Santiago prepara un Entroido cun 'meco' inspirado na crise dos pélets e o pregón a cargo do grupo De Vacas

O 'meco' abrirá as festas este sábado, día 10, cun percorrido polas rúas de Compostela (desde a Praza de Cervantes) para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña, onde permanecerá ata o día 14, cando será queimado na Praza Roxa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2024 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

Santiago abrirá esta fin de semana as celebracións do Entroido, que contará este ano cun 'meco' inspirado na crise ambiental dos pélets e que terá como pregoeiras ao grupo musical De VacasA concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou este martes os detalles desta celebración nun acto no que tamén participaron Faia e Guillermo, do grupo De Vacas.

O 'meco' abrirá as festas este sábado, día 10, cun percorrido polas rúas de Compostela (desde a Praza de Cervantes) para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña, onde permanecerá ata o día 14, cando será queimado na Praza Roxa. Desde o Pazo de Bendaña, esta figura tradicional do entroido compostelán escoitará, do mesmo xeito que todos os presentes na Praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo do grupo compostelán De Vacas, "que fai versións musicais de éxito mundial cun formato 'retranqueiro' e divertido", lembrou a edil.

Desde o sábado e ata o martes 13 "varias comparsas e charangas percorrerán as rúas da cidade", así como "as asociacións folclóricas da cidade, Colexiata de Sar e Brincadeira, que animarán os entroidos rurais". A cita central da xornada do domingo será o Festival Infantil de Disfraces, que se celebrará na Sala Capitol e na que poderá participar calquera neno menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa. Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo.

O día grande do Entroido, o martes 13, traerá o desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Ao final do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20.00 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile. A concelleira anunciou que, como novidade este ano, "todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados van ir a un sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica pola súa participación".

O mércores, 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional "comitiva fúnebre" que levará ao 'meco' desde a Praza do Toural ata a Praza Roxa, coa participación das comparsas que o levaron o sábado: os Conformistas, A Ruliña e Os Armatroulas, para a súa incineración ás 21.00 horas. Poden participar todas as persoas que o desexen, que deberán vestir de rigoroso loito para a ocasión. A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla, que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente, e co Entroido de Conxo, que ofrecerá un amplo programa de actividades ao longo de toda a xornada.

Presentación das festas de Entroido de Santiago de Compostela
Presentación das festas de Entroido de Santiago de Compostela | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta