Por que só se denuncian o 20 % das agresións sexuais? "Hai máis contras que pros na cabeza dunha rapaza de 14 anos"

O doutor en Psicoloxía e profesor da USC Antonio Rial Boubeta plantéxase repensar como se están abordando os casos de agresións: a policía debe estar formada para darlle confianza á vítima, non xulgala; habería que pensar se é preciso chamar aos pais ao momento; deberían poñerse os medios tanto xudiciais como psicolóxicos precisos dende as propias Administracións...

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As agresións sexuais son algo moito máis presente na sociedade do que nos gustaría. Trátase de condutas que, amparadas por substancias como o alcol e outras drogas e nese ambiente escuro do ocio nocturno, sofren semana tras semana moitas mozas, maiores de idade, pero tamén moitas menores. Os últimos estudos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderados polo doutor en Psicoloxía e profesor Antonio Rial Boubeta, demostran que unha de cada dez (o 12 %, en concreto) estudantes universitarias de Santiago sufriron agresión sexuais con substancias de por medio no ocio nocturno algún dos xoves ou venres que saíron de festa; e outros estudos apuntan a que un 2 % de menores de idade tamén sufriron agresións polo estilo. Trátase de cifras moi preocupantes, nas que só están recollidas aquelas mozas que se atreveron a contalo, pero cantas hai que non o fan por temor a sentirse xulgadas? 

Botellón
Botellón | Fonte: Arquivo

Rial Boubeta apunta a que "realmente só se denuncian o 10, o 15 ou como máximo o 20 % dos casos, non máis". E é que as agresións sexuais sempre parten, como indica, dunha "situación de indefensión da vítima, de confusión". "Estamos a falar de rapazas, a maioría, aínda que iso está cambiando, porque tamén hai cada vez máis afectación no colectivo homosexual, de gais e lesbianas, que se move nun círculo moito máis pechado e que non está exento de riscos", evidencia o psicólogo. E entran en xogo dous elementos nestes casos: "primeiro, o feito de que se a substancia que hai de por medio da agresión sexual é alcol xa hai que falar de vulnerabilidade química e non de sumisión química, e os expertos din que no 70 % dos casos xudicializados de suposta sumisión química nos que houbo análise xurídica chegouse a demostrar que non era sumisión, senón vulnerabilidade".

Este dato tamén é preocupante, porque vén a indicar que "a inxesta de substancias, sobre todo de alcol, na maioría dos casos, é consentida e compartida por agresor e vítima, e hai testemuñas". Isto fai que a vítima xa dubide de si mesma. "Se eu vou facer unha analítica, o protocolo di que hai que levar rapidamente á rapaza ao médico de urxencias, para que lle fagan unha evaluación, e ela vai pensar que se iso sucede vai 'cantar' que ela estaba ata arriba de alcol", ponse o psicólogo na mente do que podería pensar unha destas rapazas nunha situación deste estilo, na que se atopa "con niveis de consumo de alcol altos, desorientada, que non recorda ben o que lle aconteceu, que está asustada, confusa, polas propias circunstancias e tamén polo consumo de alcol".

"SE O PRIMEIRO QUE FAGO É CHAMAR AOS PAIS, AS RAPAZAS XA NON DENUNCIAN"

Se hai alcol, e tamén outras substancias de por medio, a rapaza vai ter medo a que se enteren os seus pais, porque "estamos falando moitas veces de menores de idade, de adolescentes, que pensan que se se enteran os seus pais non van saír da casa en dez anos". Ademais, algunhas chegan a pensar que "como eu lle seguín o 'rollo' ao principio e bebín con el, aínda que chegou un momento no que me asustei e díxenlle que parase, que non quería saber nada, pode que teña certa culpa". Rial Boubeta chama a "traballar sobre iso, dende o punto de vista preventivo, porque no protocolo hai unha fase de acollida na que sempre debemos tranquilizar á vítima e xerar nela a confianza suficiente para que me conte o que lle aconteceu, sacando de enriba da mesa a opción de que alguén vaia a ir na súa contra".

Portas da discoteca Ruta
Portas da discoteca Ruta | Fonte: GC - Arquivo

Neste senso, plantéxase se "haberá que replantexar se legalmente é obrigatorio ou non avisar aos pais nese momento", porque "se o primero que fago é chamar aos pais da rapaza porque estou obrigado pola lei, moitas rapazas xa non denunciarán". E é que incide en que "hai que darse conta de que en moitas ocasións as rapazas que queren denunciar están solas, despois de ter inxerido altas cantidades de alcol e, polo tanto, confusas e desorientadas e asustadas" e "habería que darlles unha fase de acollida na que teñan garantías de que realmente vai haber unha confidencialidade e unha comprensión co que conten, que ninguén as vai a xulgar, que non lles vai pasar nada nin van ter consecuencias negativas". 

Rial Boubeta tamén fai fincapé na importancia do círculo de apoio social das rapazas vítimas, pois cando estas chegan a denunciar a agresión sexual "vemos que as súas amigas non están ou directamente non queren saber nada". Cando, en verdade, incide en que "se ti tes unha amiga á que lle pasou isto tes que 'mollarte'", pero pensan que "se a apoian tamén os seus pais van saber que ela estaba borracha" e que "vaise meter nun lío", así que "non queren saber nada". Tamén contan co medo a "ter que ir a declarar". "Cada vez son máis os contras que suma nese momento tanto a vítima como o seu entorno, as súas amigas, co cal ao final remata por concluír que non lle compensa denunciar", expón o psicólogo, que pide traballar estas ideas "dende o punto de vista social e psicolóxico".

"UN POLICÍA NON PODE DICIRLLE ESTANDO CONFUSA: 'VIOLÁRONCHE OU NON?'"

E aínda que tamén é certo que pode haber casos de denuncias falsas, non se pode partir xa de primeiras da premisa de que todas as rapazas que chegan dicindo que sufriron unha agresión sexual non a sufriron, "hai que conceder o beneficio da dúbida". Para isto, Rial Boubeta considera que é fundamental "preparar aos profesionais debidamente, porque na primeira fase de acollida da vítima debe haber persoal formado". As vítimas o primeiro lugar a onde pensan acudir non é ao médico, senón á policía, e "hai unha carencia de formación na policía dende o punto de vista psicolóxico e humano". O profesor da USC asegura que "os policías deben coñecer os medos e as dificultades as que se enfrentan estas rapazas, e non poden poñer en dúbida a súa testemuña con frases como 'onde foi? non o recordas? a ver, filliña, violáronche ou non che violaron?', porque senón a rapaza colle medo e 'tira a toalla', bótase a chorar e desmorónase".

É fundamental que haxa un plan de acollida, por tanto, e que nesa acollida inicial haxa persoal debidamente formado, como expón Rial Boubeta, "preferiblemente mulleres, e terá que haber xente con formación específica de guardia un venres ou un sábado pola noite". Isto sumaríase a "ter ben estudado ata que punto é obrigatorio legalmente avisar o primeiro aos pais". Adoptando estes dous sinxelos pasos, na opinión do experto, "podemos conseguir que a rapaza vaia ao médico ou ao hospital ao momento, porque se tardamos 16, 18 ou 24 horas as probas da agresión sexual moitas veces desaparecen, porque a substancia deixa de ter presenza no torrente sanguíneo, co cal xa perdemos probas". Ademais, e unha vez xa no hospital, o profesional cre que "faría falta un protocolo integral feito por un grupo de traballo integrado por expertos que funcionase". "Nos hospitais si hai algúns protocolos, pero non sempre se aplican ou non están implantados, directamente, ou ás veces os profesionais da saúde carecen de formación para aplicalos", expón.

"OS AVOGADOS TEÑEN QUE SER POSTOS DE OFICIO POLAS ADMINISTRACIÓNS"

Finalmente, centra as reivindicacións como investigador na materia en dar todo o soporte xudicial necesario ás vítimas para que estas rapazas se animen a levar adiante as denuncias de agresión sexual. "Ese soporte tenllo que dar a propia Administración", considera Rial Boubeta, que evidencia que "se ti tes un bo avogado a denuncia vai adiante, senón non che paga a pena porque vas sufrir moitísimo e non vas conseguir nada". E é que denunciar significa "sacar do peto, de entrada, uns 5.000 euros, e estamos falando de que moitas son rapazas menores de idade, de onde os sacan?". "Iso non pode ser, os avogados teñen que ser postos de oficio polas propias administracións públicas, dende o Ministerio de Igualdade", explica, e reivindica que "ese avogado non debería ser calquera, debería ser do melloriño, porque estamos a falar de rapazas menores, que son colectivos vulnerables, desprotexidos, e aos que se lle deben dar os medios precisos, todo o demais son contos chinos". 

A isto sumaríase tamén o apoio psicolóxico tras o suceso, pois "esas rapazas poden quedar moi tocadas a nivel psicolóxico". Así, pide que dende a propia sanidade pública tamén se poñan os medios e os profesionais necesarios a disposición destas rapazas. "Poder recuperar a túa vida, a confianza no outro sexo e ter unha relación de parella normal no futuro despois de ter sufrido unha agresión sexual é algo moi complexo e moitas rapazas non o dan superado sen os medios adecuados que as axuden", asegura Rial Boubeta. "A prevención está na educación, claramente, e esta afecta tanto ao colexio, como ás familias, pero tamén aos videoxogos, ás redes sociais, ao consumo de drogas e de alcol...", conclúe o experto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta