O 'Toconao', a punta do iceberg dunha catástrofe que se repite dende hai máis dunha década

Alo menos oito incidentes con vertedura de microplásticos tiveron lugar no mundo dende o ano 2011 a causa do transporte de mercadorías contaminantes por mar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 18/01/2024 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

O desastre que estes días está a acontecer en Galicia non é algo novo, aínda que semelle que si porque custa crer que unha catástrofe ambiental destas características se repita cada certo tempo se é algo que se sabe que perxudica enormemente as nosas augas. As mercancías perigosas son o pan de cada día para centos de buques que transitan polas nosas costas, pois o transporte marítimo de mercancías é o elixido por moitas empresas para levar os seus produtos dun lado a outro do mundo, sen importar, lamentablemente, o contaminantes que estas poidan ser se se perden. Alo menos oito grandes verteduras de pélets (microplásticos ou granulados) afectaron aos océanos antes do 'Toconao', todas elas en pouco máis dunha década.

Tromel para separar os pellets da area en Sri Lanka
Tromel para separar os pellets da area en Sri Lanka | Fonte: Pearl Protectors - Arquivo

O 'X-PRESS PEARL' PERDE 1.680 TONELADAS EN SRI LANKA (2021)

Sen dúbida este é o caso máis chamativo de todos. Foi definido como o maior desastre ambiental do país pola Organización de Nacións Unidas (ONU), pero dado que os mares chegan a todos os lugares do planeta e a auga circula continuamente, tamén podería considerarse o maior desastre ambiental do mundo. Aconteceu no 2021. O buque 'X-Press Pearl' afundiuse cos 81 contedores que transportaba fronte á costa de Colombo, en Sri Lanka. Entre os materiais que caeron ao mar había 25 toneladas de ácido nítrico, hidróxido de sodio e outras substancias químicas e tamén cosméticos; 300 toneladas de combustible; e 28 contedores de pélets. 

Antes de afundirse, ademais, o barco incendiouse durante días, comezando a arder o 21 de maio de 2012 e non rematando ata 12 días despois, cando finalmente se afundiu. Por aquel entón falouse da 'morte dos mares' que rodeaban a illa. As autoridades ceilandesas prohibiran á poboación tocar os residuos derivados do accidente pola súa toxicidade, así como a actividade pesqueira nun radio de 50 millas do barco. E é que a vertedura afectou a máis de 300 quilómetros de cosa, cunha especial incidencia nos 100 quilómetros do estreito entre Negombo e Kalutara.

Nesta vertedura os traballos de restauración circunscribíronse a 240 quilómetros de costa, pero os pélets chegaron ás praias nunha liña de litoral duns 2.000 quilómetros. De feito, un ano despois mesmo se detectaron granulados na illa de Santa Elena, a 2.400 quilómetros, no océano Índico. O informe da misión da ONU que visitou Sri Lanka en 2021 indicaba como se tivera que prohibir a pesca comercial nunha liña costeira de 80 quilómetros, ademais de paralizar a acuicultura da lagoa de Negombo. Estimouse que unhas 20.000 familias sufriron o impacto desta medida.

Limpeza de pélets nas costas de Sri Lanka
Limpeza de pélets nas costas de Sri Lanka | Fonte: Arquivo

O 'CMA CGM BIANCAS' PERDEU 25 TONELADAS EN NOVA ORLEANS, EN EE.UU. (2020)

O cargueiro 'CMA CGM Biancas' perdeu millóns de pélets no río Mississippi debido a un accidente durante a descarga en Nova Orleans, a causa dunha tormenta. O incidente tivo lugar o 20 de agosto e un contedor con 25 toneladas de microplásticos que eran transportados dende Asia caeron do buque, é dicir, millóns de pélets. Estendéronse cara o Golfo de México e cara as praias da illa de Elmer. As praias e beiras do río de Luisiana tamén se encheron de granulados.

O 'MV TRANS CARRIER' PERDEU 13,2 TONELADAS EN NORUEGA (2020)

Foi o 23 de febreiro de 2020 cando un contedor transportado polo buque 'MV Trans Carrier' perdeu 13,2 toneladas de pélets plásticos fronte á baía de Alemaña. En total, transportaba 26 toneladas camiño a Noruega. En teoría foi unha tormenta nocturna a culpable da catástrofe, aínda  que o barco quedou intacto. En total, calcúlase que foron 650 millóns de pélets os que contaminaron nunha grande área da costa oeste de Suecia cara o sur de Noruega.

Segundo indica o informe, este foi o segundo incidente de contaminación por pélets que afectou ás nacións europeas que bordean o Mar do Norte. Cabe lembrar que Noruega foi un dos países pioneiros en impulsar a regulación para o transporte marítimo de pélets despois deste acontecemento. O informe final da Oficina Costeira Noruega concluíu que "en verteduras desta dimensión pode agardarse unha longa e prolongada operación de limpeza". Os traballos alí duraron un ano, aproximadamente.

De feito, a inspección nórdica descubriu que "en área xa limpas reaparecían novos depósitos" unha vez liberados dos pélets. Con todo, a advertencia xeral que se fixo nese documento é que "a situación pode cambiar polos ventos, as choivas e as mareas". Tamén especificaban que, aínda que algúns pélets quedaban soterrados, "a maioría estaban nos primeiros 10 a 15 centímetros" dende a superficie. "A limpeza é posible, pero é un proceso longo e dilatado", concluían.

O 'PLETTENBERG BAY' PERDE PÉLETS EN SUDÁFRICA (2020)

En outubro de 2020 empezaron a chegar granulados ás praias de Cidade do Cabo ata Porth Elizabeth, no Cabo Oriental de Sudáfrica, e crese que todos proviñan dun buque de carga que perdeu contedores a comezos dese mesmo ano, o 'Plettenberg Bay'.

O 'MSC ZOE' PERDEU 11 TONELADAS NAS WADDEN ISLANDS, EN HOLANDA (2019)

En xaneiro de 2019, o gran buque 'MSC Zoe' tivo que enfrontarse a unha tormenta mentres transitaba polo Mar do Norte, fronte ás costas holandesas. A tormenta Zeetje provocou ondas de 10 metros e estas moveron tanto o barco que rematou por perder 342 contedores, onde se incluían todo tipo de químicos tóxicos, pélets, electrodomésticos, mobiliario ou roupa. As consecuencias non tardaron en facerse visibles nas illas e a costa da rexión de Mar de Wadden e o litoral de Frisia e Groninga, unha zona considerada Patrimonio Mundial.

Segundo o informe de Fauna & Flora Internacional, perdéronse 11 toneladas de microplásticos que chegaron ás illas dos Países Baixos. O 'MSC Zoe' fora bautizado como 'o maior barco transportador' de contedores polos seus 395,40 metros de eslora e a súa capacidade para transportar 19.224 contedores.

NO PORTO DO DURBEN, EN SUDÁFRICA, PERDÉRONSE 49 TONELADAS (2017)

O porto de Durban, en Sudáfrica, tamén foi obxecto dunha importante catástrofe, causada, neste caso, por un accidente de tránsito marítimo. Dous portacontedores chocaron durante unha tormenta no 2017, derramando toneladas de pélets. Chegaron a atoparse ata en Australia, movidos polas correntes mariñas, a 3.000 quilómetros do lugar orixinal da vertedura. Este desastre durou, alo menos oficialmente, tres anos. A Autoridade de Seguridade Marítima do país deu por rematada a operación 36 meses despois da vertedura ao certificar, dixeron, que o nivel de residuos detectable xa era "despreciable". 

En total, calcúlase que a perda ascendeu a 49 toneladas de microplásticos (segundo as autoridades, coas labores de limpeza lograrían sacar unhas 38 toneladas) e a orixe situouse nas condicións meteorolóxicas adversas que tamén afectaron a outros barcos, como o 'MSC Susanna'. "A falta de coñecemento sobre a mellor maneira de conter os derrames de pélets no mar e a ausencia dunha resposta planificada contribuíron a que se estenderan ao longo de miles de quilómetros dende Cidade do Cabo ata a costa de Australia Occidental", segundo apuntaba o informe. As autoridades da zona informaron de que só puideron recuperar un 25 % da carga do buque. 

UN BARCO SEN NOME PERDE 150 TONELADAS DE PÉLETS EN HONG KONG (2012)

En 2012, segundo apunta o informe de Fauna & Flora Internacional, derramáronse aproximadamente 7.500 millóns de pélets, o equivalente a unhas 150 toneladas proveñen do porto de Hong Kong, dun barco sen nome. As condicións meteorolóxicas ocasionadas polo tifón Vincent provocaron a caída de seis dos contedores que portaba o barco. As bólas de plástico dispersáronse polo mar e comezaron a chegar a terra.

Os voluntarios puxéronse mans á obra, mais "a ausencia de protocolos estandarizados de resposta a desastres ou dunha metodoloxía de limpeza fixo que dependeran de calquera ferramenta que estivera á súa disposición para limpar o derrame", segundo apuntou a propia organización no documento. Actuaron "con calquera ferramenta que estivera á súa disposición para limpar o derrame".

O 'MV RENA' PERDEU 150 TONELADAS EN NOVA ZELANDA (2011) 

Antes de que sucedera a catástrofe de Sri Lanka este foi calificado como o peor accidente marítimo da historia de Nova Zelanda. O buque 'MV Rena' encallara fronte as súas costas a finais de 2011 e partiuse en dous o 8 de xaneiro de 2012 debido aos golpes constantes das rachas de vento e os temporais marítimos. A uns 12 quilómetros da cidade portuaria de Tauranga, centos de toneladas de combustible espalláronse. Isto ocasionou tamén o desprendemento dunha cantidade estimada de 150 toneladas de pélets ao mar.

O accidente provocou a morte de máis de 20.000 aves mariñas, nunha contorna de elevada diversidade biolóxica. O domingo 9 de outubro, unha enorme mancha de petróleo de cinco quilómetros tinguiuse sobre o mar ameazando calquera tipo de vida mariña. En total, o barco transportaba 1.368 contedores con 1.700 toneladas de chapapote e 200 toneladas de diésel mariño, ademais de máis materiais perigosos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta