A CIG critica que Xunta e Goberno non conten co profesorado e os sindicatos para implantar a Lei orgánica de FP

Avisa de que tan só quedan cinco meses lectivos antes da súa aplicación e o profesorado, unha vez máis, comezará o próximo curso improvisando sobre a marcha sen coñecer con antelación nin poder preparar o que a impartir.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino criticou que tanto o Ministerio de Educación como a Xunta non contasen co profesorado nin coa súa representación sindical para implantar a Lei orgánica de Formación Profesional. Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato nacionalista sinala que esta norma empeorará a calidade da FP ao restarlle peso aos módulos profesionais, introducir a dualización en todos os ciclos, incrementar a privatización e deixar a porta aberta á contratación docente externa.

O sindicato insta o ministerio e á Consellería de Educación a convocar de inmediato tanto mesas sectoriais como aos Consellos de FP para abordar todos os borradores de Real Decreto que modifican os actuais títulos de FP básica, Ciclos Medios, Superiores e Cursos de especialización. Neles, segundo advirte a CIG, abórdase, entre outras cuestións a desaparición dos módulos de formación e orientación laboral (FOL), empresa e iniciativa emprendedora (EIE) e formación en centros de traballo (FCT), inclúense os módulos de nova creación e increméntase o tempo de permanencia na empresa desde o primeiro curso, así como tamén todos os proxectos de Real Decreto polos que se establecen os graos A, B e C de todas as familias profesionais.

O sindicato censura que para a elaboración de toda esta normativa, de "enorme transcendencia" e sobre a que este mes de febreiro terá que traballar unha comisión de profesorado de Galicia, non se contou coa opinión docente nin coa súa representación. Así mesmo, critica á Xunta por anunciar que está en exposición pública o decreto polo que se regula a ordenación da FP en Galicia desde o pasado 16 de xaneiro, cando non é certo, e por non prever con antelación licencias de formación e outras medidas que lle permitan ao profesorado preparar contidos e materiais dos novos módulos e graos que se van a implantar a partir do próximo curso.

O curso 24/25, segundo o sindicato, será outro exemplo de experimentación absoluta coa FP, como xa ocorreu noutras ocasións coa implantación do sistema de calidade e coas sucesivas reformas normativas, pero esta vez "de forma totalmente abrupta" e "caótica". O sindicato sinala que, por culpa da "improvisación" das dúas administracións educativas, a implantación da nova LOFP, tendo "algunha cousa positiva", suporá en xeral un empeoramento na calidade da oferta formativa cando menos na oferta dos graos D e E. Ademais, avisa de que tan só quedan cinco meses lectivos antes da súa aplicación e o profesorado, unha vez máis, comezará o próximo curso improvisando sobre a marcha sen coñecer con antelación nin poder preparar o que a impartir.

O conselleiro, Román Rodríguez no Centro Integrado de FP Carlos Oroza
O conselleiro, Román Rodríguez no Centro Integrado de FP Carlos Oroza | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta