A Fiscalía abre expediente contra Sogarisa e a Xunta polos reiterados episodios de contaminación nas Somozas

Así o informan dende Adega.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 01/02/2024 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

A finais de 2023 Adega trasladou á Fiscalía delegada de medio ambiente do TSXG unha denuncia polas emanacións tóxicas da empresa UTE PMA-CONTECO (a antiga SOGARISA) no polígono das Somozas. Adega denunciaba o "obstrucionismo e escurantismo" da Xunta ao negarse a facilitar información analítica sobre as nubes tóxicas procedentes das instalacións desta empresa.

Episodio de contaminación nas Somozas
Episodio de contaminación nas Somozas | Fonte: Adega

No polígono industrial das Somozas ten as súas instalacións a empresa SOGARISA, antiga entidade pública actualmente participada pola Xunta nun 10 %. Dende 2017 xestiona xunto cunha UTE (UTE PMA-CONTECO / SOGARISA) o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galiza (CTRIG). Este centro procesa unha media de máis de 150.000 toneladas anuais de distintos tipos de residuos industriais e, como apuntan dende Adega, moitos deles son "tóxicos e perigosos": salgues metálicas, baños alcalinos, residuos acedos, crómicos, nítricos e cianurados, así como augas industriais, lixiviados de entulleiras, residuos líquidos orgánicos, residuos sólidos, pilas, baterías e fluorescentes.

No verán de 2022 SOGARISA foi noticia debido á contaminación provocada nos labores de inertización dos refugallos perigosos con CaO (óxido de calcio ou cal viva), o que provocou a emisión de nubes de vapor con compostos en suspensión que se estenderon polos arredores afectando a outras empresas do polígomo e e fincas veciñas. "Malia a que segundo a Xunta a empresa tomou medidas para evitar novas fugas de nubes tóxicas, hai uns días voltaron a repetirse", aseguran dende Adega.

PRESUNTO DELITO CONTRA OS RECURSOS NATURAIS E O MEDIO AMBIENTE

Adega solicitou á Xunta coñecer os resultados dos controis realizados en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada de SOGARISA. A D. X. de Calidade e Avaliación Ambiental denegou o acceso a esta información. En consecuencia, ADEGA denunciou na Fiscalía as irregularidades na actividade empresa relacionadas coa contaminación provocada polas nubes de CaO e a negativa de la Xunta a subministrar los datos analíticos de control da actividade.

O Ministerio Público considerou que os feitos denunciados poden constituir indiciariamente un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente (art. 325 e seguintes do Código Penal) por parte da empresa e outro de prevaricación administrativa (art. 404 dol CP) por parte da Xunta. Como a comisión dos supostos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente e de prevaricación administrativa conexo prodúcese no lugar da actividade industrial da UTE PMA-CONTECO (SOGARISA) na localidade de As Somozas, a Fiscalía delegada de medio ambiente acorda remitilo á Fiscalía de Área de Ferrol.

Adega agarda que a actuación da Fiscalía contribúa a rematar cos continuos episodios de contaminación neste polo de residuos industriais que poñen en risco a saúde ambiental e cidadá. Asemade, urxe depurar as responsabilidades dos cargos da Xunta cuxa inacción e permisividade convertíu As Somozas no "buraco negro" da xestión dos refugallos industriais en Galiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta