Arzúa segue apostando polo seu 'Concurso de disfraces'

Será o domingo 4 de febreiro ás 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo e contará con máis de dous mil euros en premios para repartir entre catro categorías. O certame conta cunha gran participación e xente chegada de todos os puntos de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 24/01/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Despois do éxito do ano pasado, no que se achegaron a Arzúa máis de 350 participantes de distintos puntos de Galicia --cifra récord de participación--, este ano mantense a distribución das diferentes categorías e o formato --tipo gala-- no que se levou a cabo o concurso en anos anteriores.

Xan Veiga, presentador do Concurso de Disfraces. Foto: Concello de Arzúa.
Xan Veiga, presentador do Concurso de Disfraces. Foto: Concello de Arzúa.

Poderanse presentar, polo tanto, comparsas dun mínimo de nove compoñentes optando a premios de 550, 300 e 150 euros. Haberá un apartado de grupos de entre dúas e oito persoas con tres premios que ascenden a 300, 200 e 120 euros. Por último, establécense dúas categorías individuais, unha infantil de 0 a 17 anos e outra para adultos de 18 anos en diante. Os premios son de 120 e 80 euros para os primeiros e segundos postos, respectivamente de cada modalidade.

Co fin de fomentar a participación local, mantense tamén o premio Simpatía dotado de 100 euros dirixido a unha comparsa ou grupo do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado simpatía da valoración do xurado.

Para participar no concurso hai que inscribirse previamente no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao 981 500222 ata o 1 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00h.

Seguindo o formato do pasado ano, farase a xeito de gala e con público sentado. Será o domingo 4 de febreiro ás 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo e estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga.

Concurso de disfraces de Arzúa (2023). Foto: Prensa Concello de Arzúa.
Concurso de disfraces de Arzúa (2023). Foto: Prensa Concello de Arzúa.

CONCURSO DE ELABORACIÓN DE MECOS

Como novidade na programación deste ano, o Concello de Arzúa convocou un certame de elaboración de mecos. Toda persoa ou colectivo pode facer o seu meco e enviar unha foto do mesmo ao correo cultura@concellodearzua.com antes do 8 de febreiro ás 14:00h. O meco deberá estar colocado nun lugar visible (balcón, galería, establecemento comercial, centro educativo…).

Haberá un prazo de votación popular no que para votar o meco favorito farase cun “gústame” na paxina de Facebook e Instagram do Departamento de Cultura do 9 ao 15 de febreiro. O día 16 de febreiro publicaranse os gañadores que se farán con tres premios dotados de 300, 120 e 80 euros para os tres máis votados.

As bases dos concursos pódense consultar na páxina web do concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta