Os adultos que tiveron móbil antes dos 6 anos son máis propensos ás adiccións e ideas suicidas, segundo estudos

Dende Ecoloxistas en Acción veñen de publicar unha guía básica para nais, pais e docentes sobre medios dixitais, titulada 'Medrar de forma saudable nun mundo dixital', coa que pretenden respostar, aportando evidencias científicas e datos, ás preocupacións dos pais e minorar as problemáticas da dixitalización na educación e na vida cotiá.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 20/01/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Vimos dun ano (o 2023), moi complexo dende o punto de vista educativo. As novas tecnoloxías fóronse introducindo pouco a pouco nos últimos tempos na vida diaria dos rapaces, tanto nas súas casas como nas escolas. Cada vez hai máis alumnos que estudan e fan os deberes nun ordenador habilitado para tal fin, e que xogan nos móbiles que cada vez lles mercan os seus pais a menor idade. En Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou xa a significativa ampliación do protocolo que prohíbe o uso de móbiles nos colexios, estendéndoo tamén ao horario lectivo, incluíndo nel os tempo do comedor e das actividades escolares. Pola súa banda, os pais plantéxanse como dicirlle aos nenos que non poden usar o móbil cando pasan máis de 8 horas ao día estudando diante dunha pantalla.

Como afectan os móbiles ao cerebro dos nenos
Como afectan os móbiles ao cerebro dos nenos | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Dende Ecoloxistas en Acción veñen de publicar unha guía básica para nais, pais e docentes sobre medios dixitais, titulada 'Medrar de forma saudable nun mundo dixital', coa que pretenden respostar, aportando evidencias científicas e datos, ás preocupacións dos pais e minorar as problemáticas da dixitalización na educación e na vida cotiá. E é que, como expoñen na propia guía, segundo as alertas emitidas dende ámbitos institucionais, científicos e profesionais, dende hai décadas, nenas, nenos e adolescentes son máis vulnerables aos campos electromagnéticos (especialmente ás radiofrecuencias dos móbiles e outros dispositivos sen cable); máis vulnerables ás alteracións do desenvolvemento neurolóxico e cerebral (uso precoz e abusivo de pantallas); e máis vulnerables en aspectos psico-comportamentais (condutas adictivas e problemáticas vinculadas ao ciberacoso).

Como apuntan na guía, a Sociedade Española de Protección Radiolóxica (SEPR) publicou en 2022 as súas reflexións e consellos de uso do móbil, nas que recoñece que os límites normativos de exposición actuais non atenden aos indicios de efectos nocivos potenciais en persoas sensibles ou vulnerables e coinciden coa maioría de expertos en que "é convinte manter unha actitude prudente" no uso dos móbiles, especialmente por parte de menores. Aconsella, por exemplo, non aproximar o móbil á cabeza (altofalante ou auriculares, primar mensaxes de texto e voz); limitar o número e duración de chamadas; evitar o contacto directo do móbil co corpo (non levalo no cinto ou petos do pantalón ou camisa); evitar as chamadas telefónicas ao viaxar (en tren ou automóbil); evitar chamadas con mala cobertura (como en ascensores); poñelo en modo avión cando non se vaia chamar; e evitar pantallas polo menos unha hora antes de deitarse (luz azul); entre outras.

No caso de tratarse de nenas e nenos, a SEPR lembra a súa vulnerabilidade potencial e solicita supervisar e limitar o uso de dispositivos sen fíos. E, en caso de precisar o seu uso: cargar previamente os contidos e deshabilitar a conexión sen cable (modo avión, sen wifi nin bluetooth); e lembra consellos como os da Academia Estadounidense de Pediatría (AAP), como "evitar a exposición dos nenos a teléfonos móbiles e outros dispositivos que emiten radiación electromagnética", así como "atrasar o uso de teléfonos móbiles para nenos, si é posible ata a idade de 14 anos".

NA PRIMEIRA INFANCIA, PANTALLAS PARA QUE? NON CON MENORES DE 2 ANOS

Recomendacións para o uso dos móbiles
Recomendacións para o uso dos móbiles | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A Organización Mundial da Saúde (2019) recomenda non usar pantallas cos menores de 2 anos e non máis dunha hora diaria entre os 2 e os 5 anos, co lema de 'Canto menos mellor'. Asociacións pediátricas lembran dende 2006 que ningún estudo apoia a introdución das tecnoloxías na infancia, a pesares de que cada vez é máis habitual ver en restaurantes e outros lugares públicos a pais e nais que teñen ao bebé no carrito co móbil nas mans para que estea calado e non moleste. Ao final, se lle poñen debuxos, o neno queda a mirar embobado para as formas e as cores, pero non se fixa no que sucede ao seu redor. 

O neurocientífico francés e director de investigación do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM), Michel Desmurguet (2019) asegura que segundo a investigación actual, "unha exposición diaria a pantallas de entre 10 e 30 minutos pode ser suficiente para provocar danos significativos no eido da saúda na etapa de 0 a 6 anos (período sensible)". Pola contra, non hai ningún estudo que mostrase vantaxas que xustificasen este uso. Ademais, a Sociedade Española de Proteción Radiolóxica (2022), solicitou supervisar ou limitar o uso de dispositivos sen fíos en nenas e nenos (máis vulnerables). Se necesitan algún uso, e mellor que sexa o dun dispositivo sen conexión e con contidos precargados. Pero, sempre que sexa posible, prefire que non se empreguen móbiles ata os 14 anos.

Pola súa banda, Unicef (2021), cando aínda non se vía esta estampa do neno co móbil as 24 horas de xeito tan frecuente, xa advertía de que "entre os 0 e os 6 anos de idade a tecnoloxía, en xeral, non brinda ningunha vantaxe adicional ao desenvolvemento de nenos e nenas". Pola contra, asegura que "o seu uso compite con experiencias que son útiles e enriquecedoras para o crecemento". Por iso, consideran que "é o contexto real o que ten que entreter, acougar e estimular a nenos e nenas a esta idade, non a tecnoloxía".

E A PARTIR DOS 6 ANOS? CANTO MENOS, MELLOR: NON MÁIS DUNHA HORA AO DÍA

E a partir dos 6 anos, dende o ámbito da neurociencia, o científico Michel Desmurget (2019) conclúe que "pasada a primeira infancia, calquera consumo lúdico de pantallas que supere a hora diaria leva prexuízos cuantitativamente detectables e, en consecuencia, pode considerarse excesivo". Ademáis a SEPR (2022) alerta de que "diversas axencias gubernamentais responsables da protección da saúde infantil recomendan evitar a exposición dos nenos a teléfonos celulares e outros dispositivos que emiten radiación electromagnética".

Dende o punto de vista da saúde mental, o estudo global de Sapiens Labs (2023), realizado sobre 30.000 adultos novos dos cinco continentes, alerta de que existe unha estreita relación entre a idade de adquisición do 'smartphone' ou a tableta e a saúde mental da persoa: ten mellor benestar mental adulto canto máis tarde tiveron estes aparatos; e aumentan os indicadores negativos canto máis precoz foi a súa adquisición. Nas mulleres, en concreto, hai case un 30 % máis que presentan problemas de saúde mental entre as que iniciaron o uso destas tecnoloxías aos 6 anos no canto de aos 18 (adiccións, desconexión da realidade, pensamentos ou intencións suicidas, agresividade cara os demais, alucinacións...).

E entre aquelas mulleres que iniciaron o uso do móbil antes dos 10 anos, o estudo apunta que na súa idade adulta están "clinicamente angustiadas". Os pensamentos e intencións suicidas foron o indicador medido que máis diminuíu en ambos os sexos ao aprazar a idade de adquisición do primeiro 'smartphone'. Finalmente, alertan da asociación atopada entre a idade de adquisición do móbil coa diminución da capacidade social e de resiliencia, e o aumento de pensamentos suicidas e agresividade.

O MITO DO NATIVO DIXITAL E A PERSOA MULTITAREFA. QUE HAI DE CERTO?

O amplo corpus de investigación demostra a inexistencia dun nativo dixital (o que se vén a considerar unha persoa con sofisticadas habilidades técnicas dixitais), nin dunha capacidade multitarefa (é dicir, unha capacidade de procesar de forma cognitiva múltiples fontes de información simultaneamente) atribuída ás novas xeracións. "Tamén mostra que, aínda que o alumnado desta xeración só experimente un mundo dixital conectado, non é capaz de manexar as tecnoloxías modernas" para construír un "coñecemento eficaz e eficiente". 

En base ao coñecemento actual, dende a guía educativa advirten de que, en base ao coñecemento actual, hay que "deseñar unha educación que asuma que a presenza inexistente desta habilidade multitarefa dificulta a aprendizaxe en lugar de favorecela", como apunta Paul A. Kirschner Pedro de Bruyckere (2017). De feito, investigadores da Universidade de Stanford (2009), amosan as disfuncións do procesamento de información da 'multitarefa tecnolóxica', que por un lado incapacita para discernir con éxito o importante do accesorio e, por outro, diminúe de forma significativa o rendemento da memoria de traballo, así como a perda da eficacia no cambio dunha tarefa a outra.

EXPOSICIÓN PRECOZ: "É COMO DARLLE AO NENO UN VASO DE ALCOL CADA MAÑÁ"

Os coñecementos neurolóxicos e pedagóxicos amosan que o consumo precoz de pantallas dificulta o desenvolvemento do dominio responsable do uso de devanditos medios dixitais, que se regulan na vida adulta: "a mellor preparación para un mundo dixital é unha infancia sen pantallas", e hai que atender a cada fase do desenvolvemento. Dende a área da neurobioloxía, a profesora e investigadora Gertraud Teuchert Noodt (2021) indica como os medios dixitais sobrecargan o sistema de recompensa de nenas, nenos e adolescentes, e interfiren na maduración do cerebro superior (bloqueo da liberación de dopamina para o cerebro frontal).

E é que, como expón, "a maduración desta parte do cerebro depende da subministración de dopamina durante a fase de desenvolvemento". "A mente superior non pode madurar así... é coma se lle desen ao neno un vaso de alcol cada mañá", comenta, e afirma que "mozos e adultos precisan capacidades cognitivas moi desenvolvidas para poder facer fronte ás esixencias do mundo dixital".

Dende o plano da educación e a psicoloxía, a doutora Catherine L'Ecuyer (2022-2023) define como un disparate afirmar que o adianto da idade de uso dunha tecnoloxía dixital fomenta o  uso responsable de devandita tecnoloxía: "É como dicirlle a un neno pequeno que se tome un vasiño de auga dunha boca de incendio e, ademais, sen que lle salpique". Fronte a isto, cre que "a mellor preparación para o mundo 'online' é o mundo 'offline', o mundo real". "O que ocorre ante a pantalla nesas idades temperás nas que aínda non se teñen todas esas calidades desenvolvidas como a temperanza e a fortaleza, é fascinación; non é atención sostida", expón.

AS HORAS PERDIDAS NA "ORXÍA DE PANTALLAS": "XAMAIS SE RECUPERARÁN"

Pola súa banda, dende o ámbito da neurociencia, Michel Desmurget, alerta de que as horas perdidas na "orxía de pantallas á que están expostas as novas xeracións, unha vez conclúan os grandes períodos de plasticidade cerebral da infancia e da adolescencia, xamais poderán recuperarse". E, dende a pediatría, advírtese de como desprazan estes aparellos ás actividades analóxicas necesarias para o desenvolvemento: "unha abafadora maioría de nenos dá prioridade aos móbiles e ás tabletas, porque lles recompensa constantemente de forma rápida". "Tárdase moito máis en obter a mesma recompensa facendo quebracabezas, xogando, facendo deporte ou lendo", explican dende a Asociación Sueca de Pediatría (2023).

E dende o punto de vista da docencia escolar, unha meta-análise realizada en 14 países amosou que a mera proximidade a un dispositivo móbil distrae ao alumnado, cun impacto negativo na aprendizaxe (Kates et all, 2018). En base a iso, a UNESCO recomendaba en 2023 excluír os teléfonos intelixentes das aulas a nivel mundial, o que foi recollido en leis ou normas en case un de cada catro países. E, sen ir máis lonxe, o pasado ano nais e pais e mesmo os centros educativos, en todo o Estado, comezaron campañas para evitar a presión social da introdución precoz e disruptiva do móbil en menores de 16 anos e cuestionaron os procesos de hiperdixitalización do ensino por non atender á idade de maduración apropiada para os usos dixitais.

Recomendacións para o uso dos móbiles
Recomendacións para o uso dos móbiles | Fonte: Ecoloxistas en Acción
Nenos usando os móbiles no recreo
Nenos usando os móbiles no recreo | Fonte: Getty Images - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta