Que sabes da hipocondría? Un trastorno que aumenta o risco de morte e suicidio

Un estudo sueco revela datos relevantes, que interpretamos co psiquiatra Vicente Álvarez.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 21/01/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A hipcondría defínese como un tratorno psiquiátrico que se caracteriza esencialmente pola crenza de padecer unha enfermidade seria ou grave. Un estudo, máis concretamente o primeiro realizado sobre este trastorno, indica que unha persoa hipocondríaca ten máis risco de morrer que unha que non o padece. Esta investigación está publicada na revista JAMA Network e, na mesma, científicos escandinavos compararon 4.000 persoas con hipocondría con 41.000 persoas sen o trastorno, cunha idade media de 34,5 anos, que viviron en Suecia entre 1997 e 2020. 

Depresión
Depresión | Fonte: Pixabay - Daniel Reche - Arquivo

Os resultados confirman que as persoas hipocondríacas teñen unha taxa de mortalidade máis alta, concretamente do 84%. O estudo tamén revela que o 85,7% das persoas con hipocondría tamén foron diagnosticadas con outro trastorno psiquiátrico. A taxa de morte elévase debido a que as persoas hipocondríacas son máis propensas a padecer ansiedade e depresión, polo que se revela que teñen catro veces máis risco de morrer por un suicidio. De igual forma, tamén maior risco de falecer por causas naturais, como enfermidades circulatorias ou respiratorias. Chama a atención que pensando en enfermidades con maior taxa de mortalidade, como os diferentes tipos de cancro, esta non figura como un dos motivos máis habituais de falecemento de persoas con hipondría. O exame detallado de todas as variables indican que as persoas hipcondríacas morren cinco anos antes que os que non o son (idade media de 70 anos fronte a 75 anos). 

A DIFERENZA ENTRE A HIPOCONDRÍA E O COMPORTAMENTO HIPOCONDRÍACO

É habitual padecer hipocondría? A Organización Mundial da Saúde (OMS) indica que a incidencia é dun 1% mentres que segundo a Universidade de Cambridge, sería dun 5% en todo o mundo. Os expertos fan fincapé na importancia de diferenciar a hipocondría como trastorno do comportamento hipcondríaco, que é máis habitual. "É totalmente distinto, como se un equipo xoga na terceira rexional e outro na Champions, unha cousa é ser unha persoa aprensiva, que teña medo de mancarse ou coller un virus, e outra cousa é que durante toda a súa vida, sexa dominada polo medio ou as fobias e estar en alerta constante, autoexaminándose ou buscando señas ou síntomas que lle confirmen que pasa algo", explica Vicente Álvarez, psiquiatra do Sergas da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés. 

Expón que a hipocondría é unha patoloxía que é máis habitual nas persoas que son más "neuróticas de personalidade ou controladoras". Persoas que teñen moitos medos, logo hai "excepcións, por suposto". Por isto, viven con moito estrés crónico e ansiedade: "Unha cousa é que che guste lavar as mans, evitar microbios nun hospital e outra cousa é vivir pendente de absolutamente todo o que pasa no teu corpo e interpretando de forma catastrófica todo o que che pasa", comenta Vicente. 

Di que as persoas con hipocondría tenden a ter o que se chaman "somatizacións" que é o "sufrimento sen unha causa médica, producido normalmente por un medo, estrés, ansiedade ou depresión". Entón "se non teñen un síntoma que os alarme, aparece algo". Destaca o psiquiatra, que curiosamente cando a persoas hiponcondríacas se lles confirma que teñen algo, como calquera persoa, viven ese momento "como un alivio porque por fin atopan o que buscaban, pero puideron pasar 20 ou 30 anos". Recoñece que tanto o estrés crónico como a ansiedade teñen moitos efectos secundarios a longo prazo. 

"AÍNDA QUEDA MOITO POR INVESTIGAR"

Vicente Álvarez como psiquiatra, leva seis anos traballando nesta área, viu un par de casos graves de hipocondría graves: "A min chamábame todos os días e eu atendíao por teléfono, por calquera cousa, desde unha dor ao levantarse como unha picadura, e por iso piden probas porque mediante as palabras dun experto tentar tranquilizarse, que lles dura o que lles dura". 

Cantas veces escoitaches iso de "non busques en internet cando te atopas algo porque sae de todo"? Se buscas o suficiente podes atopar millóns de casos para absolutamente todo e moi catastrofistas. "Todos nos quedamos co que nos convén e este tipo de pacientes quédanse co peor, no 99,9% non é nada pero no 0,01% pode ser algo grave, obviamente pensarán que teñen ese diagnóstico. Calquera cousa normal, pero que aparece, lles asusta e pode ser algo grave, pasan polas somatizacións, suxestións e autoexploración e interpretación". Este psiquiatra confirma, tal e como indicaba ese estudo sueco, que polo xeral as persoas con hipocondría teñen tamén outro tipo de trastorno mental: esquizofrenia, trastorno da personalidade, TOC, depresión... Establece que son trastornos "sen unha orixe clara e con moita parte teórica por detrás e dos que aínda se está estudando e queda moito por investigar".  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta