sorte o tempo foi mellorando e puideron nos seguintes días axudar algo máis co tromel, unha ferramenta que recomendan aos grupos de voluntarios que se están a organizar. Con todo, o seu temor, e ante o anuncio de que esta fin de semana chegarán o 90 % dos pélets, é a que "o temporal que está avisado volva facer imposibles as labores de limpeza". Pois xa non é resistir ao vento, á choiva e ao frío da praia, senón tratar de separar os pélets na area mollada, algo que vén "case imposible".

Por outra banda, dende a ONG Plastic Free Wave tamén queren facer un chamamento á cidadanía: "Hoxe son os pélets, pero hai moitos outros plásticos que están presentes nas nosas praias e residuos como restos de chapapote aos que se lles resta importancia". E recordan que entre praia e praia non só recollen microplásticos, senón tamén "todo tipo de plásticos de maior tamaño, restos de botellas, de cadeiras, hai de todo". Ademais, contan que "onte viñemos limpar e rematamos cheas de manchas negras pola roupa, mesmo chegamos a pensar que era o chapapote do Prestige, ata que nos contaron que hai aquí a unha millas da costa un gran corredor mariño de mercancías polo que pasan buques que todos os días teñen perdas, e esas perdas chegan ás praias". "É unha auténtica tolería, faiche perder a fe na humanidade", conclúen dende a asociación.

Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro | Fonte: GC

Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro | Fonte: GC
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro | Fonte: GC
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro | Fonte: GC
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro | Fonte: GC
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro
Estudantes do IES Porto do Son colaboran na recollida dos pélets na praia de Cabeiro | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta