Besteiro di que cun novo goberno da Xunta "non haberá ningún neno sen pediatría en Galicia"

Avisa: "Vai haber sorpresa o 18F"que a mentira "envolve ao Partido Popular".

Por Europa Press / Redacción | Cobas (Ferrol) | 11/02/2024 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse este domingo no Carballiño a garantir que "non haberá ningún neno sen pediatría en Galicia" e respondeu ás declaracións de Rajoy ao asegurar que "quen pensa que o mundo se divide entre bos e malos, demostra que non é digno de gobernar aos galegos".

Besteiro ofreceu este domingo na localidade ourensá un mitin xunto ao alcalde, Francisco Fumega, nunha xornada que iniciou en Ferrol xunto ao expresidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero e na que tamén se desprazou a Vilalba para manter un encontro coa alcaldesa, Marta Rouco, e membros da agrupación socialista do municipio.

No Carballiño, comprometeuse a que haxa servizo de pediatría adecuado para as necesidades dos nenos e nenas da comarca e cargou contra o desmantelamento dos servizos e comprometeuse a que "non haxa ningún neno sen pediatría no Carballiño, en Ourense, nin en toda Galicia". Na súa intervención, mostrou a súa indignación pola situación actual do concello, que non conta con ningún pediatra. Ademais, trasladou o seu respaldo á mobilización dos veciños para reclamar este servizo que terá lugar o próximo 16 de febreiro.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no Carballiño
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no Carballiño | Fonte: PSDEG

"SORPRESA"

Tamén asegurou este domingo en Ferrol que "a mentira envolve ao Partido Popular" e acompaña ao titular do Goberno galego e aspirante popular á reelección, Alfonso Rueda, e avisou de que o próximo 18 de febreiro "vai haber sorpresa".

En mitin celebrado na Praza da Constitución de Ferrol xunto ao expresidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero e ante unhas 600 persoas, Besteiro pronunciouse deste xeito despois de que varios medios publicasen última hora do sábado que o líder o PP, Alberto Núñez Feijóo, estaría aberto a un indulto a Puigdemont condicionado a que sexa xulgado e que rexeite a vía unilateral e de que, instantes despois o PP matizase que, as súas condicións "non se deron cos indultos do procés".

Na súa intervención, Besteiro tamén prometeu que cando chegue á Presidencia da Xunta liderará un acordo entre a Xunta, os empresarios e os sindicatos para mobilizar 10.000 millóns de euros co obxectivo de elevar catro puntos a porcentaxe da industrial no PIB.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta