O pleno de Pontevedra pide unánimente ao Estado que estude alternativas menos lesivas para a autovía A-57

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/01/2024 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Pontevedra acordou por unanimidade dirixirse ao Goberno do Estado para que estude alternativas menos lesivas para o segundo tramo do trazado da autovía A-57, ao seu paso polas parroquias de Xeve e Bora. Os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal (Partido Popular, BNG e Partido Socialista) coincidiron na súa defensa das reclamacións dos veciños afectados por este tramo da denominada circunvalación de Pontevedra, entre A Ermida e Pilarteiros.

Un grupo de veciños acudiu ao Teatro Principal onde se celebrou esta sesión plenaria na que o PP defendeu unha moción, que foi emendada polo PSOE, e na que se reclama ao Estado que se "reevalúen as alternativas que poidan existir" para que as zonas de Xeve e Bora polas que debe atravesar a autovía non sufran danos ambientais e sociais. O portavoz do PP, Rafa Domínguez, sinalou que despois de 25 anos esperando por esta autovía "podemos esperar uns meses máis" e, de modo "sensato e prudente", repensar o proxecto para dar unha "resposta adecuada" aos afectados.

Pola súa banda, o portavoz do grupo socialista Iván Puentes, coincidiu en que esta obra ten un problema "importante" de afectación a particulares e a toda a zona que atravesa porque "divide" a estas dúas parroquias e os seus residentes "padecerán as consecuencias", algo que "nos debe preocupar". Tamén o BNG coincidiu nestes argumentos. "Por nós que non quede" engadiu o edil nacionalista César Mosquera.

"PUNTO DE INFLEXIÓN"

Os representantes da Plataforma de Afectados pola Autovía A-57 en Xeve e Bora esperan que a aprobación desta moción supoña un "punto de inflexión". Este colectivo agradeceu o apoio dos tres grupos políticos. O texto da moción aprobado este luns pide ao Ministerio de Transportes que escoite aos afectados e minimice os danos ambientais dun trazado que danaría 6.000 metros cadrados de Rede Natura no río Lérez. Tal e como está exposta está obra, afectaría tamén a patrimonio cultural, entre o que se atopan dúas mámoas, hórreos, lavadoiros tradicionais e un camiño medieval.

Ademais das expropiacións, a A-57 deixará moitas outras casas ao bordo de noiros e precipicios que se deseñaron para salvar os desniveis do terreo, unha zona con gran densidade de poboación tanto en Bora como en Xeve. Os propios informes do Goberno Central recoñecen que a vida a menos de 230 metros de vía será moi difícil, situación na que se atopan centos de veciños.

Obras da A-57 en Pontevedra
Obras da A-57 en Pontevedra | Fonte: ECOLOXISTAS EN ACCIÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

¿ Fan falta dúas autopistas ( ademais da estrada) entre Vigo e Pontevedra ? Paréceme moi excesivo