Novo desafío á Xunta do PP en plena campaña cunha protesta que pide orzamentos "xustos" para o Sergas

A cita, fixada antes da convocatoria do 18F, acaparará o foco da campaña ao acudir os candidatos de BNG, PSdeG, Sumar e Podemos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2024 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública volve chamar a toda a cidadanía a participar este domingo, 4 de febreiro, nunha gran manifestación en Santiago de Compostela para pedir á Xunta uns orzamentos "xustos" para o Servizo Galego de Saúde (Sergas), xa que considera que os actuais non cobren as súas necesidades.

Será unha protesta que arrincará na Alameda compostelá ás 12.00 horas e que conta co apoio de diversos colectivos, entre eles sindicatos, asociacións de pensionistas e, mesmo, partidos políticos. De feito, inevitablemente esta manifestación, a pesar de que leva convocada desde principios de decembro, semanas antes de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocase as eleccións do 18 de febreiro, centrará a axenda de campaña da oposición e outras candidaturas de esquerdas que tamén forman parte da plataforma convocante.

E é que os candidatos Ana Pontón (BNG), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Marta Lois (Sumar) e Isabel Faraldo (Podemos) acudirán á protesta acompañado doutros alcaldes e destacados nomes dos seus respectivos partidos. En calquera caso, o motivo da manifestación de SOS Sanidade Pública é o de denunciar que os orzamentos do Sergas para 2024 "non responden as necesidades reais" do servizo e "consolidan a situación actual de enfraquecemento e privatización".

Esta plataforma denuncia especialmente a situación da Atención Primaria, que está ao "límite" e que "necesita un impulso importante para poder desenvolver as súas capacidades". "E este impulso non aparece nos orzamentos presentados, que están lonxe do obxectivo do 25% do orzamento da sanidade pública (que fixa a OMS), quedando no 14%", asevera.

Considera, ademais, que a atención hospitalaria continúa "arrastrando" un problema de accesibilidade, "con listas de espera non publicadas", en referencia ás non estruturais; e unha "importante" falta de profesionais, "que teñen que atender a máis pacientes ingresados que os que recomendan as sociedades científicas". No que respecta á saúde mental, a plataforma ve "evidente" que o Sergas "non está a dar a resposta que se necesita" na sociedade. Así, denuncia o "elevado número de psicofármacos que toma a poboación" e reclama a presenza da psicoloxía clínica na Atención Primaria.

CRÍTICAS DE COMESAÑA

Esta mesma semana, o conselleiro de Sanidade,  Julio García Comesaña, defendeu os investimentos e a xestión do seu departamento para criticar a manifestación convocada para o domingo en Santiago por SOS Sanidade Pública, que busca "seguir desprestixiando" ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).

"Mentres uns investimos en tecnoloxía e nos mellores tratamentos posibles para os pacientes, outros invisten en financiar autobuses, pancartas e escenarios para seguir desprestixiando a sanidade pública", afeou García Comesaña.

Varias persoas cunha pancarta en defensa da sanidade pública, durante unha manifestación convocada para demandar 'máis recursos' para Atención Primaria
Varias persoas cunha pancarta en defensa da sanidade pública, durante unha manifestación convocada para demandar 'máis recursos' para Atención Primaria | Fonte: César Argina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta