Pablo Cabezali, o 'youtuber' que visitou os 7 restaurantes máis interesantes de Galicia: "O que máis me gustou foi a empanada"

Con máis de 600.000 seguidores en YouTube, Pablo Cabezali, un recoñecido 'youtuber' gastronómico, visitou os restaurantes Silabario, en Vigo; D'Berto, en O Grove; A de Lino, en Moaña; O Lar do Leitón, en Ourense; Culler de Pau, en O Grove; Semáforo, en Fisterra; e O Noso Recuncho, en Betanzos. Así nos conta a Galicia Confidencial como foi a súa experiencia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/01/2024 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Galicia é sinónimo de boa gastronomía. Ben sabido é que unha das bases do turismo que cada ano chega ata a nosa terra é a comida, especialmente o marisco, aínda que tamén as carnes e o pescado. Por iso, a comunidade conta con moitos espazos de altísimo nivel culinario que descubrir. O 'youtuber' Cenando con Pablo (máis de 600.000 seguidores en YouTube) sabe ben que Galicia non defrauda e, por iso, quixo facerse unha ruta na que percorreu sete restaurantes distintos nunha semana: Silabario, en Vigo (máis de 120 reproducións); A de Lino, en Moaña (máis de 110.000); O Lar do Leitón, en Ourense (case 90.000); D'Berto, en O Grove (case 150.000); Culler de Pau, en O Grove (case 125.000); Semáforo, en Fisterra (máis de 190.000); e O Noso Recuncho, en Betanzos (máis de 115.000 reproducións). Dende Galicia Confidencial falamos con el de como foi a súa experiencia, das curiosidades da mesma e dos platos que máis lle sorprenderon. E, alerta, exclusiva: asegúranos que volverá antes de que remate 2024 coa idea de facer unha segunda parte desta serie de locais.

Pablo Cabezali, 'youtuber'
Pablo Cabezali, 'youtuber' | Fonte: YouTube

Cenando con Pablo é un proxecto que nace hai seis anos, en formato blog e reseñas, pero que se traslada a YouTube fai catro anos e medio, coa idea de crear un contido máis audiovisual. Para Pablo Cabezali (o seu creador), os restaurantes sempre foron centro da súa vida: "ía con familia, con citas, con amigos ou por traballo", calquera excusa era boa para sentarse ao redor dunha boa comida. E sabía que con Galicia, a boa comida estaba garantida, porque, como nos confesa, "ao final o produto que tendes ahí é boísimo, e o cariño que poñedes ao elaboralo". Así, partindo da base de que "teño moitos restaurantes que quero visitar, porque os vin en prensa, a compañeiros de profesión ou recomendados por seguidores, e como son un apaixoado deste mundo e me documento para ver o que se pode comer en cada sitio, había platos típicos de Galicia, como a tortilla de Betanzos, que quería ir probar si ou si".

Deste xeito, colleuse unha autocaravana e fíxose unha ruta dunha semana na que "puiden probar un montón de comida". "Disfruteina do lindo!", afirma Pablo. Elaborar a ruta non foi tarefa sinxela, pois ao chegar en novembro, xa despois da temporada alta de turismo, atopouse con que había locais que estaban pechados por vacacións, outros que os domingos, os luns ou os martes non abrían por descanso de persoal e outros que mesmo abrían poucos días porque nesta época do ano tiñan unha baixa demanda, como era o caso dalgúns restaurantes de Sanxenxo, segundo nos conta o 'youtuber'. "Tampouco quería ter que facerme moitas horas de coche para ir dun lado a outro e ao final conseguín cadrarme unha ruta con papel e boli durante uns cantos días, facendo reservas, modificando outras e demais, conseguindo un listado de lugares con moito gancho, pois ao final os creadores de contido vivimos moito da repercusión que teña o que nos documentamos", explica. 

'30 euros: el restaurante Estrella Michelin más barato de España', 'El restaurante de pueblo de las carnes maduradas', 'Venden agua por 17.500 euros', 'La mejor marisquería de España: D'Berto', 'Probando el mejor restaurante de Galicia', 'Reventé a marisco en el restaurante del fin del mundo', 'Probando la mejor tortilla de Betanzos'... Son os nomes dos seus vídeos, cos que Pablo está "moi contento" co resultado. Agora ben, despois de probalos todos, cal é o seu favorito? Pois como nos apunta, "polo factor sorpresa, o meu restaurante favorito foi o do Cabo de Fisterra, porque pensaba que ía ser o típico sitio turístico ao que vai moita xente e, ademais, ao ser un hotel sei que hai veces que non se coida moito a comida e é un pouco máis regulera". Con todo, neste caso, todo o contrario, "sorprendéronme gratamente, porque contaban con moitos produtos de mercado, de proximidade". Se tivese que dicir algúns quedaríase cos "longueiróns ou os berberechos". "Foi unha comida marabillosa, dende a empanada ata a tarta de queixo que fan eles mesmos, e sentinme moi acollido, foron moi amables", asegura, engandindo que "eu aos restaurantes sempre vou por libre, sen avisar de que vou gravar un vídeo".

Agora ben, se ese foi o mellor restaurante para el, cal foi o mellor prato, a comida que máis desfrutou? "Pois aínda que semelle unha tontería, as empanadas flipáronme", confesa Pablo, que apunta ás que probou en D'Berto, no Grove, ou no Semáforo do Cabo de Fisterra, que foron "moi memorables". "Ao final din un salto moi forte, porque ao final sei que en Galicia hai moita cultura do marisco, pero en Madrid tamén hai algúns sitios aos que che traen un marisco moi bo, como o grupo Pescaderías Coruñesas, mentres que as empanadas son algo que non como tan a miúdo e poderme lembrar de algo que disfrutei moito noutras ocasións xérache unha satisfacción maior", explica o 'youtuber'. E é que na súa vida diaria non adoita consumir empanadas, de tal xeito que valora moito o que "sexan caseiras, de preto, e poder ver un pouco os sabores, a masa, o sofrito... Foi brutal e xa estou desexando repetir!".

Un dos restaurantes que máis chamou a atención aos seus seguidores foi o do Lar do Leitón, en Ourense, que ten unha carta de augas moi extensa. Preguntámoslle se verdadeiramente se nota diferenza no sabor dunha auga que custa 10 ou 50 euros con respecto á que estamos acostumados a beber, xa sexa mercada do supermercado ou directamente collida da billa: "Si que se nota que son diferentes, pero tamén che digo que eu prefiro a auga tradicional, que ao final é a que estamos acostumados a beber e a que máis desfrutamos". Con todo, confesa que "cando vas a un local novo tamén buscas algo distinto e único e este ten o seu encanto, a súa maxia". De feito, destaca a amabilidade do persoal, porque "eu non avisei de que ía gravar e a rapaza que me atendeu foi encantadora, estívome explicando, sacoume moitas augas para que as probase...". Con respecto á comida, Pablo apunta que "ten unha carta de comidas moi cortiña, pero creo que paga a pena, porque ao final o sitio é coma un templo, coma un museo e, ademais, está moi ben de prezo".

E, como non podía ser doutro xeito, Pablo probou o marisco en moitos dos locais que visitou. Entre as diferentes variedades e as formas de preparalo, non dubida en resaltar o marisco que poñen en D'Berto, apuntando que "teñen unha centola vaga que está de morte e tamén desfrutei moito das volandeiras, teñen moi bo marisco neste local". E tamén resalta o marisco que consumiu no Faro de Fisterra. "A verdade é que en Galicia deime estes dous bos homenaxes de marisco, que é o voso como galegos, moi potentes". Pola contra, co que marchou un pouco decepcionado foi coa tortilla de Betanzos, non pola tortilla en si, senón polo local onde a probou, que conseguira o título da mellor tortilla de Betanzos. "Esperábame máis, ao final todo é cuestión de expectativas e se vas a un sitio que gañou o premio á mellor tortilla de Betanzos esperas que che impacte, e no meu caso impactoume negativamente", recorda Pablo, que lamenta que "foi un sábado e ao mellor non lle puxeron o mesmo cariño que se a fan un mércores a mediodía e a preparan con máis calma". Por iso, está convencido de que "a tortilla que presentaron ao concurso e a que eu me atopei eran distintas completamente".

Falando de prezos, aínda que o 'youtuber' ten entre os seus vídeos restaurantes de todo tipo, para todos os poderes adquisitivos, visitou tamén moitos Estrela Michelin, locais que polo produto que ofertan, a forma de preparalo e os galardóns que teñen elevan moito os prezos. En Galicia atopouse co máis barato de España: o Silabario, en Vigo, cun menú que anda nos 32 euros. Sobre el cóntanos que "o prezo sorprendeume, pero o nivel da comida si que é certo que aínda que estaba ben tampouco era para tirar foguetes". Deste xeito, Pablo cre que "para unha persoa entendida neste tipo de experiencias, seguramente o lugar non lle fascine, e pase por el un pouco sen pena nin gloria; pero para alguén que non está acostumado a estar en restaurantes que adoitan ofrecer estas experiencias por un prezo de tres cifras, poder ter un menú con pratos deste estilo a un prezo de 32 euros é algo moi interesante". "Vale cada euro que se paga", asegura.

E aínda que non era a primeira vez que Pablo visitaba Galicia, pois xa estivera fai uns anos en Viveiro e en varios locais de Vigo comendo, si era a primeira vez que o facía para documentar as súas visitas nas redes. Amósase moi agradecido coa amabilidade da xente dos locais e tamén co seu público, porque "a acollida foi moi boa". "Só teño boas palabras, fun a sitios mellores e a sitios peores, pero desfruteinos moito e, ás veces, non só é o que comes, senón onde comes, e mereceron moito a pena os espazos, as paisaxes, a xente dos pobos... Agora mesmo boto a vista atrás e añóroo, bótoo en falta", é dicir, como diríamos os galegos, ten morriña da nosa terra. Desfrutou dela todo o que lle permitiu o tempo, pois apunta que "a gravación de cada comida lévame unhas dúas ou tres horas". Entre comida e comida, doulle tempo a visitar o banco máis bonito do mundo, pola zona de Vigo, e tamén os grandiosos parques da Coruña, onde "non estivera nunca antes". Agora xa pensa en volver, pois "teño moitas cousas pendentes e espero que antes de que remate este 2024 estea por aí de volta para facer unha segunda entrega da serie".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta