18F.- Contas fiscalizará este ano o financiamento de partidos con motivo das eleccións

O plan estratéxico 2023-2028 inclúe novos informes como a eficiencia das fusións municipais e o servizo de axuda no fogar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2024 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O Consello de Contas fiscalizará este ano ás formacións políticas e as súas fundacións vinculadas con motivo das eleccións autonómicas que se celebran o 18 de febreiro. Esta é unha das actuacións que prevé Contas no seu plan de traballo para este ano e das que informou esta semana á Cámara galega. Esta fiscalización das contabilidades electorais realízase de forma recorrente polas eleccións ao Parlamento de Galicia.

En concreto, analizará as subvencións outorgadas a formacións con representación no Parlamento autonómico. Así, comprobarase o cumprimento da legalidade en materia de financiamento asociado a ingresos e gastos electorais dos comicios autonómicos de 2024. Paralelamente, este órgano fiscalizador verificará o grao de xustificación documental dos rexistros contables. Tamén asegurará a representatividade da contabilidade electoral rendida e realizará un pronunciamento expreso sobre a adxudicación ou non adxudicación de subvencións electorais.

PLAN DE TRABALLO

Contas aprobou o seu plan de traballo para 2024 o pasado 28 de decembro de 2023. Recolle 32 fiscalizacións en cinco áreas: coordinación, Conta Xeral, institucional, Sergas e corporacións locais. O plan estratéxico de Contas 2023-2028 inclúe novas auditorías sobre: incentivos á creación de emprego, actuacións para a prevención da violencia de xénero, avaliación do Plan Galego de Hospitalización a Domicilio, eficiencia das fusións municipais, servizo de axuda no fogar, así como controis básicos de seguridade en varios municipios (Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol).

Máis aló de informes recorrentes como o da Conta Xeral, en 2024 faranse estudos específicos relativos a: rendición de información de convenios do sector público, comunicacións de cidadanía de irregularidades na xestión local e gratificacións por servizos extraordinarios en entidades locais.

Outros temas que abordará o Consello de Contas serán: dixitalización do sistema educativo con fondos de recuperación, eficiencia de financiamento europeo na Consellería de Cultura para o fomento do Camiño de Santiago, servizos de produción de directos para a CRTVG, xestión de vivenda protexida, fiscalización selectiva do programa de atención primaria, transporte sanitario non urxente do Sergas, gasto farmacéutico, establecemento de zonas de baixas emisións e medidas de entidades locais para reducir temporalidade de emprego público. Finalmente, está previsto un informe de avaliación do control interno e de riscos na área urbanística, con atención ao control do patrimonio municipal do chan.

Sede do Consello de Contas de Galicia
Sede do Consello de Contas de Galicia | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta