A porta de entrada á ludopatía: "O 99,9 % das persoas comezan no xogo público, é dicir, coa famosa lotaría"

É habitual e está socialmente aceptado o ver colas de xente agardando para comprar os seus boletos de lotaría. Dun tempo a esta parte tamén se popularizaron os rascas. E, como advirte Gerardo Rodríguez, vogal de Agalure, dun ano a esta parte chéganlles mozos de entre 18 e 25 anos enganchados ás tragaperras, algo que antes non era o habitual, pois a súa adicción partía máis das apostas deportivas ou da ruleta.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/02/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cantas veces pasades por diante dunha administración de lotaría de camiño á vosa casa, ao supermercado ou ao traballo? E cantas desas veces hai xente esperando para selar un boleto? Se esta circunstancia se dá en fin de semana, hai veces nas que a cola sae do propio local. O que máis chama a atención é que a xente que agarda á cola máis de media hora non o fai para cobrar un boleto premiado, na súa maioría, senón para conseguir mercar novos boletos para os próximos sorteos. E é que na actualidade xa hai sorteos de todo tipo e con variedade de custes e premios: EuroMillones, Primitiva, Bonoloto, O Gordo, EuroDreams, Lotería Nacional, A Quiniela, LotoTurf, Quinigol, Quíntuple Plus, Cupón Diario, Cuponazo, EuroJackpot... e agora tamén os rascas da ONCE: Sete e medio, Sete da sorte, Rasca Platinum, Mega Millonario, Rasca Millonario... e outros moitos dispoñibles tamén online.

Rasca e gaña
Rasca e gaña | Fonte: YouTube

Pero igual de certo é que, aínda que nos poida chamar a atención que haxa tanta cola na administración de lotaría do noso concello, ninguén se bota as mans á cabeza por iso, como si as botamos cando vemos a persoas que levan dúas horas enganchados á tragaperras do bar ou casinos onde a ruleta está chea de mozos continuamente. Pensemos, onde está a diferencia? Haina realmente? Tal e como nos conta Gerardo Rodríguez, vogal e coordinador de programas da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), "a inmensa maioría, o 99,9 % das persoas que hoxe temos na asociación tiveron os seus inicios no xogo público, é dicir, no que tradicionalmente coñecemos como lotaría, e logo fóronse cara outros tipos de xogos nos que desenvolveron a súa adicción". Deste xeito, podería considerarse que a lotaría é unha vía de entrada a outros xogos nos que os ludópatas rematan por desenvolver a súa adicción.

Hoxe por hoxe, o gran problema que aprecia Gerardo Rodríguez é que "non hai un control de accesos" a moitas máquinas. Nos bares hai máquinas de apostas deportivas ou tragaperras ás que pode acceder calquera, tamén menores de idade, baixo a única advertencia de que 'o xogo está prohibido para menores de 18'. Ademais, agora xa hai tragaperras moito máis modernas das que coñecemos como as tradicionais, que teñen unha enorme pantalla dixital na que ti podes escoller o xogo que che interesa entre unha gran variedade (dende bingo ata ruleta, pasando por polos 'slots'). É dicir, nun casino no que hai estes xogos en físico un menor non pode acceder, pero no bar onde hai máquinas que lle deixan xogar aos mesmos de forma virtual si. "Todo xogo de azar ten que ter un control de acceso, tanto sexa público como privado, para protexer aos dous sectores vulnerables nesta adicción: os menores de idade e as persoas autoprohibidas (persoas que voluntariamente e tras darse conta de que eran adictas ao xogo presentaron unha solicitude ante as autoridades para que se lles prohibise a entrada en salóns de xogo)", demandan dende Agalure.

Fai tan só seis meses que se aprobou a nova Lei de Xogo de Galicia, pero esta segue contemplando o control de acceso ás máquinas de apostas e xogo como algo opcional nos establecementos de hostalaría. Gerardo Rodríguez considera, neste senso, que "os establecementos de hostalaría son eso, de hostalaría, non de xogo, e non pedimos que haxa un ollo clínico por parte dos propietarios como no caso das persoas que beben, pero sería sinxelo para lograr implantar tamén un control de acceso que na máquina de xogo houbese que introducir a clave pública do DNI, o DNI electrónico ou que se puxese un lector de DNI que puidese conectarse", pois, "a día de hoxe, as tecnoloxías xa avanzaron o suficiente como para poder facer iso". Así as cousas, confía en que "nun futuro non moi lonxano poidamos chegar a iso, pero en todos os ámbitos, non só no xogo privado, senón tamén no público, e cando falo de xogo público refírome ás Apostas e Lotaría do Estado e á ONCE".

"O ESTADO INCUMPRE A LEI: QUEN CANTA OS PREMIOS NA LOTARÍA DE NADAL?"

Lotaría
Lotaría | Fonte: iStock

E é que no xogo público ve un importante problema, pois "a lei do xogo di que os menores non poden intervir en ningún tipo de xogo de azar, pero o propio Estado incumpre a norma". "Na lotaría de Nadal quen canta os premios? Os menores, así que xa están intervindo nun xogo de azar, e non poderían", exemplifica o vogal de Agalure, que entende aos que din que "é a tradición", pero "tamén antes había a tradición de tirar unha cabra do campanario e modificouse". "Se somos quen de evolucionar en certas cousas tamén teremos que evolucionar noutras", considera, advertindo de que "non hai un lado bo nin un lado malo no xogo, é unha actividade legal, está legalizada en España, e polo tanto o que hai que facer é limitar e protexer aos colectivos vulnerables". E é que é innegable que a día de hoxe o xogo público está totalmente normalizado, do mesmo xeito que o estaba "fai 30 ou 40 anos darlle nunha boda a un menor unha copiña de ron e un puro, algo impensable a día de hoxe". 

Por iso, para actuar sobre a ludopatía, non só hai que traballar dende o punto de vista dos adictos ao xogo, senón a nivel social: "Hai que comezar a traballar de forma social, para que toda a sociedade e todos os axentes sociais sexan conscientes de que a adicción ao xogo existe, e a partir de aí ir evolucionando". Neste punto, Gerardo Rodríguez evidencia que "o xogo é legal, move moitísimos cartos, supón moitísimos ingresos para as arcas do Estado, move moitísimos empregos, pero non hai que esquecerse de que tamén ten unha parte que pode xerar adicción, que é pequena, pero que está aí, existe ese risco, e se existe ese risco haino que traballar". E, na súa opinión, traballalo non só quere dicir "poñer un carteliño de 'xoga con responsabilidade', porque aquí a responsabilidade a temos que ter todos, dende os empresarios ata a sociedade, porque non só é da propia persoa, a responsabilidade social corporativa tamén está aí".

OS RASCAS: "UN PROCESO DE ENSINANZA, DE HABITUACIÓN, PORTA DE ENTRADA"

E fraco favor se lle está a facer aos menores de idade coa popularización dos rasca e gana da ONCE. En calquera centro comercial, sen ter que ir ás oficinas en cuestión, pódese atopar a un destes vendedores de rascas, mesmo os levan os vendedores que van pasando polos bares. Trátase de cartóns moi atractivos á vista, de cores moi chamativas e vistosas, e mesmo con debuxiños que chaman a atención. Ademais, o premio é inmediato, ou che toca ou non che toca, sábelo ao instante e podes cobralo ao momento. Tamén implica por parte do comprador unha actividade, que é o rascado, que pode ser satisfactoria, máis que ter un boleto de lotaría e estar pendente do sorteo para ver se che toca. E o seu prezo parte dende tarifas moi reducidas: por cincuenta céntimos xa tes rascas á venda.

Como non vai ser atractivo para os menores? "O problema é que este é un proceso de ensinanza, de habituación, que se empeza a visualizar xa dende determinados videoxogos (que incorporan as coñecidas como 'lut boxes', e non se lle está a dar importancia, pero cando se pasa do virtual ao real salta a alerta", explica o vogal de Agalure, que cre que "hai poucas persoas que desenvolven adicción só con iso, pero serve de porta de entrada".

TRAGAPERRAS DIXITAIS RULETA: "UN PROBLEMA ENTRE OS 18 E 25 ANOS"

Partindo desa base de que o 99,9 % das persoas comezan xogando no xogo público, cal sería o seu seguinte paso? "O xogo privado, onde xa teñen o enganche, veñen as tragaperras, as apostas deportivas, o casino, o bingo...", explica Gerardo Rodríguez. E dende Agalure, nos últimos anos, "estamos observando que se ata fai pouco a raíña seguía a ser a tragaperras, agora cada vez hai máis adicción ás apostas deportivas nun rango de idade de entre os 18 e os 25 anos". Pero "tamén vén xente desa idade enganchado ás tragaperras, pero non ás tradicionais, porque ahora as tragaperras son maioritariamente dixitais, e veñen con xogos como a ruleta ou o bingo incluídos". Así, "se antes no tramo de idade dos 18 aos 25 anos viñan a Agalure por adicción ás apostas deportivas ou á ruleta electrónica de salóns, agora chégannos tamén mozos por adicción ás tragaperras, algo que ata este ano non nos tiña acontecido".

Tampouco hai que esquecerse de que moitos mozos actualmente vense influenciados, nunca mellor dito, polos denominados 'influencers', persoas que dende as redes sociais contan a súa vida e empatizan con eles, de xeito que cando promocionan produtos esa publicidade é moi efectiva. Dende que se prohibiu a estrelas de Hollywood ou a xente do mundo do fútbol promocionar casas de apostas, agora eles tomaron o relevo. Sobre esta cuestión, Gerardo Rodríguez invita a reflexionar: "Que a xente se pregunte por que publicitan estas cousas, o que hai detrás e por que só che contan cando gañan, gañan, gañan e non cando perden, perden, perde, cando no azar o normal é perder, o extraordinario é gañar".

Tragaperras dixital
Tragaperras dixital | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta